Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña promociónase no encontro Madrid Fusión como destino turístico gastronómico

enero 22, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña participará a vindeira semana na feira Madrid Fusión, que comeza hoxe e conclúe o próximo mércores 24 de xaneiro, para dar a coñocer a cidade como destino gastronómico a través de diferentes degustacións e presentacións. A participación da cidade dase dentro do congreso Saborea España, que recolle tamén a oferta doutras once cidades e dos Paradores. O Consorcio de Turismo da Coruña, que preside o concelleiro de Emprego e Economía social, Alberto Lema, estará presente na feira co stand ‘Saborea A Coruña’, no que se realizarán as diferentes actividades de promoción e se atenderá á prensa especializada, española e internacional, bloggers gastronómicos e visitantes, e que contará coa presencia da xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud.

Como avanza o responsable municipal, os diferentes eventos que se realizarán na cidade ao longo de 2018 daranse a coñecer a través dun folleto no que terán especial relevancia os gastronómicos como Bo en boca , o novo festival gastronómico das cociñas atlánticas, o San Xoán, o Concurso de Tapas Picadillo , o festival do bocata gourmet Boucatise ou as Xornadas do Lacón con Grelos Lacónicas , que se celebrarán no Entroido. A promoción deste evento gastronómico centrará unha demostración de cociña de 30 minutos que se celebrará no espazo Makro Chef o mércores 24 ás 12.30 horas da man dos cociñeiros Sergio Musso e Francesc Chicón do Restaurante Eclectic, gañadores do Premio Picadillo á Mellor Tapa Creativa 2017, e a cociñeira Nelssy Soriano da Gastroteca, gañadora do Premio Picadillo Maridaxe 2017. Tamén acompañarán ao Consorcio de Turismo a Denominación de Orixe Ribeiro, Vermut Lodeiros e Lonxa da Coruña. Nese sentido, Lema recorda que o Plan Estratéxico de Turismo da Coruña, presentado en xullo de 2017, salienta a gastronomía como un dos produtos a potenciar “de moi alta priridade” e propón unha estratexia competitiva baseada na diferenciación. “A presencia en Madrid Fusión forma parte da estratexia de promoción gastronómica que dende o Consorcio de Turismo estase a desenvolver para posicionar A Coruña no mapa gastronómico tanto estatal como internacional, cun enfoque transversal e colaborativo, e para poñer en valor o produto galego e de proximidade, promover a cociña atlántica e potenciar A Coruña e a súa contorna como porta do destino gastronómico galego”, destaca o concelleiro.

Dentro do programa de actividades de Saborea España está previsto realizar a ruta da tapa o martes 23, no que o stand de A Coruña ofrecerá o ‘Pan de Porco’ do Eclectic (Premio Picadillo Mellor Tapa Creativa 201/) e ‘Emigración Encuberta’ da Gastroteca (Premio Picadillo Maridaxe 2017). A oferta do stand completarase con accións temáticas durante os tres días de feira. Son Momentos Doces , nos que se poderá degustar queixo do Cebreiro, marmelo e noces, empanada aberta de chocolate, pimentón e grelos e empanada doce de mazá e noces. Na Sesión V ofrecerase viño de dúas bodegas da Denominación de Orixe Ribeiro (Cunqueiro e Vinos con Personalidad), vermú Lodeiros e cócteles, mentres que na Hora do Aperitivo será o turno das empanadas variadas, mexillóns con escuma de vermú, Saborea San Xoán con sardiña, pan e allada e veludo de pataca con polbo á galega. Ademais, reforzarase a promoción de Lacónicas con produtos da temporada como caldo, fabas e lacón e caramelos de lacón con grelos.

O presidente do Consorcio e concelleiro de Emprego e Economía Social, incide tamén en que A Coruña reforza en Madrid Fusión a súa promoción como destino gastronómico, unha semana despois de ter presentado as liñas básicas da súa oferta turística na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, onde deu a coñecer as liñas principais da programación en canto a oferta en torno á cociña, a cultura, a música e o ocio, así como as posibilidades vinculadas ao mar e á ciencia e os eventos vinculados ás festas, ademais doutras potencialidades como é o Camiño Inglés.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...