Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Medio Ambiente recolle máis de 260 achegas durante período público de consultas sobre o prego de limpeza viaria

noviembre 8, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Medio Ambiente recolleu máis de 260 propostas de 15 entidades durante o período de consulta pública ao que someteu os pregos para a contratación do servizo de limpeza viaria, un proceso “pioneiro e innovador para este tipo de contratos”. A edil de Medio Ambiente, María García, incidiu no novidoso dun sistema que xa se aplicou ao prego de xestión de residuos e que permite que aos principais axentes do sector participar e opinar sobre o desenvolvemento dun servizo básico antes de que se abra o proceso de licitación dun dos maiores contratos do Concello, que ten un orzamento de licitación de máis de 14 millóns de euros ao ano. Nesta ocasión, foron 15 as entidades que realizaron as súas achegas, mentres que a concelleira realizou oito entrevistas con asociacións veciñais, empresariais, de hostalería e os grupos municipais, ademais de numerosos encontros cos sindicatos representados no comité de empresa de Ferrovial, que realizaron máis de 60 suxestións ás bases.

A edil salienta que estas achegas servirán para enriquecer uns pregos que teñen como principais novidades o investimento, de cinco millóns de euros, en maquinaria “respectuosa co medio ambiente, eficiente e silenciosa”, a creación de equipos específicos de limpeza para situacións e tarefas concretas e o reparto equitativo dos medios nos barrios, así como a introdución de cláusulas sociais de obrigado cumprimento no contrato. Neste sentido, o proceso de consulta, que rematou de maneira xeral o 3 de agosto, prolongouse no tocante aos contactos coas persoas representantes do colectivo de traballadores e traballadoras “para afinar e tratar de incorporar as melloras precisas que garantan unhas condicións laborais axeitadas no servizo”. Ademais, García mantivo encontros coa Confederación de Asociacións Veciñais, a de Empresarios da Grela, a Asociación Provincial de Hostalaría, a Asociación de Hostaleiros da Mariña e unha reunión conxunta con diferentes asociacións veciñais.

A Concellería de Medio Ambiente finaliza agora a integración das aportacións nos pregos que sairán a licitación e que, posteriormente, serán sometidos á correspondente fiscalización para, a continuación, ser aprobado, xunto co gasto aparellado, pola Xunta de goberno local. Este será o paso previo á apertura do proceso de licitación. Entre os temas sobre os que máis achegas se contabilizaron están os criterios de valoración, a distribución dos medios, as ferramentas, o control de calidade e os parámetros polo que se vai a rexer, frecuencia de medios, o novidoso modelo de limpeza con auga e o que implica para os barrios, así como os reforzos especiais para a celebración de festas, momento caída de folla, túneles, pintadas ou vertedoiros incontrolados.

Comment on this Article: