Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Participación inicia na Sagrada Familia un proxecto de dinamización coa mocidade do barrio

Junio 17, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Participación e Innovación Democrática, que ten entre as súas competencias a área de mocidade, vén de iniciar un proxecto de dinamización xuvenil no barrio da Sagrada Familia, dirixido a motivar á acción aos mozos e mozas, e deseñar, en colaboración con este colectivo, actividades e estratexias de mediación e difusión. Os obxectivos, segundo indica a concelleira desta área, Claudia Delso, pasan por identificar os intereses e necesidades da mocidade do barrio e poñer en marcha “un espazo de referencia” para as rapazas e os rapaces, de cara a promover e impulsar o desenvolvemento dos seus intereses e proxectos, individuais e colectivos. A ese fin, a concellería vén de sacar unha convocatoria para a contratación dunha persoa que desenvolva ese papel de dinamizadora, que terá a tarefa de iniciar este proxecto a través da interlocución e o traballo de proximidade no propio barrio.

As funcións de dinamización, tal e como se recolle na convocatoria, baséanse na coordinación e no establecemento dos vínculos cos mozos e mozas, a través da presenza permanente no barrio. Deste xeito, o primeiro paso será realizar unha análise participativa das necesidades e intereses do colectivo xuvenil desta zona, en relación ao proxecto de dinamización e ao espazo de referencia. Do mesmo xeito, a persoa que exerza ese papel dinamizador deberá establecer vínculos cos e coas rapazas e coa comunidade do barrio, para funcionar como persoa de referencia para a comunicación e o do diálogo directo, así como detectar e acompañar a aquelas persoas que teñan liderado comunitario, para favorecer o traballo conxunto. A finalidade deste proceso é tamén a de poder informar e orientar ás mozas e os mozos desta zona dos recursos que existen para a súa franxa de idade, actividade e espazos e toda a información de interese. Do mesmo xeito, o proxecto busca xerar propostas e estratexias de comunicación co-deseñadas coa mocidade da Sagrada Familia, executar actividades e elaborar tamén contidos para publicacións e de difusión das propostas e actividades, sempre en colaboración coa concellería.

A convocatoria para seleccionar á persoa que traballará na dinamización pode consultarse no Perfil do Contratante ( www.licitacion.coruna.es ). As candidaturas poden presentarse, coa documentación requirida, na propia concellería (Praza de María Pita, 1, 2o andar) ou por correo electrónico, a participacion@coruna.es , no prazo de dez días hábiles a contar desde o luns. A valoración será realizada polo persoal técnico municipal.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...