Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña acollerá este sábado o XXXII Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña, “que pon de manifesto a tradición atlética e deportiva da cidade”

junio 1, 2018 coruna No Comments

A XXXII edición do Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantóns da Coruña de Marcha – Trofeo Sergio Vázquez celebrarase este sábado, 2 de xuño. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a proba, “un dos grandes escaparates mundiais da marcha atlética”, que reunirá a deportistas internacionais, entre as e os que destacan o equipo de Xapón, o campión do mundo Eider Arévalo ou as brasileiras Elianay Santana e Cisiane Dutra. O responsable municipal valorou positivamente o desenvolvemento do evento, “unha proba internacional e consolidada que pon de manifesto a tradición atlética e deportiva da Coruña, cidade na que se dan cita numerosas probas ao longo do ano, tanto populares como profesionais”.

A competición, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo (FGA), desenvolverase arredor dun circuíto de 1.000 metros entre o Cantón Pequeno, o Cantón Grande e a avenida da Mariña, que terá no Obelisco a súa saída e meta. A proba feminina de 20 km. do Trofeo Sergio Vázquez comezará ás 18.30 horas, mentres que a masculina, doutros 20 km., iniciarase ás 18.50 horas. Antes, desde as 16.30 horas, terá lugar o Trofeo Josefina Romero, no que participarán as e os atletas das categorías inferiores benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

O Gran Premio dos Cantóns, que puntuará no XVI Challenge Mundial, “suscitará grande interese entre as e os afeccionados”, sinalou o presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos, “xa que permitirá outorgar as últimas prazas, a nivel estatal, para asistir a probas como o Campionato de Europa de Berlín, e servirá tamén de preparación para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020”. A este respecto, Hornillos puntualizou que, nestes 32 anos da proba, “pola Coruña pasaron máis de 35 medallistas e participantes nas olimpiadas”. “O circuíto coruñés é, sen dúbida, tanto polas súas características como polo acompañamento do público, un dos mellores a nivel mundial para a acadar bos rexistros”, aseverou o presidente da FGA, quen destacou o compromiso do goberno local co atletismo “para situar á cidade como referente a nivel estatal e internacional”.

Ademais, por segundo ano consecutivo, co obxectivo de favorecer a participación e a práctica deportiva saudable, ademais da visibilización deste deporte, o Gran Premio estará precedido pola II Marcha Popular Solidaria, unha proba aberta a todos os públicos, sen límite de idade, na que as e os participantes poderán camiñar ou marchar nun circuíto de 2 km con saída e meta no Obelisco e cuxos beneficios destinaranse á Cociña Económica. Tal e como apuntou José Manuel Sande, “o goberno local celebra de novo a realización da proba, que pon de manifesto a mistura entre competición e saúde, e que incide, precisamente, na vertente saudable do deporte pola que avogamos a través de programas como Coruña Corre ou Coruña en Forma”. A inscrición nesta marcha de carácter solidario poderase formalizar, de forma virtual, até mañá, 1 de xuño, a través da páxina web da FGA, ​www.carreirasgalegas.com​. De xeito presencial, poderase realizar tamén o mesmo día na proba, na secretaría da Federación habilitada nas inmediacións da saída. Para participar na cita deportiva, que comezará ás 17.50 horas, as persoas adultas aboarán unha cota de 5 euros, mentres que para as e os menores de idade esta será de 3 euros.

Dispositivo de tráfico

Co gallo da celebración desta proba, o Concello despregará un dispositivo especial de tráfico no centro urbano da Coruña. Así, entre as 14.30 e as 21.45 horas, pecharase a circulación nos Cantóns, entre a Praza de Mina e a glorieta da avenida da Mariña que se atopa no cruzamento con Ambrosio Feijoo. A circulación desviarase cara a Juana de Vega e, no transporte público procedente de rúa Real, este desviarase por Ambrosio Feijoo cara a avenida do Porto. Ademais, cambiarase de sentido a rúa Santa Catalina cara a San Andrés, para dar saída a Durán Loriga, e cortarase o acceso a rúa Nova e a Entrexardíns, espazo que se reservará para a organización –a supresión da parada do transporte interurbano obrigará a recortar o itinerario das súas liñas até a praza da Palloza–.

O peche dos Cantóns afectará á parada de taxis do Obelisco, que se suprimirá, e ás liñas de transporte público urbano 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 5, 17, 23 e 23A, que contarán con paradas provisionais na avenida do Porto, á altura do Kiosco Alfonso. Desde Porta Real, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 5, 17, 23 e 23A, no sentido saída da cidade incorporaranse, á altura do Teatro Rosalía de Castro, por Ambrosio Feijoo e avenida do Porto, para dirixirse cara a praza de Ourense. No sentido entrada, desde praza de Ourense desviaranse pola avenida do Porto e o túnel da Mariña cara á parada do Abente y Lago, no que retomarán o seu itinerario habitual. No caso concreto da liña 3A, no sentido de circulación cara aos Rosales, desde praza de Ourense continuará por Juana de Vega e Praza de Pontevedra; e as liñas 3 e 7, no sentido cara a Monte Alto, circularán por San Andrés, Rúa Alta, Paseo Marítimo, Hospital, Campo da Leña, Veramar e Paseo Marítimo para incorporarse, no Abente y Lago, ao seu itinerario.

Tamén durante a celebración da proba pecharanse as entradas e saídas do aparcamento dos Cantóns na zona do circuíto, manténdose operativas as restantes.

Comment on this Article: