Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación da Coruña cambiará o nome do IES Calvo Sotelo

octubre 27, 2018 coruna No Comments

O  pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños, iniciar o expediente para mudar o nome de Calvo Sotelo ao centro de ensino secundario da Coruña que depende da institución provincial. O PP abstívose por considerar a Lei da Memoria Histórica como  unha “ferramenta errónea” para a retirada do nome.

O Instituto de Ensino Secundario Calvo Sotelo deixará de levar o nome de quen foi considerado un dos responsábeis da sublevación militar do 18 de xuño de 1936 ao aprobarse no pleno da Deputación da Coruña unha moción presentada a instancia da A. C. Alexandre Bóveda e que contou cos votos a favor de todas as forzas presentes no pleno excepto o PP que se abstivo ao considerar que non se pode aplicar a Lei da Memoria Histórica á figura de Calvo Sotelo.

A moción contempla o inicio do expediente para a retirada do nome e Calvo Sotelo e incorpora tamén outros puntos encamiñados a recuperar a memoria histórica das vítimas do franquismo e a eliminación das honras aos cargos do réxime.

Neste sentido, a Deputación da Coruña comprométese a instar aos concellos ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica, eliminado os restos da simboloxía franquista, distinción, nomeamentos, títulos honoríficos e honras a golpistas, franquistas e demais formas de exaltación e enaltecemento individual e colectivo da sublevación militar de 1936 co franquismo.

A moción inclúe tamén o compromiso de colocar unha placa cos nomes dos cargos públicos das corporacións municipais que padeceron a represión e organizar un grande acto público de homenaxe aos cargos públicos e funcionariado da Deputación e das corporacións municipais que foron vítimas da barbarie e da represión franquista.

“Unha persoa como José Calvo Sotelo, que é responsabilizado directamente polo Presidente do Consello de Ministros, o coruñés Casares Quiroga, da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non pode ter un recoñecemento social, nin levar o nome de ningún centro de ensino”, sinala a petición da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda sobre o cambio de nome que foi aprobado no pleno deste venres na Deputación da Coruña.

Na sesión deste venres aprobou, tamén cos votos de todos os grupos agás o PP,  apoiar a convocatoria da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da  1ª Marcha Cívica a Meirás que reivindicará  a devolución do pazo ao patrimonio público. A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, destacou a coincidencia co “obxectivo trazado pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, impulsada desde a Deputación da Coruña, que está a traballar para poñer fin ao espolio herdado do ditador”.

Comment on this Article: