Home » Deportes » Currently Reading:

A Coruña acolle esta fin de semana o V Campionato Ibérico de Mensaxería en Bicicleta

junio 29, 2017 Deportes No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, participou este xoves na presentación do V Campionato Ibérico de Mensaxería en Bicicleta CIMB 2017, que se celebrará desde mañá, venres, e ata o domingo na cidade, coa colaboración do Concello e do Consorcio de Turismo da Coruña. Como salientou o responsable municipal, a proba, que ten carácter oficial, permitirá durante esta fin semana dar a coñecer unha forma de transporte e que é ademais xeradora de emprego e de oportunidades de negocio, “e que, sobre todo, responde a un modelo de mobilidade máis sostible e non contaminante que ten moitas potencialidades e acorde cunha cidade máis amable coa súa veciñanza e coa súa contorna”. No acto participou tamén a xerente de Turismo, Lanzada Calatayud, e Andrés Souto, responsable de Van en Bikke e un dos organizadores do evento, quen sinalou que nesta quinta edición participarán máis de medio cento de ciclo-mensaxeiros e ciclo-mensaxeiras de todo o Estado, ademais de figuras internacionais como Hans Bullitt Fogh, actual campión europeo na modalidade de carga, ou Brice Bedos, referente da bicimensaxería europea.

O campionato inclúe as probas Main Race e a Cargo Race, a través dun trazado de 1.600 metros que discorre pola fachada marítima e a Cidade Vella, e no que os e as bici-mensaxeiras participantes realizan unha simulación dun día de traballo, nun circuíto pechado, que deben percorrer con paradas nos puntos control establecidos no percorrido, onde desenvolverán os encargos que se lles encomenden. O día central da proba será o sábado, cando se celebra a carreira clasificatoria nas dúas categorías, a partir das 11.30 e ata as 15.00 horas. A carreira é aberta ao publico, previa inscrición. Desde as 17.00 horas terá lugar a final da CIMB 2017 e ás 20.30 horas está prevista a entrega de trofeos. Mañá, venres, a partir das 15.00 horas, terá lugar, na praza do Parrote, o rexistro, e ás 19.30 horas haberá unha ‘bicicletada’ popular de acceso gratuíto aberta á cidadanía, entre O Parrote e a Torre de Hércules. Xa o domingo, na mesma praza do Parrote, instalarase, desde as 11.00 horas, unha exposición de bicis e haberá un foro aberto sobre cicloloxística, tamén aberto á participación, e no que intervirán a Asociación Nacional de Cicloloxística e a Asociación Nacional de Bicimensaxeiros, “para dar a coñecer a cicloloxística, as súas oportunidades laborais e beneficios que ten para a cidade e para o entorno, así como para dar resposta ás dúbidas de quen queira participar”, indicou durante a presentación o responsable de Van en Bikke. A clausura do campionato terá lugar nesa mesma localización ás 14.30 horas.

Dispositivo de tráfico

A celebración, este sábado, do campionato requirirá cambios de circulación e, tamén, dos itinerarios dos buses urbanos, durante a proba, que se estenderá desde as 11.30 ata as 19.00 horas. Dese xeito, a avenida da Mariña, Montoto e Paseo da Dársena, quedarán cortadas ao tráfico nese horario, entre Ambrosio Feijóo e a rúa Tabernas. Ademais, entre as 11.30 e as 15.00 horas e entre as 17.00 e as 19.00 horas haberá restricións de circulación en distintas rúas da Cidade Vella, como son Amargura –entre rúa dos Anxos e Alfonso IX–, Alfonso IX –entre Amargura e Damas– e a praza da Constitución, entre Azcárraga e ata a praza do Parrote. Haberá cruces permeables para o tráfico en Damas con Alfonso IX, rúa Santiago con praza de Azcárraga e praza do Parrote coa rúa Parrote. Entre as 15.00 e as 17.00 horas permitirase a entrada e saída dos garaxes no Paseo da Dársena.

En canto aos buses, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A modificarán a súa ruta durante a xornada. No tránsito cara ao Abente y Lago desviaranse, desde a praza de Ourense, pola avenida do Porto e o túnel do Parrote cara á parada do Abente y Lago; alí, as liñas 5 e 17 reincorporaranse ao itinerario habitual. Realizarase unha parada provisional na avenida do Porto, á altura do Kiosco Alfonso. No sentido oposto (cara á praza de Ourense), estas liñas discorrerán polo túnel del Parrote e avenida do Porto, para recuperar o seu itinerario habitual na praza de Ourense. Tamén neste caso haberá unha parada provisional á altura del Kiosco Alfonso.

A liña 3A tamén modifica a súa ruta de xeito que, cando circula cara aos Rosales desde o Abente y Lago, farao polo túnel do Parrote, avenida do Porto, praza de Ourense, Juana de Vega e praza de Pontevedra, onde retomará o itinerario ordinario. As liñas 3 e 7 transitarán, en sentido Monte Alto, pola praza de Pontevedra e San Andrés, Rúa Alta, Paseo Marítimo, rúa Hospital, Campo da Leña, Veramar e Paseo Marítimo, para reincorporarse no Abente y Lago ao seu itinerario.

Tamén, como consecuencia do campionato, no período de celebración da proba quedarán inhabilitadas as paradas de bus do O Obelisco –cara á de Ourense, con parada alternativa na avenida do Porto e o mesmo cara a Porta Real–, a de praza de Mina, en ambos sentidos –coa praza de Ourense como parada alternativa–, Porta Real e Dársena –con parada alternativa en Abente y Lago ou avenida do Porto– e a do hotel Finisterre.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...