Home » coruna » Currently Reading:

A Concellería de Xustiza Social pon en marcha o novo programa ‘Ao meu xeito!’ para impulsar proxectos educativos nos centros de ensino “autónomos, adaptados ás necesidades reais e participados pola comunidade escolar”

octubre 27, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, responsable da área municipal de Educación, presentou este xoves Ao meu xeito!, un novo programa educativo municipal que, como sinalou, vai dirixido a favorecer a participación e o autogoberno dos centros educativos, “permitindo a pais, nais, estudantes, docentes e equipos directivos deseñar accións educativas e poñelas en práctica co asesoramento e o soporte económico do Concello”. “No modelo de cidade da Coruña Próxima, os centros docentes son auténticas escolas de democracia onde a reflexión, a deliberación e os acordos consensuados deben de ser unha estratexia habitual que corresponsabilice a toda a comunidade educativa na construción da Educación”, manifestou a responsable municipal, recordando o dereito constitucional á participación efectiva da sociedade no sistema educativo, que recolle o artigo 27.

O programa, dotado con 100.000 euros, vai destinado a escolas infantís municipais (EIM), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP), centros de Educación Especial (CEE), centros integrados de Formación Profesional (CIFP), institutos de Ensino Secundario (IES), conservatorios de danza (CDAN), conservatorios de música (CMUS), escolas de arte (EASD), centros públicos de Educación e Promoción de Adultos (EPAPU) e escolas de música (ESMU). As accións que se poden propoñer poden ser, desde o inicio dun proceso participativo para implicar á comunidade educativa na marcha e mellora do centro ata a realización de actividades educativas complementarias ou extraescolares. Como quixo recalcar a concelleira, as accións “poden ser propostas por calquera membro da comunidade educativa e deberán contar co respaldo do consello escolar ou, no seu caso, do consello social”. Ademais, deberán ter contido educativo, posto que non se inclúen neste programa os gastos de investimento, como obras. “Estamos convencidas de que a importante aposta deste goberno local vai permitir aos centros docentes articular espazos de autonomía onde adaptar o modelo escolar xeral ao contexto social onde se sitúa cada centro, facilitando que se desenvolvan proxectos educativos de centro adaptados ás necesidades reais e participados pola comunidade educativa”, salientou a concelleira.

Tal e como observou a responsable municipal durante a súa intervención, a convocatoria non fixa un máximo de propostas por centro, “se ben cómpre ter en conta que o programa conta con 100.000 euros que se distribuirán entre todos os centros participantes, buscando unha distribución equitativa”, indicou. Como tamén indicou, as actividades que se financian con cargo a este programa deben realizarse antes de final de ano, aínda que as propostas poidan ter continuidade con cargo a próximas edicións do programa.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...