Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Culturas presenta a primeira edición do Festival de Música Contemporánea RESIS, “unha proposta cultural de calidade que explora a vangarda e o coidado da tradición”

mayo 6, 2018 coruna No Comments

​A Coruña acolle este mes de maio a primeira edición do Festival de Música Contemporánea RESIS, unha iniciativa que nace co apoio do Concello da Coruña e que ten como finalidade dar a coñecer entre a veciñanza a creación e interpretación de música contemporánea. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a proposta, que se desenvolverá até o vindeiro día 26 en distintas localizacións do termo municipal, “a través do uso dunha multiplicidade de espazos, alén dos municipais e públicos, nos que se pode desenvolver a vida cultural”, como son a Fundación Luís Seoane, a antiga Fábrica de Tabacos ou a igrexa de Santiago. “A orientación do festival é clara e vai na liña da aposta do goberno local. Afonda, por unha banda, na expansión do feito artístico; pero tamén na vangarda, no coidado da tradición e na combinación destas dúas. Estamos a falar dunha proposta que aposta por unha idea de cultura e arte de calidade”, sinalou Sande. O festival, que inclúe na súa programación concertos e mesas redondas, “dá pé tamén a achegar e reforzar o aspecto da propagación, aprendizaxe e divulgación da música así como doutras vertentes artísticas”, explicou o responsable municipal, que estivo acompañado na presentación por organizadores de RESIS.

Tal e como apuntou un dos directores do Festival, Ramón Otero, a idea fundamental que pretende a proposta “é mudar a perspectiva sobre a música contemporánea, para que chegue dun xeito máis próximo á veciñanza”. Neste sentido, o músico salientou que o festival apostará por poñer en común a sonoridade con outras disciplinas artísticas. “RESIS é unha proposta multidisciplinar que quere abrir tamén un diálogo coa veciñanza”, afirmou o organizador, quen destacou a realización de encontros con compositores “para xerar conversa arredor deste eido”. Tanto as mesas redondas como as actuacións serán presentadas e moderadas pola poeta Estíbaliz Espinosa.

Tras a conferencia inaugural do pasado mércores 2, este sábado 5, ás 12.00 horas, a Fundación Luís Seoane acollerá unha mesa redonda na que se abordará a relación entre a palabra e a música contemporánea, e na que participarán Manuel Borrás, Abraham Gragera, Luz Arcas e Hugo Gómez-Chao Porta. Pola noite, contra ás 21.00 horas, terá lugar a estrea da obra El tiempo menos solo​, do propio Gómez-Chao, na igrexa de Santiago. De cara aos vindeiros días, o sábado 12, ás 20.00 horas, a sala Nautilus do Aquarium Finisterrae acollerá o concerto ​Kalligraphie. Música para o que non está escrito, ​no que participará o cuarteto de corda do Grupo Instrumental Siglo XX de solistas da Sinfónica de Galicia, cun repertorio que abranguerá desde obras recentes até partituras de Johann Sebastian Bach.

A actividade da seguinte semana centrarase ao redor do venres 18 de maio. De novo a Fundación Luís Seoane será o escenario do concerto ​Signos, xogos e mensaxes. Visións do 68, que contará co violinista Florian Vlashi e a voz de Eva Vieites, quen recitará versos da obra Os desterrados, de Luís Seoane. A actuación comezará ás 20.45 horas e contará con proxeccións audiovisuais e unha degustación de viños. De seguido, ás 21.30 horas, o grupo Mirasons presentará a súa instalación sonora Pasax3s. ​Tamén o venres 18 a Casa Museo Emilia Pardo Bazán será sede de RESIS, ao acoller a intervención audiovisual ​A inquietude das cousas da artista arxentina Romina Casile, nunha proposta que vinculará aos espazos de Pardo Bazán que forman parte do imaxinario colectivo.

Finalmente, o Festival RESIS pecharase o sábado 26 de maio, ás 20.30 horas, co concertoNocturnos​, no que o pianista Carlos Martín interpretará un amplo repertorio con obras de autores actuais, como Fernando Buide, até consagrados como Frédéric Chopin, a quen debe o seu nome esta actuación. Durante a cita, exporase a obra plástica do coruñés Xurxo Gómez-Chao que dá pé á imaxe do festival. Esta gala de clausura terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán da Audiencia

Provincial da Coruña, no edificio no que se situaba a antiga Fábrica de Tabacos.
Para máis información sobre o Festival RESIS, pódese visitar o web ​www.resisfestival.com​.

Comment on this Article:







*