Home » coruna » Currently Reading:

A Coruña recupera a súa quinta bandeira azul nas praias da cidade “logo do traballo realizado para eliminar as verteduras incontroladas ao mar, que afectaban especialmente a Oza”

mayo 9, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña contará este verán con bandeiras azuis en todas as súas praias, tras recuperar o areal de Oza esta distinción, que perdeu no ano 2014 debido aos desfavorables resultados das analíticas realizadas ás súas augas. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, congratulouse esta xornada deste feito que, na súa opinión, “referenda o bo facer do goberno local no que atinxe ao coidado ambiental e do espazo público”. “Oza perdeu a bandeira azul hai anos porque os anteriores executivos, así como as distintas administracións implicadas, entre elas a propia Xunta a través de augas de Galicia, non traballaron o suficiente para poñer couto ás verteduras e á contaminación que afectaron a estas augas”, dixo, á vez que recordou o Plan de Vertido Cero, impulsado pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración coa de Rexeneración Urbana nada máis chegar a María Pita, e que pasa por eliminar todos os puntos de verteduras incontroladas á ría. “O executivo municipal desenvolve moitas actuacións que parecen invisibles até que se ven os resultados. O minucioso traballo realizado neste eido é o que agora fai posible que recuperemos as cinco bandeiras azuis para as praias da cidade”, comentou. “Está claro que se todas as administracións apostamos polo coidado da contorna e do espazo público do noso bordo litoral, sen menoscabo de que os terreos portuarios sigan sendo pulmón produtivo da cidade, poderemos entendernos. Este é o modelo polo que traballamos desde este goberno e que queremos: un modelo innovador, que busca a mellora económica sen perder de vista o medio ambiente”, engadiu.

Dende 2015, a Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, levou a cabo unha minuciosa tarefa de detección e revisión de todos os puntos de verteduras incontroladas á ría que existían na cidade, “coñecidos todos eles polas anteriores administracións así como por Augas de Galicia sen que nunca se atallase este problema”. Neste momento, preto de conseguir o obxectivo do “vertido cero” téñense levado a cabo distintas actuacións que, segundo a edil, “inflúen directamente na recuperación da bandeira azul en Oza”. Así, destacan as accións emprendidas para eliminar os vertidos incontrolados detectados no Campus de Elviña, na zona de Novos Ministerios/rúa Brasil, nas Xubias, en Palavea Vella, no entorno do Fórum Metropolitano, nas chamadas Torres de San Diego e nas rúas Nicomedes Pastor Díaz e Piñeiro Pose. “Moitas destas verteduras das que falamos ían directamente ao río Monelos, polo que afectaban de forma especial á praia de Oza”, explica. “O Vertido Cero non ten réditos unicamente ambientais, xa que tamén deriva na mellora produtiva da nosa contorna, incidindo directamente nas actividades marisqueiras e doutra índole afectadas pola contaminación”, fixo notar a concelleira, quen recordou que “a mellora das augas de baño non só inflúe directamente na nosa saúde, senón que tamén é un reclamo turístico”. “Esperamos que a Xunta e, en concreto, a Consellería de Medio Ambiente, amose o mesmo compromiso coa contorna de Oza que está a ter o Concello da Coruña. Esta bandeira azul non se pode ver comprometida pola localización de plantas de tratamento de aceites industriais á beira dun espazo produtivo e de lecer”, dixo.

Ademais, a concelleira salientou especialmente “o traballo de rexeneración que se está a facer na contorna da Pasaxe, onde se levan recollidas case 5.500 toneladas de residuos”, o que serviu para reducir a contaminación nas augas da ría. “O traballo levado a cabo, no ámbito do coidado ambiental, pero tamén no da prevención e a educación, favorece non só a recuperación da bandeira azul para Oza, senón tamén o mantemento da mesma nas praias de Riazor, Orzán – Matadoiro, As Lapas e San Amaro”, conclúe.

Comment on this Article:







*