Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación apoia o proxecto de Aspanaes para construír unha residencia-centro de día para persoas con autismo en Eirís (A Coruña)

abril 13, 2018 coruna No Comments

Dentro do calendario de actividades programado por Aspanaes con motivo da celebración, o pasado 2 de abril, do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita ao centro de educación especial que xestiona esta entidade na rúa Catecismo da cidade da Coruña.

O presidente provincial foi recibido á súa chegada ao centro pola presidenta de Aspanaes, María José Álvarez Folgar; a xerente, María Teresa Tiemblo, a directora do colexio, Encarnación Rodríguez Méndez e membros da AMPA, que lle explicaron o funcionamento e actividades do centro escolar, no que estudan- en pequenos grupo de entre 3 e 5 nenos/as-  38 rapaces con Trastornos do Espectro Autista (TEA).

Tras visitar as distintas aulas, González Formoso destacou o “gran labor” que desenvolve Aspanaes, “unha entidade fundada hai case catro décadas e xestionada polos pais de rapaces con autismo que é un exemplo a seguir e que merece todo o apoio que poidamos prestar dende as institucións”.

O presidente provincial destacou que a entidade presta servizo a case 480 persoas nos seus centros da Coruña, Santiago, Ferrol e As Pontes, “cunha atención integral que aborda un aspecto fundamental como é a educación  dos máis pequenos, como vemos hoxe aquí; pero tamén a integración social e laboral das persoas con autismo e o soporte ás súas familias”

Pola súa banda, a presidenta de Aspanaes, María José Álvarez Folgar agradeceu “o permanente apoio” da Deputación á actividade da entidade e considerou que a visita do presidente “contribúe a visibilizar e dar a coñecer as necesidades do colectivo dos afectados por TEA”. A través das liñas de subvencións de servizos sociais, a Deputación colaborou nos últimos anos con Aspanaes en cuestións coma a reforma e adaptación do servizo residencial de Ferrol, a ampliación do servizo de atención terapéutica de Santiago de Compostela ou a adquisición de furgonetas adaptadas.

María José Álvarez destacou que “cada vez hai máis persoas con autismo, 1 de cada 100 persoas nacidas en Europa ten TEA, e estas persoas requiren unha atención moi específica por parte de persoal especializado, que non dura só no durante a etapa de educativa, senón que se extende durante toda a súa vida”.

 

Apoio a residencia e centro de día de Eirís

Neste sentido, solicitou o apoio da Deputación para o proxecto que a entidade ten de construir unha residencia- centro de día na zona de Eirís, para o que xa dispón dos terreos.

Nunha primeira fase, a residencia contaría con 30 prazas e o centro de día con 40, aínda que a construción sería modular, o que permitiría incrementar o seu espazo no futuro.

“Recollemos a petición para que a Deputación estea presente neste proxecto”, afirmou González Formoso, que dixo que a institución provincial “non se vai esconder detrás das competencias” e “buscará fórmulas para apoiar unha infraestrutura moi necesaria para a área coruñesa, que dará apoio e certidume para o futuro ás familias dos afectados por TEA”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...