Home » coruna » Currently Reading:

A Cátedra de Dereito Local organiza este venres un curso sobre a nova normativa de protección de datos

julio 11, 2018 coruna No Comments

A Cátedra de Dereito Local, constituida pola Deputación e a Universidade da Coruña para o estudo de cuestións relativas a aspectos xurídicos que afectan á administración municipal, organiza este venres, 13 de xullo, a partir das 10.00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Dereito da UDC, un curso sobre os dereitos e obrigas das entidades locais en relación á protección de datos persoais no Regulamento UE 2016/679 e no Proxecto de Lei Orgánica de Protección de Datos.

Trátase dun tema de plena actualidade e de interés para os concellos, pois o novo regulamento europeo de protección de datos, que entrou en vigor o pasado 25 de maio, afecta ao conxunto de entidades públicas e privadas da Unión Europea. Trátase dunha norma comunitaria de aplicación directa, que recolle unha serie de obrigas de relevancia con amplo impacto nas administracións públicas.

Ao mesmo tempo, as Cortes Xerais están a tramitar a futura Lei Orgánica de Protección de Datos, que complementará e aclarará a nova normativa europea neste ámbito.

A xornada, dirixida e moderada polos catedráticos Carlos Amoedo e Francisco Javier Sanz Larruga, será inaugurada polo deputado povincial Xesús Soto e contará coa participación de especialistas como Víctor Salgado (avogado especialista en TIC), Iñigo Pintos e Teresa Regueiro, do bufete Pintos & Salgado, e Ramón Álvarez Veiras, técnico do Concello da Coruña.

Trátase dunha nova xornada da Cátedra de Dereito Local da UDC, financiada ao 100% pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo impulsar a formación e a investigación en cuestións xurídicas de relevancia que afecten aos concellos da provincia. Dende a súa creación a finais do pasado ano, a Cátedra xa organizou cursos sobre cuestións coma a Lei de Contratos do Sector Público, que afecta aos procesos de contratación dos municipios, ou a Lei de Espectáculos, que afecta á celebración de máis de 4.000 festas e verbenas en Galicia.

Comment on this Article:

A %d blogueros les gusta esto: