Home » Uncategorised » Currently Reading:

A Concellería de Participación oferta 90 prazas gratuítas para os campamentos de verán da área de mocidade, que abren mañá o prazo de preinscrición

junio 5, 2018 Uncategorised No Comments

​A Concellería de Participación e Innovación Democrática abrirá 5 de xuño, o prazo de solicitude para participar nos campamentos de verán da área de Mocidade que se celebrarán o vindeiro mes de xullo. A iniciativa, dirixida a mozas e mozos de 12 a 17 anos da cidade, manterá por terceiro ano o seu carácter gratuíto e contará cun total de 90 prazas, as mesmas que na pasada edición.

As e os asistentes, organizados por grupos de idade, participarán en actividades lúdicas como xogos de rastrexo e de pistas, de cooperación ou orientación e ​geocaching​, ademais doutras relacionadas co medio ambiente, como obradoiros creativos con material reciclable, roteiros pola contorna natural ou de coñecemento e recollida de algas. Tamén haberá propostas multideportivas e no medio acuático, como iniciación ao snorkel, tiro con arco, kaiak e outras iniciativas de deporte alternativo.

Os campamentos desenvolveranse de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no polideportivo de Labañou a través de dúas quendas –do 2 ao 13 de xullo a primeira, e do 16 ao 27 segunda– e contarán con 45 prazas para cada unha delas. Para facilitar o desprazamento das mozas e dos mozos ás instalacións –así como aos espazos urbanos nos que se realicen actividades ao aire libre–, a Concellería habilitará un autobús que realizará un itinerario de ida e volta con paradas pola cidade –Os Castros, Catro Camiños, Praza de Ourense, Monte Alto, Riazor e Polideportivo de Labañou–, cuxo percorrido definitivo establecerase nunha xuntanza coas persoas participantes. Este transporte tamén será gratuíto para as mozas e mozos.

O período de preinscrición permanecerá aberto desde mañá e até o vindeiro domingo 10 a través da páxina web ​www.coruna.gal/cmix​. No momento de realizala, e atendendo á orde de entrada dos formularios das solicitudes, cada participante recibirá un numero asignado a súa petición. O luns 11 de xuño publicaranse as listas provisionais coa relación de todas as persoas que solicitaron praza e cos números asignados. Ao día seguinte, o martes 12, celebrarase o sorteo de prazas e o día 13 procederase á publicación da relación de persoas admitidas. Esta publicación, que se estará dispoñible no portal web do Centro Municipal de Información Xuvenil, incluirá unha lista de agarda en cada unha das quendas para cubrir aquelas prazas que non teñan a inscrición formalizada, ou renuncien á mesma.

Desde o mesmo mércores 13, e até o 17 de xuño, as persoas admitidas deberán confirmar a súa praza a través do envío dun correo electrónico á dirección ​xuventude@coruna.es​. No caso de non envialo no prazo establecido, a partires do 18 asignaranse a praza á seguinte persoa da lista de agarda. Unha vez remate este proceso, a Concellería realizará unha reunión informativa coas familias ou persoas responsables das e dos participantes, que terá lugar o mércores 20 de xuño, ás 21.00 horas no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX), situado na rúa Matadoiro, 68.

Comment on this Article: