Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña intégrase, xunto coas capitais de Italia e Lituania, nunha rede europea para o fomento da agricultura urbana e a alimentación sustentable

mayo 15, 2018 coruna No Comments

A Coruña vén de integrarse coas capitais de Italia e Lituania, Roma e Vilnius, na Rede Rural do programa europeo Urbact, que se basea na transferencia de boas prácticas en política alimentaria sustentable e agricultura urbana. Segundo destaca o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que se atopa en Italia nunha primeira reunión de traballo común, “A Coruña volveu demostrar, unha vez máis, que a súa forma de traballar a está levando a posicionarse na vangarda de moitas das políticas de desenvolvemento cidadá que promociona e polas que aposta a Unión Europea”. “Na actualidade, a cidade de Roma é considerada un modelo en materia de políticas alimentarias vinculadas co seu traballo no eido agricultura de proximidade e dos comedores públicos. Por iso, parécenos especialmente positivo que se nos escollese para participar neste programa de transferencia de ideas e traballo en rede”, salientou Lema, que puxo en valor todo o esforzo neste eido que se está a levar a cabo tanto dende o departamento municipal de Medio Ambiente como a través do Consorcio de Turismo, ente do que é presidente.

“Dende hai tempo detectamos que un dos grandes reclamos da cidade no eido turístico radica precisamente na súa compoñente de cidade sostible, tamén no ámbito da gastronomía, co uso e fomento de produtos de proximidade e de agricultura ecolóxica”, comentou, para recordar que “ o próximo mes de xuño, sen ir máis lonxe, acolleremos a primeira edición do Festival SAL, que pretende poñer de relevo aos e ás produtoras da cidade e a área metropolitana”. “Roma é un referente da estratexia europea en alimentación e iniciar un traballo en rede con ela parécenos especialmente positivo, así como un recoñecemento aos esforzos feitos ao longo deste mandato municipal”, indicou o concelleiro.

Segundo a resolución emitida o pasado mes de abril pola Unión Europea, que aprobou as novas redes comunitarias Urbact, A Coruña vén de ser escollida para esta rede de traballo “polas súas características de cidade porto, ademais de pola súa tradición alimentaria atlántica e pola aposta decidida do goberno da cidade pola innovación en políticas urbanas de alimentación e fomento da produción agrícola de proximidade”, apuntou o responsable de Emprego e Economía Social.

Tras o establecemento da rede que se formaliza estes días en Roma, abrirase un espazo de traballo en común que durará seis meses, tempo no que as cidades iniciarán o intercambio de boas prácticas, experiencias e coñecemento, visitas de estudo e conferencias europeas de cidades sobre agricultura urbana e políticas alimentarias sostibles. Posteriormente, desenvolverase unha segunda fase de ampliación ás experiencias doutras cidades europeas de referencia. Lema quixo destacar “as posibilidades que veñen aparelladas de ser cidade seleccionada dentro destas novas redes de traballo supramunicipal, tendo en conta que o programa Urbact está dotado de 300 millóns de euros no período 2014-2020”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...