Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación convoca 40 bolsas para proxectos de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos

mayo 8, 2018 coruna No Comments

Vinte bolsas para investigación en distintos ámbitos e outras vinte para o perfecionamento de estudos artísticos forman parte da oferta da área de Cultura da Deputación da Coruña que engade nesta nova convocatoria as destinadas a traballos sobre políticas culturais.

Apoiar a investigación en distintos ámbitos e contribuír ao perfeccionamento de estudos artísticos en centros de referencia é o obxectivo da nova convocatoria de bolsas da Deputación da Coruña que este luns publica o Boletín Oficial da Provincia (BOP). En total, son corenta bolsas, vinte para as distintas disciplinas artísticas e vinte para proxectos de investigación que, despois de ter incrementado na pasada edición os ámbitos de Xénero e Planificación Sociolingüística da lingua galega ofrecen como novidade este ano a oferta para a área de Políticas Culturais.

Deste xeito, a Deputación resolveu asignar un orzamento de 160.000 euros para sufragar os custes de até 20 proxectos de investigación en que se aborden temas de interese de acordo á realidade social, cultural, económica e política galega na actualidade. Así, a institución contribuirá con 8.000 euros o desenvolvemento duns traballos cuxo período de realización deberá posuír unha duración mínima de nove meses.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín, incidiu no “impacto positivo” e o “relevante retorno social, cultural e económico” que derivan dos estudos de investigación, ao tempo que puxo en valor a nova modalidade á que se poderá concorrer nesta edición do 2018, na área de políticas culturais. “Responde ao traballo que se está a desenvolver desde a área de Cultura pola profesionalización do sector e o apoio a profesionais que desenvolven o seu traballo no ámbito da xestión cultural. Ademais do recoñecemento das boas prácticas no sector e o apoio á formación, consideramos que crear estas bolsas de Políticas Culturais contribuirá a promover a investigación nun ámbito de especial interese social e cultural”, explicou.

O prazo para participar na convocatoria está aberto até o vindeiro día 31 de maio (14:00 horas) para inserir as súas investigacións dentro dalgunha das oito áreas do coñecemento desta nova edición. A Deputación da Coruña concederá 3 bolsas para cada unha das seguintes áreas: Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades. Do mesmo xeito convoca dúas bolsas -por modalidade- para estudos centrados nas áreas de Enxeñaría e Arquitectura, os Estudos de Xénero, Planificación Sociolingüística da lingua galega ou Políticas Culturais.

20 bolsas para completar a formación de estudos artísticos

Así mesmo, a área de Cultura da Deputación destina este ano 180.000 euros para sufragar vinte bolsas formativas -repartidas en seis modalidades-  para aquelas persoas, que queiran completar e actualizar os seus estudos artísticos en centros de referencia de fóra de Galiza.

Neste sentido, cada unha das persoas solicitantes poderá acceder a unha axuda económica de 9.000 euros para optimizar a súa formación nos eidos da música (8 bolsas), o teatro e interpretación (3 bolsas), as artes plásticas e visuais (3 bolsas), a danza e as artes do movemento (2 bolsas), o audiovisual (2 bolsas) ou as áreas da ilustración e a banda deseñada (2 bolsas). De mesmo, xeito que na anterior convocatoria, o prazo para presentar as solicitudes rematará ás 14:00 horas do vindeiro 31 de maio.

Poden consultar máis información nas seguintes ligazóns:

Poden consultar máis información nas seguintes ligazóns:

20 Bolsas de investigación:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2018/05/07/2018_0000003142.html

20 Bolsas para o perfeccionamento de estudos artísticos:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2018/05/07/2018_0000003141.html

Comment on this Article:







*