Home » Conciertos » Currently Reading:

A Deputación da Coruña celebra o cincuenta aniversario do inicio da carreira musical de Miro Casabella

junio 16, 2018 Conciertos No Comments

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, recibiu o cantautor Miro Casabella que este ano conmemora o seu cincuenta aniversario no mundo da canción. No acto participaron tamén os edís de Cambre Dani Carballada e Brais Cubeiro, que anunciaron un concerto de Pablo Milanés no Festival Corazón e Bravura, que xira arredor do referente da Nova Canción Galega.

En 1968 o cantautor Miro Casabella editaba o seu primeiro disco en solitario “Miro canta as súas cancións” e cincuenta anos despois, o cantautor continúa en activo e é o protagonista do Festival Corazón e Bravura de Cambre, que foi un dos temas centrais da xuntanza que mantivo con Goretti Sanmartín e os dous edís de Cambre.

Na xuntanza anunciouse que o compositor e intérprete cubano Pablo Milanés actuará por vez primeira en Cambre este verán dentro do marco do Festival Corazón e Bravura 2018 que se afianza na súa segunda edición. O Festival, nucleado en torno á figura do cantautor galego Miro Casabella, veciño de Cambre e referente da Nova Canción Galega e do mítico grupo Voces Ceibes, aposta por poñer en valor a vixencia da música comprometida no plano social, facendo desta cita un evento único no seu xénero.

O festival fará que verán se sintan en Cambre xunto a temas míticos de Miro Casabella como “O meu país” ou “Olla meu irmao” os clásicos mundiais de Pablo Milanés “Yolanda”, “Yo pisaré las calles nuevamente”, “De que callada manera”, “Yo no te pido” ou “El tiempo pasa”. Milanés, con máis de cinco décadas de traxectoria, pisou os máis relevantes escenarios do mundo nunha traxectoria trufada de colaboracións cos maiores artistas do planeta, elenco do que el forma parte.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín “é unha noticia feliz e positiva, que dende un concello como Cambre se aposte pola cultura, pola música, pola poesía, con contido e mensaxe que chega á cabeza e ao corazón. Trátase dunha aposta moi seria e rigorosa, que conta ademais cun importante apoio popular, e que dende a Deputación da Coruña non podemos máis que apoiar e animar”. Indicou que “resulta evidente como de un tempo a esta parte Cambre se está a converter nun actor de primeira magnitude, un concello innovador e creativo que aposta pola cultura como un dos eixos vertebradores da acción municipal”.

O concelleiro de cultura Dani Carballada informou que “neste 2018 é cando se cumpren 50 anos do Maio do 68 que en París, e tamén en Compostela, encheu rúas, prazas e facultades de aires de cambio e liberdade, xustamente o xoves 26 de xullo abrirase na Casa da Cultura de Cambre unha exposición onde se conxugaran os ventos contestatarios do ano 68 co nacimento da Nova Canción Galega e a Nova Trova Cubana. O venres 27 no Parque da Igrexa terá lugar unha velada de cantautores de Cambre e a contorna coruñesa”.

O edil Brais Cubeiro destacou que “cun evento destas dimensións consólidase a Cambre como un referente alternativo en programación cultural e festiva a nivel comarcal e galego. Se o ano pasado con Paco Ibáñez desbordamos Cambre, este ano a asistencia vai ser aínda maior, polo que o concerto de Miro Casabella e Pablo Milanés se celebrará no Campo da Feira. Desde xa estamos a traballar para que sexa un éxito non só social e musical, se non tamén organizativo”.

Miro Casabella agradeceu a recepción na Deputación e “o traballo de Carballada e Cubeiro e e do conxunto do Concello de Cambre, comezando polo noso alcalde Óscar García Patiño, por apostar por unha política cultural á altura do país en que vivimos, suplindo con grandes esforzos a ausencia dunha administración galega que se esquece da nosa propia cultura”. Destacou que “se o tempo acompaña, imos ter unha velada inesquecíbel, chea de emoción e sentimentos, unha noite de verán para recordar”.

Comment on this Article: