Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Medio Ambiente traballa na redacción dos pregos para licitar a xestión da planta de Nostián “ante a inminente finalización da concesión actual”

junio 11, 2018 coruna No Comments

​A Concellería de Medio Ambiente traballa xa na redacción dos pregos para licitar a xestión da planta de xestión de residuos urbanos de Nostián, de cara a “inminente finalización da concesión actual en 2020”. O departamento que dirixe María García está inmerso dende hai varios meses na realización “dunha análise da situación actual na planta, da súa maquinaria e, sobre todo, das inversións precisas nas instalacións para poder facer fronte os ambiciosos obxectivos de xestión que nos marca a Unión Europea para 2030”. A edil apunta tamén ao requirimento efectuado polo Concello á actual concesionaria da planta, a empresa Albada, de que proceda ao selado dos dous vasos de depósito colmatados como un motivo máis para axilizar a redacción dos pregos. “Se a empresa persiste na infracción, o Goberno local pode declarar con antelación a caducidade da actual concesión, sen dereito á indemnización”, lembra García.

A titular de Medio Ambiente explica que o Consello Consultivo ditaminou, a requirimento do Concello, que a fin da concesión de Albada está entre xaneiro e setembro do ano 2020 e solicitou que sexa o Goberno local o que estableza a data exacta tendo en conta os argumentos da concesionaria. Ante esta situación, sumada ás diferenzas de criterios entre o Concello e a empresa, motivou que o departamento de Medio Ambiente puxera xa en marcha o proceso para a redacción das novas bases para o concurso de licitación, un camiño que se inicia coa diagnose das necesidades da planta. “É preciso determinar que investimentos son necesarios para modernizar as instalacións ante o desafío que supón a xestión de residuos establecido polo marco normativo europeo, que marca uns obxectivos moi ambiciosos”, indica García. Así, lembra que a Unión Europea marca unha meta común para 2030 cun reciclado dos residuos municipais do 65%, dun 75% para embalaxes e un máximo do 10% de todos os residuos para os depósitos en vertedoiro. Neste sentido, a concelleira explica que o Goberno local “mantén unha aposta firme, en base a estas directrices europeas, pola redución dos residuos, a separación na recollida e tamén no tratamento diferenciado da materia orgánica, que constitúe a metade dos residuos urbanos e o que nos posibilita a reciclaxe doutros materiais como os envases, pola que se ingresan, grazas á súa recuperación, máis de 7 millóns ao ano”.

“Esta separación é a base para un tratamento diferencial de calidade, polo que plantexamos abrir liñas diferentes para o tratamento e recollida da materia orgánica, separando aos grandes produtores, como hostalería e outros equipamentos con comedores ou as aportacións procedentes da xestión de parques e xardíns, que poden proporcionar un compost de maior calidade que o procedente dos residuos dos domicilios que se recollen dos contedores”, indica García. A concelleira insiste en que o modelo de Nostián, “en comparación con outras plantas de xestión de residuos, funciona, está consolidado e dá bos resultados, pero isto non significa que non sexa necesario traballar en novas estratexias de recollida e tratamento de residuos orientadas a acadar o residuo cero, polo que imos traballar para afrontar os enormes retos que se presentan na vindeira década”. Do mesmo xeito, García avanza que se está a estudar a introdución de novas tecnoloxías que permitan a maior recuperación de materiais posible, fórmulas de xestión compartida que impliquen corresponsabilidade para os concellos da área metropolitana que fan uso de Nostián ou a descentralización dalgúns residuos que non precisan pasar pola planta, como as experiencias de aceites e roupa, que poden ser extrapolables a outro tipo de residuos, como os pequenos electrodomésticos.

As futuras bases reflectirán tamén a aposta firme do Goberno local polas campañas de educación ambiental, que se incrementarán nas novas bases, “xa que ningún plan pode funcionar sen unha cidadanía informada e corresponsable”.

Comment on this Article: