Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña celebra o domingo 17 a XXXI edición do Día do Deporte na Rúa e na Praia con novas actividades, “que poñen de manifesto a intensa práctica deportiva que se realiza na cidade”

junio 16, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a XXXI edición do Día do Deporte na Rúa e na Praia, que terá lugar o vindeiro domingo, día 17, entre as 11.00 e as 14.00 horas en Riazor. O edil detallou a programación de actividades que formarán parte da iniciativa municipal, “que dá conta da grande afección que hai na Coruña á practica deportiva”, á vez que destacou a ampliación da proposta este ano, até chegar aos 49 deportes. “Citas como este Día do Deporte na Rúa e na Praia poñen de manifesto as numerosas disciplinas que, a día de hoxe, se practican no noso municipio”, sinalou o edil.

Así, de cara a esta edición, a petanca, o ballet fit e unha estación de ximnasia na praia uniranse á celebración, que conta co apoio de Carrefour, ao igual que o boxeo e tenis de mesa adaptado, que se porán en marcha coa colaboración de Grumico “e que dan conta da vontade inclusiva de esta celebración”. O concelleiro tamén salientou o aumento de entidades colaboradoras da iniciativa, que este ano chegarán até as 66, entre as que se atopan federacións e clubs, “que representan a meirande parte do tecido deportivo da cidade”, así como outras asociacións ou colectivos vinculados ao ámbito da educación ou da saúde, como ABAC, “que concienciará ás e aos participantes sobre a problemática que representa a anorexia e a bulimia”.

Este ano, as actividades terán maior protagonismo no areal, así como noutras zonas da contorna, segundo apuntou Sande, como consecuencia da instalación do perímetro de seguridade da obra de rehabilitación das cubertas do estadio municipal de Riazor. Así, as actividades que habitualmente tiñan lugar na rúa Manuel Murguía, trasladaranse á praia, á vez que se estenderán na propia explanada de Riazor e cara as Esclavas, no Paseo de Ronda. “Farase unha pequena reubicación, pero sempre mantendo a idea da concentración da actividade deportiva nesta zona emblemática e propicia da cidade”, afirmou o concelleiro.

O XXXI Día do Deporte na Rúa e na Praia arrincará ás once da mañá. Todas as persoas que participen poderán recoller, en cada unha das 49 estación, o seu carné de deportista. O reverso do mesmo inclúe a palabra ‘deporte’, e cada unha das sete letras do termo está acompañada de tres cadros que se poderán selar a medida que a posuidora do carné xogue en distintas estacións — agás no caso das vinculadas aos deportes considerados minoritarios, nos que obterá varios selos, co obxectivo de seren visibilizados durante a celebración do evento–. Cada vez que se complete unha das sete letras, poderase presentar o carné no posto de control situado no Pazo dos Deportes de Riazor, onde as e os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa –tras o selado da letra D– ou un número específico para participar nun sorteo. Cada letra ten asignado un premio polo que, cantas máis letras se completen, máis posibilidades haberá de acceder aos distintos premios.

San Pedro de Visma

Preguntado polos medios de comunicación, o concelleiro José Manuel Sande lembrou que hoxe, sábado 16, terá lugar a partires das 10.45 horas a inauguración dos campos de San Pedro de Visma, coa celebración de distintos partidos de fútbol masculino e feminino durante toda a mañá. “Será un día feliz para o deporte coruñés, coa incorporación de novas instalacións para a práctica deportiva”, aseverou o responsable municipal.

Comment on this Article: