Home » Uncategorised » Currently Reading:

A Deputación da Coruña aproba unha moción na que insta a CRTVG a manter as desconexións dos informativos locais e o Diario Cultura

mayo 26, 2018 Uncategorised No Comments

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción cos votos favorables do PSdeG, BNG, Compostela Aberta e Marea Atlántica en que insta á dirección da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) a manter as desconexións locais dos seus informativos radiofónicos e tamén a continuar coa emisión do programa Diario Cultural, tralo anuncio da compañía de suprimir ambos espazos da súa programación diaria.

A moción, que saíu adiante pese aos 16 votos en contra do Partido Popular, foi defendida pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quen solicitou a CRTVG o mantemento das desconexións locais nos servizos informativos da Radio Galega pois, de acordo a súa condición de servizo público “manter estes espazos contribúe a garantir o dereito fundamental de acceso a información de proximidade para o conxunto da cidadanía galega”.

Respecto do Diario Cultural, Goretti Sanmartín subliñou que de consumarse a supresión deste programa radiofónico que leva 28 anos en antena “a información de calado cultural difuminarase entre os contidos xeralistas, informativos e de entretemento” e lembrou que “é unha obriga dos medios audiovisuais públicos difundir, afortalar e promocionar a lingua e a cultura galega” pois son elementos trabe da identidade propia de Galicia.

A Deputación da Coruña trasladaralle á dirección da CRTVG “a posibilidade de que reconsidere a súa decisión” ao respecto dos programas, pois ao tratarse de dous “contidos consolidados e cunha clara referencia horaria para a poboación, contribúen a garantir a información de proximidade e máis a pluralidade informativa”.

Pola súa banda, o voceiro de Compostela Aberta, Manuel Dios, criticou a decisión tomada pola CRTVG e afirmou que “estamos diante dun intento do PP por controlar a información local a poucos meses das elección municipais” ao tempo que lamentou, en alusión ao Diario Cultural, “a continua desaparición duns formatos referenciais que apostaban por unha visión clara da nosa cultura que agora se diluirán entre a programación”.

“Dende hai anos, estanse incumprindo de xeito reiterado os principios da Lei de medios audiovisuais de Galicia” apostilou Manuel Dios.

O voceiro do Partido Popular, Agustín Hernández, respondeu que o “único que cambian son os formatos” e que é completamente falso que se vaian reducir os espazos informativos e culturais na programación da Radio Galega senón que “pasarán a integrarse dun xeito transversal” nos distintos programas da cadena.

Ademais, defendeu con rotundidade que non tiña “ningunha dúbida de que a CRTVG cumpre cos principios da Lei de medios audiovisuais públicos de Galicia respectando os criterios de obxectividade, pluraridade e imparcialidade”.

Dende o PSdeG, Bernardo Fernández, cualificou como “ousado e deshonesto” dicir que se esta a cumprir a lei de medios de Galicia e exemplificou coa cobertura informativa de algúns acontecementos recentes, como a pasada vaga de incendios, a mala praxe levada a cabo pola CRTVG.

Finalmente, a deputada da Marea Atlántica, Claudia Delso, afirmou que todas as administracións “teñen a obrigar de defender dun xeito responsable a imparcialidade dos medios de comunicación públicos e comunitarios”, expresando o seu apoio e solidariedade con todas as profesionais do Diario Cultural.

 

Declaración institucional contra a sentenza da Manada

Previo inicio da sesión plenaria, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, emitiu unha mensaxe de apoio a poboación da provincia de Pontevedra, nomeadamente a da localidade de Tui, tras o sinistro acontecido na xornada do mércores, na que tras a explosión dun almacén pirotécnico ilegal, dúas persoas perderon a vida e 37 resultaron feridas.

Ademais e tras gardar un minuto de silencio polo pasamento do exdeputado da área de Cultura da Deputación da Coruña, Carlos López Crespo, a sesión plenaria de maio botou a andar coa lectura dunha declaración institucional en que totalidade do hemiciclo provincial expresou o seu “desacordo e indignación” co fallo da sentenza emitida pola Audiencia Provincial de Navarra no proceso xudicial, mediaticamente coñecido como A Manada.

Así a Deputación da Coruña amosou o seu apoio ao Ministerio Fiscal, que presentará un recurso contra a devandita sentenza co obxectivo de modificar a cualificación xurídica dos feitos descritos como probados no mencionado fallo.

A Deputación expresou o seu “rexeitamento absoluto contra a violencia sexista e de calquera outra natureza contra as liberdades das mulleres” e reafirmou o seu compromiso en prol da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e trasladou todo o seu apoio á vítima da agresión sexista.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...