Home » coruna » Currently Reading:

​ O Concello afonda na súa aposta por un San Xoán sostible e amplía o dispositivo municipal destinado a minimizar o impacto ambiental da festa nas praias e barrios

junio 21, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña afonda este ano de xeito exponencial na aposta por un San Xoán sostible, polo que amplía o dispositivo municipal destinado a minimizar o impacto ambiental da festa. Segundo explicou en rolda de prensa a concelleira de Medio Ambiente, María García, “San Xoán é unha celebración de interese turístico que, á vez, ten un gran impacto ambiental, polo que é un dos retos que temos que afrontar de forma conxunta como cidade”. A campaña municipal deste ano ten por lema ​E dicían que non podiamos… Aínda podemos máis, xa que pretende mellorar os bos resultados de recuperación e tratamento de residuos obtidos nas pasadas edicións. “Dende que este goberno chegou a María Pita, afrontamos o San Xoán como un reto de cidade e apostamos por cambiar a dinámica ambiental coa que se enfocaba esta festa. Non podemos limitarnos só a limpar, senón tamén a sensibilizar. Os últimos dous anos melloramos moito, e esperamos seguir no mesmo camiño”, dixo a responsable municipal, que fixo fincapé nas sinerxias que o Concello implementou de cara ás tarefas de sensibilización. En concreto, 375 alumnos e alumnas de centros educativos da cidade p​ articipan no programa Móllate, ademais de diversas entidades integradas dentro da entidade Ecovidrio, catro grandes distribuidoras de alimentación que substituirán 177.500 bolsas de plástico por papel e colectivos como os Kilomberos de Monte Alto e outras asociacións (como o propio Deportivo da Coruña Feminino) que colaboran na div​ ulgación do proxecto ​Praias Vivas, destinado acoutar espazos realmente sostibles, onde as persoas poidan acometer as súas festas con compromiso do residuo cero.

Segundo comentou García, a ampliación do dispositivo municipal para un San Xoán sostible forma parte “dun cambio imparable iniciado por este goberno e que terá a súa continuación nos seguintes anos”. Así, aumentaranse tanto as illas de reciclaxe como os medios para favorecer o depósito de residuos, incrementaranse​ as superficies destinadas ao proxecto de ​Praias Vivas, así como o número de educadores e educadoras (53 persoas específicas nas praias con esa función). Este ano tamén se habilitarán espazos para persoas con mobilidade reducida, favorecendo a accesibilidade da festa.

Dispositivo ambiental nas praias

O dispositivo municipal habilitado especialmente para San Xoán conta este ano con 15 ​Illas de Reciclaxe, espazos especialmente deseñados para favorecer a recuperación e o depósito dos residuos, sen que estes quedan nas praias. Estas illas de reciclaxe estarán ubicadas en Riazor (5), Orzán (6), así como en Matadoiro, Lapas, San Amaro e Oza. Estes espazos contarán con contedores de vidro, de orgánico e outros de tipo obra de gran tamaño para o depósito de inorgánicos. Tamén estarán habilitados aseos, así como puntos de descarga de madeira (excepto nas Lapas, onde non se poderá baixar leña debido á protección especial deste enclave).

A maiores destas illas de reciclaxe habilitaranse 46 contedores de orgánico de 240 litros e outros 50 de inerte de 800 litros nas inmediacións das praias. Tamén existirán illas de reciclaxe, ademais de na contorna dos areais, na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor para atender ao público dos concertos e un total de 52 aseos portátiles ao longo de todas as praias, 10 a ambos lados da Coiraza. Por outro lado, os baños fixos de Riazor estarán abertos até as 06.00 horas da mañá.

Madeira

Como é habitual, o Concello tamén habilitará puntos de reparto de madeira para as fogueiras. En concreto, está previsto repartir, á partir das 19.00 horas do día 23, 120 toneladas de madeira en 14 puntos da cidade (12 no entorno de Riazor-Orzán-Matadoiro e dous máis en Oza e as Lapas). A concelleira explicou que o número de madeira que se reparte diminúe con relación a outros exercicios xa que o ano pasado quedou madeira sen repartir. Para esta tarefa haberá, ademais, 32 persoas que realizarán o traballo de repartidoras. Eses 14 puntos de reparto tamén quedarán habilitados para a descarga e recollida da mesma.

 

A baixada de materiais para as praias da cidade permitirase a partir das 19.30 horas. A este respecto, García recordou que “non se permitirá a baixada ás praias de mobles ou madeiras tratadas polo impacto que estes materiais teñen nas mucosas ao arder, ademais de polos residuos metálicos como cravos e demais que deixan na area”. Por outro lado, e dentro do dispositivo de seguridade, balizarase a liña de marea alta nas praias. “Este ano repetiremos a iniciativa que puxemos en marcha o pasado exercicio, por mor das mareas, e que funcionou moi ben como acción de sensibilización para evitar que a suba do mar poida arrastrar residuos”, comentou.

Accións de sensibilización

Por outro lado, a titular de Medio Ambiente tamén salientou a posta en marcha, por terceiro ano consecutivo, do proxecto de ​Praias Vivas, espazos acoutados de diversión con residuo cero. “Tras as experiencias en Matadoiro e Riazor, este ano sumamos a praia do Orzán”, comentou a edil. Estas zonas están xa marcadas no Paseo Marítimo con lonas identificativas. O sábado, a partir das 18.00 horas, aumentarase a súa sinaléctica de forma que sexan máis facilmente identificables. “Estes espazos convidan ás persoas que queiran situarse nos mesmos a desenvolver unha festa máis respectuosa coas praias”, indicou. “No caso do Matadoiro, toda a praia está dentro deste proxecto, como demostra o feito de que leva dous anos quedando practicamente limpa”, dixo.

Estes espazos serán atendidos por 32 persoas, sendo unha das novidades deste ano o feito de que as ​Praias Vivas ubicadas en Riazor e en Oza contarán con lugares adaptados para usuarios e usuarias con mobilidade reducida. “Para favorecer a accesibilidade desta parte da veciñanza, cousa que non se pode facer en todas as praias polas súas características, estarán dispoñibles ramplas de acceso e estruturas de madeira duns 30 metros cadrados nas dúas praias, ademais de baños adaptados nas ​Illas de Reciclaxe máis próximas”, expuxo.

Dende a mañá do sábado, e de cara a favorecer o seu coñecemento, repartiranse nas ​Praias Vivas 1.000 pulseiras, 1.500 chapas e 2.000 folletos sobre a necesidade de acadar o obxectivo do residuo cero.

Ademais, e dentro das accións programadas de sensibilización, destacan as que teñen que ver coa reciclaxe de vidro. Así, en colaboración con Ecovidrio repartiranse 6.000 ecovasos para fomentar a redución de residuos. Ademais da rotulación dos contedores de vidro co lema da campaña de ​Móllate deste ano (​Aínda Podemos Máis), 17 educadores e educadoras fomentarán a reciclaxe de vidro e distribuirán, nas contornas das ​Illas de Reciclaxe, rascas con sorteos para as persoas que entreguen o vidro nas mesmas até as 04.00 horas da mañá. Entre os premios inclúense entradas para o Aquapark de Cerceda, 100 miniglús de vidro e 10 bicicletas.

Recollida de residuos

O número de persoas no dispositivo específico de limpeza para San Xoán, entre praias e barrios superará as 130 persoas (estando 25 centradas no traballo na rúa). Ademais tanto na xornada do 23 como na do 24 o servizo de recollida e limpeza terá operativo un retén tanto durante a mañá, como pola tarde e a madrugada de cara a satisfacer calquera tipo de demanda de poida xurdir motivada por cacharelas que se poidan levar a cabo en lugares non permitidos. Por outro lado, durante a tarde do 23, dous camións estarán operativos na rampla de baixada ao Orzán e nas inmediacións do Pazo dos Deportes. Posteriormente, xa o 24, o dispositivo de limpeza e recollida habilitarase a partir das 06.00 horas da mañá, sendo precisa a evacuación das praias antes, para poder comezar contra as 06.30 horas.

Para dar unha mostra do alcance do dispositivo, García recordou que nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro actuarán até 70 persoas operarias da limpeza de mañá, que se verán reforzadas, a partir das 13.00 horas, con outro grupo de 25 persoas máis. Ademais, entre os medios mecánicos cos que se operará na zona se contan 9 tractores, 5 pas mixtas, 2 camións compactadores, 3 alxibes, 7 varredoras, 3 camións portacolectores, 1 máquina limpiapraias e distintos vehículos auxiliares.

Por outra banda, co obxectivo de facilitar as tarefas de limpeza, o servizo de recollida coordinarase coa Policía Local, de xeito que as avenidas do Paseo Marítimo, que van dende Curros Enríquez até Manuel Murguía permanecerán pechadas ao tráfico durante a mañá do día 24, procedéndose á súa apertura segundo as tarefas de limpeza vaian avanzando. A previsión é que contra as 12.00 horas esta zona quede xa aberta ao tráfico.

Móllate

Por último, a concelleira de Medio Ambiente salientou o esforzo das 375 persoas implicadas na campaña ​Móllate, que contou coa colaboración de sete centros educativos da cidade e a Fundación Érguete. Tras distintas iniciativas, a responsable municipal recordou que as accións de sensibilización se estenderán até o propio día 23 e, nestas xornadas, se centrarán na sensibilización nos barrios mediante a ​Furgo Surfeira, que dará información sobre as medidas individuais que pode levar a cabo a poboación para favorecer un verdadeiro San Xoán sostible.

Comment on this Article: