Home » coruna » Currently Reading:

A concelleira de Igualdade reclama atención sanitaria polas tardes no COF de Orillamar e censura que o Sergas leve seis anos sen cubrir a praza de Xinecoloxía no do Ventorrillo

mayo 12, 2018 coruna No Comments

​A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, fixo balance da actividade do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, que xestiona o Concello de maneira compartida co Sergas. Fraga lamentou a “perda de calidade asistencial” que nesta materia se produce na cidade debido a que o COF do Ventorrillo, que depende do servizo de sanidade autonómico, “leva sen cubrir a praza de Xinecoloxía dende 2012”. “Isto provoca que o COF de Orillamar debe asumir gran parte das usuarias que precisan o servizo de xinecoloxía, o que supón un detrimento na atención e na calidade a pesar do gran equipo que hai no centro”, afirmou. Así, a edil exemplificou a situación no número de primeiras consultas que se derivan dende o Ventorrillo pola falta deste tipo de atención: das 1.613 primeiras citas que se atenderon en 2017, un 30% foron derivadas dende o Ventorrillo. A este respecto, Fraga lamentou que dende a dirección do CHUAC, coa que mantivo hai un ano a última reunión para reclamar que se cubra a praza de Xinecoloxía, “non haxa intención” de restablecer este servizo. “Pero seguiremos insistindo”, avanzou.

Nesta liña de reclamacións para ofrecer unha mellor atención ás usuarias do COF, Fraga incidiu na necesidade de recuperar a atención sanitaria polas tardes. “Vimos como se foron recuperando os horarios de tarde para as especialidades agás no COF, polo que cremos que se trata dun motivo ideolóxico”, censurou a titular da área de Igualdade. Pola banda do Concello, Fraga indicou que se seguirán a reforzar e facilitar actividades en horario de tarde para a xente moza, nunha programación “na que seguirá faltando a parte sanitaria”. Ademais, a edil reclamou un protocolo para a interrupción de embarazos de máis de 14 semanas do que o Centro de Orientación Familiar continúa a carecer, “de novo pola falta de vontade da Xunta”. “O SERGAS segue a derivar mulleres a Madrid para estes abortos, sen avanzarlles os gastos para sufragar estas viaxes, que algunhas mulleres non poden pagar, aínda que despois se lles devolva. Tampouco se paga o aloxamento para unha persoa acompañante e tampouco a pernocta tras a interrupción do embarazo, o que fai que quen non se pode pagar unha noite en Madrid teña que volver ese mesmo día no tren se atope como se atope”, reflectiu Fraga.

Na presentación participou tamén o director do Centro de Orientación Familiar de Orillamar, Xosé Vidal, que reclamou “o dereito para a muller de escoller libremente o método” para a interrupción voluntaria do embarazo. Así, indicou que é preciso “garantir en igualdade de condicións para os métodos” e que a administración non “oferte unicamente unha das técnicas”. O COF ten dispoñible dende 2015 o método farmacolóxico para embarazos de menos de oito semanas, ademais do de aspiración que habitualmente ofrece o Sergas.

Balance

O Centro de Orientación Familiar de Orillamar atendeu durante 2017 un total de 15.476 consultas, das que un 49% estiveron relacionadas coa especialidade de Xinecoloxía. Das restantes, un 30% precisou a atención de Enfermería, un 7,5% de Traballo Social, un 6% recibiu información grupal, nun 3,7% dos casos interveu o servizo de Psicoloxía e nos restantes, un 2%, tratouse dunha urxencia. Fraga destacou que o pasado ano aumentaron as primeiras consultas en 107 persoas dun total de 1.613 e nas que no 70% dos casos o motivo da visita son sobre os métodos anticonceptivos, o 26% por interrupción voluntaria do embarazo e o resto por consulta psico-sexual. O perfil destas persoas usuarias é dunha muller (no 93% dos casos) cunha idade media de 31 anos.

En canto as interrupcións voluntarias do embarazo, a concelleira indicou que o COF atendeu en 2017 a 664 mulleres, fronte as 509 do ano anterior, o que supón un incremento do 30%. Destes casos atendidos o pasado ano, un 20% procedían de derivacións do COF do Ventorrillo. O perfil é dunha muller de 29 anos –nun 11% dos casos hai persoas de menos de 20 anos–, no que se detecta que nun 35% dos casos son repetidoras. “Nós interpretamos isto como unha necesidade do reforzo na formación, prevención, sensibilización e educación en materia afectivo-sexual”, indicou Fraga. Para a realización da interrupción do embarazo, a concelleira indicou que nun 76% dos casos derívase á muller a unha clínica concertada, polo que reclamou que estas se fagan dentro da sanidade pública. Das restantes, un 16% fanse no COF “gracias á implantación do aborto farmacolóxico antes das oito semanas que se conseguiu debido ao esforzo dos traballadores e traballadoras do servizo”, segundo explicou a edil, e un 7% deles, os de máis de 14 semanas, deben ser derivados a centros en Madrid.

Fraga repasou tamén os obradoiros en materia afectivo-sexual realizados no pasado ano nun traballo de continuidade dirixido á mocidade. Así, impartíronse 41 obradoiros con 823 participantes en 13 institutos, leváronse a cabo 18 funcións teatrais para protexer á infancia dos abusos sexuais en seis escolas con 478 participantes e celebráronse 14 pases de contacontos teatrais na rede de bibliotecas municipais dirixidos a nenas e nenos de entre tres e sete anos. Este ano, o COF continuará coas campañas de difusión e sensibilización para as que se reeditarán diversos materiais e proseguirá tamén a relación con entidades que representan a colectivos vulnerables.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...