Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Medio Ambiente amplía ao areal do Orzán o programa ‘Praia Viva’ para a redución de residuos no San Xoán, unha iniciativa que “busca vivir a celebración dun xeito sostible”

junio 7, 2018 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, informou das novidades que terá este ano a ​Praia Viva​, unha iniciativa para “crear espazos de diversión sen lixo” que crecerá na súa extensión e chegará tamén ao areal do Orzán co obxectivo de “mellorar o resultado do ano pasado, ampliar as zonas e buscar unha maior concienciación e numero de persoas implicadas en vivir San Xoán dun xeito diferente, máis sostible”. O Concello delimitará este ano espazos reservados para a Praia Viva en Riazor e Orzán, ademais de todo o areal do Matadoiro, nos que “as persoas que accedan comprometeranse a reducir en todo o posible a produción de residuos e a manter a praia limpa”. Nestes espazos, nos que por primeira vez haberá zonas delimitadas para persoas con mobilidade reducida, estarán traballando educadores e educadoras facendo labores de sensibilización sobre a necesidade de reducir a xeración de residuos e a súa a correcta separación. A ​Praia Viva​, que comezou hai dous anos no areal do Matadoiro, é unha iniciativa máis entre as postas en marcha polo Goberno local para acadar un San Xoán Sostible, é dicir, unhas festas máis comprometidas co coidado do ambiente.

Tal e como explicou a concelleira, o Goberno local pretende implantar de maneira progresiva un espazo de festa que sexa respectuoso co ambiente “para amosar e amosarnos que somos quen de gozar da celebración dun xeito ambientalmente responsable”. A iniciativa estendeuse o San Xoán pasado a unha franxa de Riazor e este ano “lánzase á conquista do Orzán”, “espazos nos que poñeremos todos os medios e recursos para que as persoas que participen na festa poidan xestionar os residuos de maneira sostible”. Esta ampliación dos espazos Praia Viva responde aos bos resultados do pasado ano pero tamén ao interese amosado pola veciñanza en 2017 para participar na iniciativa, explicou García, “na que houbo tanta xente que quixo acceder á zona delimitada que houbo que mover os marcos, ampliar as zonas”. A concelleira explicou que se traballa con especial intensidade en zonas concretas pola imposibilidade de facer un labor con educadores e educadoras en toda a extensión dos areais pero coa intención de “ir incrementando progresivamente as zonas”. “O éxito das praias vivas é que os e as participantes asumen un compromiso activo que esperamos que se manteña e estenda ano tras ano”, apuntou.

A delimitación das zonas co obxectivo de residuo cero, que se fará na mañá do 23 de xuño con bandeirolas, lonas e un portalón de acceso, comprenderá todo o areal do Matadoiro, a zona de Riazor situada preto da coiraza e a área do Orzán que vai dende a fonte dos surfistas cara ao Matadoiro. Ademais, un equipo de 30 educadores e educadoras fará un labor de información e sensibilización durante toda a xornada. “Indicarán onde están os puntos de recollida selectiva de lixo, de que posibilidades temos para reducir os residuos, de que precaucións temos que tomar para que os residuos máis volátiles non acaben no mar e onde vai estar a liña da marea, esa franxa que define a partir de que punto o mar vai levar os residuos que non sexamos capaces de recoller”, explicou García. Nestas zonas, Ecovidrio subministrará 8.000 ecovasos ou vasos reutilizables. A concelleira insistiu no convite á cidadanía para participar nas ​praias vivas e tamén estender esta maneira de gozar da festa dun xeito responsable en todas as zonas da cidade. Neste sentido, indicou que se está a traballar con entidades do municipio para fomentar a súa implicación. “Queremos convidar a colectivos da cidade a que participen e xa temos confirmados aos Kilomberos de Monte Alto”, indicou a concelleira.

A zona de ​Praia Viva de Riazor e o areal de Oza contarán tamén cunha zona sinalizada para mobilidade reducida con baños adaptados e pasarelas de acceso. “Foi un proxecto que quixemos impulsar o pasado ano e que non foi posible por mor das mareas vivas, xa que se prevía que o mar chegase moi arriba”, lembrou.

García indicou que esta iniciativa é unha máis das que o Goberno local ten en marcha “para acadar un San Xoán sostible” e que proximamente se dará a coñecer todo o dispositivo ambiental preparado para ese día. “Temos tamén en marcha dende hai meses a terceira edición do programa ​Móllate! que recolle 10 proxectos educativos en centros de ensino con adolescentes que nos están axudando a facer divulgación e esa batalla pacífica contra o lixo no mar”, repasou.

Comment on this Article: