Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña acollerá o día 15 o foro de lanzamento do plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, “evento que coloca, unha vez máis, a este concello no centro das políticas transformadoras e de cooperación”

marzo 2, 2018 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou o foro de lanzamento do plan de acción da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, un evento que terá lugar na Coruña o vindeiro día 15 e no que participarán alcaldes e alcaldesas de Portugal, Galicia e do resto do estado español, ademais de cargos dos gobernos español e luso e expertos e expertas en políticas urbanas. Nun acto ante a prensa, e acompañado polo secretario xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao, o rexedor destacou que este acto “volve colocar A Coruña no centro das políticas urbanas transformadoras e da cooperación entre cidades, dous alicerces sobre os que se contrúe o modelo de futuro que todos e todas pretendemos”.

Tanto Ferreiro como Vázquez Mao salientaron as recomendacións da UE a respecto da creación de axendas urbanas como “novos métodos de traballo que buscan maximizar o potencial de crecemento das cidades e, a través das mesmas, abordar os retos sociais aos que se enfrontan estas administracións”. “O Eixo Atlántico foi dos primeiros organismos que se puxo mans á obra con este tema, impulsando unha axenda urbana propia xa dende o ano 2014 para Galicia e o norte de Portugal”, salientou o primeiro edil, que insistiu en que “con esta xornada comezamos a plasmar de forma práctica os acordos que acadamos os concellos integrantes do Eixo o pasado ano sobre a nosa axenda urbana”.

“O día 15 abordaremos un acto baseado na colaboración e na cooperación, dous termos cos que traballamos moito dende o Concello da Coruña. Poremos en común e traballaremos de forma conxunta sobre as experiencias máis relevantes en materia de políticas urbanas levadas a cabo por cidades dos dous lados da raia”, indicou Ferreiro, que explicou que a elección da Coruña como sede deste evento “vén referendar que non nos equivocamos cando decidimos poñer en marcha unha axenda conxunta de traballo en rede con outras moitas cidades transformadoras”.

O secretario xeral do Eixo aludiu, a este respecto, “á necesidade de que os concellos se movan”. “Aquí, o que non se move, queda fóra da foto”, apuntou, para explicar que o plan de acción se concibe “como un marco de referencia que pretende orientar sobre as aplicación de políticas públicas que se fará realidade a través de cooperacións nas que participen as cidades que así o decidan”. As catro prioridades estratéxicas que se abordan no plan de acción son: a construción da cidade do futuro, o desenvolvemento da economía e a promoción do emprego, a cohesión social como forma de responder ao reto demográfico e a afirmación do espazo eurorrexional.

Mao salientou o feito de que este acto se desenvolva na Coruña “tal e como solicitou o alcalde, e tal e como foi aprobado por unanimidade polos rexedores e rexedoras da executiva do Eixo”. “Isto é debido, entre outros factores, a que o plan de acción, na súa análise concreta, ten unha compoñente moi importante sobre política social”, dixo.

A importancia das cidades

O mandatario coruñés salientou a importancia das políticas levadas a cabo dende as administracións locais, como as máis cercanas á cidadanía. “Hoxe en día, as cidades non poden ser xa pensadas como núcleos illados, é necesario superar o localismo. Este é o tempo das cidades. Efectivamente, a nivel global son as causantes do 70% dos residuos e da emisión de gases de efecto invernadoiro pero, á vez, tamén son os lugares máis eficientes na racionalización dos recursos e as responsables de atender, dende a proximidades, as necesidades básicas de millóns de persoas”, explicou. “Mentres que as institucións políticas tradicionais perden espazo e poder nun sistema que desborda os estados, as cidades e as súas áreas metropolitanas emerxen como auténticos protagonistas do presente pola súa capacidades para responder, mediante a cooperación e dende a proximidade, poñendo en común as intelixencias e as capacidades dunha sociedade cada máis plural”, evidenciou.

Participantes

Entre outras persoas participantes, está previsto que, ademais do alcalde Xulio Ferreiro, asistan ao foro do plan de acción, que terá lugar na sede de Afundación, os e as súas homóloga en Barcelona (Ada Colau), Guimarâes (Domingos Bragança), Braga (Ricardo Río), Plasencia (Fernando Pizarro), Viana do Castelo (José María Costa) e Barco de Valdeorras (Alfredo García, quen tamén é presidente da Fegamp). Tamén está confirmada a asistencia de José Mendes, secretario de Estado Adxunto e Medio Ambiente do goberno de Portugal, Ángela de la Cruz, subdirectora xeral de Urbanismo do Ministerio de Fomento e María Dolores Ortiz, subdirectora xeral de Desenvolvemento Urbano do Ministerio de Facenda.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...