Home » Exposición » Currently Reading:

A Coruña acolle a exposición interactiva ‘Ana Juan. Debuxando ao alén’, “un logro artístico e estético que achega o universo creativo dunha das grandes figuras da ilustración”

junio 22, 2018 Exposición No Comments

A Sala Municipal de Exposicións de Palexco acolle a mostra ​Ana Juan. D​ebuxando ao alén, unha mostra interactiva que recolle o traballo da artista, recoñecida co Premio Nacional de Ilustración no ano 2010. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a proposta, que definiu como “un logro estético, formal, artístico e obxecto de interese para todas e todos os públicos”. O responsable municipal estivo acompañado pola propia artista, así como a comisaria, Nuria Rodríguez, e o director de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Santiago Herrero, quen definiu o traballo como “fascinante e pioneiro”.

A exposición, organizada coa colaboración de AC/E, propón unha aproximación aos procesos creativos que desenvolve Ana Juan e que corresponden, á súa vez, a dous dos traballos editoriais máis coñecidos da artista, como son ​Otra vuelta de tuerca –a adaptación da obra de Henry James–, na que mostran os orixinais elaborados co​ n técnica mixta, e ​Snowhite, a adaptación do conto de ​Brancaneve dos Grimm, un rexistro gráfico distinto ao anterior, realizado en branco e negro. “A mostra propón unha nova e orixinal forma de descubrir o universo creativo e a obra dunha das grandes figuras da ilustración, como é través dunha aventura gráfica e interactiva que converte ás e aos visitantes en protagonistas”, apunta o concelleiro. Así, partindo de ​Snowhite, o proxecto expositivo propón un reto interactivo para o público, o xogo ​Erthaland, Snowhite’s Mystery Tale, que expande a propia narración á sala de exposicións do Palexco para que as e os espectadores, grazas á realidade aumentada, poidan percorrer tanto o lugar no que se desenvolve cada escena como interactuar coas personaxes da obra de Ana Juan.

Este traballo de adaptación dixital foi posible grazas á colaboración dun equipo interdisciplinar formado por investigadoras e investigadores da Facultade de Belas Artes e da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da Universidade Politécnica de Valencia. “​Erthaland converte a sala de exposicións nun auténtico taboleiro de xogos, con retos para o público”, apuntou a comisaria da mostra.

Neste sentido, a propia creadora salientou “a integración nas novas tecnoloxías cun proceso de traballo pensado e dirixido ao papel”. “O resultado é moi interesante, xa que, por unha banda, conta o propio proceso creativo que acompaña aos libros a través dos seus bosquexos e, por outra, adapta a realidade aumentada a un proceso tan antigo como é o debuxo sobre papel, o que permite dar unha nova lectura a ​Snowhite”, sinalou Ana Juan. “Precisamente cando comecei con este traballo editorial propúxenme un reto, darlle á volta a un clásico, e fíxeno a través do papel e o carbón, facendo un achegamento ao branco e negro satisfactorio. Agora, ofrecemos unha nova lectura grazas á tecnoloxía, para que cadaquén poida ter unha nova visión desta obra”, apuntou.

Inauguración

O concelleiro de Culturas será o responsable de inaugurar esta tarde a exposición ​Ana Juan. Debuxando ao alén, que se poderá visitar até o vindeiro 29 de xullo no espazo municipal situado nas instalacións de Palexco, en horario de 12.00 a 14.00 horas, e de 18.00 a 21.00 horas. Para máis información sobre esta e outras propostas culturais abertas á cidadanía, pódese consultar a páxina web ​www.coruna.gal/cultura

Comment on this Article: