Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Xustiza Social concedeu o pasado ano 2.307 axudas de emerxencia social, que se incrementaron un 25% en tres anos

abril 15, 2018 coruna No Comments

​A Concellería de Xustiza Social e Coidados concedeu no pasado ano un total de 2.307 axudas de emerxencia social, destinadas a axudar de maneira puntual a persoas ou familias que se atopen nunha situación de necesidade económica grave e urxente, o que supón un aumento do 25% en comparación co ano 2014. Esta prestación é unha solución puntual para afrontar gastos ordinarios relacionados coa vivenda, produtos sanitarios, para a compra de libros e material escolar ou outras necesidades básicas como roupa ou alimentos. A edil responsable da área, Silvia Cameán, explica que “por medio desta axuda conséguese dar amparo a persoas ou familias que se atopan nunha situación na que a necesidade económica é grave e urxente para que poidan facer fronte a gastos comúns”.

O perfil das persoas que recibiron estas axudas de emerxencia durante o pasado ano, tal e como explica a concelleira, “son mulleres nun 69% dos casos, que en cifras totales suman 1.603 fronte a 704 homes, e que reciben unha soa axuda, o 60,5% das veces, o que deixa en evidencia que a pobreza é feminina e que as mulleres seguimos sendo as responsables dos coidados nas familias”. As axudas que máis se conceden son as básicas, destinadas a cubrir as necesidades que non se inclúen noutros sistemas de protección pero que son indispensables para o día a día, das que se pagaron 1.267, un 79% máis que en 2014, cunha cantidade media de 410 euros. Pola relevancia no seu número, seguen os pagos das axudas destinadas para uso e mantemento da vivenda (alugueiros, hipotecas, fianzas, arranxos imprescindibles e outros gastos), das que se outorgaron 599 cunha cuantía media de 377 euros. “Neste apartado hai un descenso dende a posta en marcha do convenio ​A Flote​, que arrancou a través dun convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa, e que, grazas a que permite realizar os pagos en menos de 24 horas, serve de axuda especialmente para atallar casos urxentes con ameaza de desafiuzamento”, explica Cameán, que apunta que nas axudas de emerxencia social non se contabilizan os datos doutras achegas que se poidan facer por medio de convenios de colaboración con entidades. Durante o pasado ano, aprobáronse 166 axudas do programa ​A Flote destinadas á liquidación de débedas de mensualidades de aluguer de vivenda ou cuartos.

Baixo o marco destas axudas é posible tamén cubrir gastos sanitarios, como gafas, arranxos dentais ou de farmacia, das que se concederon 277 e que son as que teñen o importe medio máis elevado, con 498 euros. Por último, aboáronse 164 pagos que serviron para facer fronte á compra de libros ou outros materiais escolares por un valor medio de 182 euros.

Comment on this Article:







*