Home » Uncategorised » Currently Reading:

2.233 pemes, autónomos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás axudas do Plan de Emprego da Deputación da Coruña

mayo 11, 2018 Uncategorised No Comments

Un total de 2.233 pemes, autonómos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás liñas de axuda PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE, incluídas no Plan de Emprego (PEL) da Deputación da Coruña.

En concreto, 655 empresas da provincia presentáronse á convocatoria do PEL-PEMES, que subvencionará o 75% dos custes salariais das novas contratacións en empresas ubicadas nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, mentres que 1.578 iniciativas empresariais de recente creación dos 93 concellos coruñeses optan ás axudas do PEL-EMPRENDE para actividades e investimentos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o éxito da convocatoria, cunha gran acollida entre as empresas e os emprendedores da provincia, que practicamente triplica as solicitudes do ano pasado.

Formoso considerou que o elevado número de solicitudes rexistradas neste segundo ano de funcionamento do programa permitirá esgotar a totalidade dos fondos destinados ao PEL en 2018 e “cumprir os obxectivos plantexados polo goberno provincial tanto na creación de emprego como no apoio a emprendedores”.

O PEL naceu en 2016 como unha aposta estratéxica do goberno provincial para fomentar a creación de emprego no sector público e privado e supuxo multiplicar por seis o investimento que a Deputación da Coruña viña realizando nesta materia cun investimento record de 30 millóns de euros durante o presente mandato co obxectivo de apoiar a creación de de 3.000 postos de traballo directos. A día de hoxe, preto de 1.500 coruñeses e coruñesas atoparon xa un emprego ou obtiveron unha axuda para o seu negocio a través do PEL.

O Plan de Emprego da Deputación conta con tres liñas fundamentais destinadas a fomentar o emprego en concellos (PEL-Concellos), a contratación de persoal en pequenas empresas (PEL-Pemes) e a impulsar proxectos emresariais de recente creación (PEL-Emprende).

Empresas de Ordes, As Pontes, Santa Comba e Mazaricos presentan o maior número de solicitudes ao PEL-PEMES

As axudas da liña PEL-PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros, están destinadas ás pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia e cubrirán o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluídas as cotas á Seguridade Social, por un período dun ano.

A esta liña presentáronse este a ano un total de 655 solicitudes, das que 107 son de renovación dos 224 traballadores contratados o ano pasado ao abeiro deste programa. A maior parte das solicitudes desta liña proveñen de empresas ubicadas en Ordes (37), As Pontes (37), Santa Comba (37) e Mazaricos (33).

Por comarcas, a meirande parte proveñen da comarca de Ordes (12%), seguida da de Xallas (10%), Fisterra (8%) e Betanzos (8%).

A Coruña, Santiago, Ames e Oleiros, as que máis solicitan axudas para emprendedores

O programa PEL-EMPRENDE, destinado a apoiar ás empresas coruñesas de recente creación en investimentos e actividades necesarias para o desenvolvemento do seu negocio, rexistrou este ano un total de 1.578 solicitudes que proveñen dos 93 concellos da provincia.

Por concellos cabe destacar o importante volume de solicitudes rexistrado na cidade da Coruña (329 solicitudes por importe de máis de 2,5 millóns de euros), Santiago (137), Ames (52), Oleiros (49) e Carballo (48).

A comarca coruñesa agrupa a maior parte das peticións, con 540 solicitudes o 34% do total, seguida da de Compostela (15%, 244 solicitudes) e Ferrol (10%, 163 solicitudes).

PEL-Concellos, 500 empregos cada ano nos municipios coruñeses

A última liña, o PEL-CONCELLOS conta este ano cun orzamento de 3 millóns de euros que se destinan á contratación de persoal nos 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Os concellos perciben entre 19.000 e 52.000 euros ao ano, en función do número de parados, para facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego.

Maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro ou en risco de exclusión social benefícianse especialmente deste programa que permitiu a contratación de 996 persoas entre 2016 e 2017.

Con esta liña, o goberno provincial espera crear en 2018 arredor de 500 empregos, dado que os 82 municipios coruñeses que podían optar ao programa presentaron este ano a súa solicitude.

Comment on this Article:







*