Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación da Coruña completa as obras para transformar o Pazo de Arenaza nun espazo de coworking

junio 10, 2018 coruna No Comments

Tras dez meses de traballos de rehabilitación e un investimento de 250.000 euros, a Deputación da Coruña vén de completar as obras para converter ao Pazo de Arenaza (Oleiros) nun moderno espazo de coworking que será o  primeiro centro da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o deputado provincial e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o deputdao responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, visitaron o pazo, que levaba sen estar en servizo dende 2013, e percorreron os 780 metros cadrados cos que conta o renovado inmoble, que ofertará espazos de traballo para 25 empresas e conta con salas de reunións, unha sala de 30 m2 destinada á presentación de proxectos, aulas de formación, áreas de descanso, despachos e outros espazos comúns e versátiles, que permitirán o desenvolvemento de diferentes accións formativas ou eventos empresariais.

 

Un espazo dedicado á arquitectura e o urbanismo

González Formoso afirmou que este novo centro de coworking nace co obxectivo de “acoller aos emprendedores e emprendedoras da comarca coruñesa  relacionados co ámbito da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables nos seus primeiros pasos no mundo empresarial, acompañalos, prestarlles servizos e permitirlles que compartan experiencias, creando así sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento dos seus proxectos”.

Segundo explicou o presidente provincial, o Pazo de Arenaza será, xunto co espazo de coworking especializado no sector agrogandeiro que se instalará en Monte Balado (Brión), o centro pioneiro da futura Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, que aglutinará distintos locais emprazados en concellos da provincia e que serán adpatados para albergar viveiros de empresas sectoriais, centros de negocios ou coworking que impulsen a posta en marcha de proxectos emprendedores.

“Trátase unha iniciativa inédita en España. Consideramos que agrupar estes centros por sectores vai a servir para xerar sinerxias importantes para os emprendedores”, sostivo o presidente provincial, que anunciou que o departamento de Emprego da Deputación estuda tamén emprazamentos para espazos destas características centrados temáticamente no mundo do mar ou no sector audiovisual.

O obxectivo principal desta iniciativa, enmarcada na liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, é establecer mecanismos de apoio, coordinación e colaboración na prestación de servizos aos proxectos emprendedores ubicados nos distintos centros que se crearán ao longo do territorio provincial, dotándoos dunha imaxe única que xa pode verse no Pazo de Arenaza, servizos homoxéneos e programas de consolidación e crecemento das empresas aloxadas.

O proxecto de rehabilitación, levado a cabo polo estudo Pernas Varela Arquitectos baixo a dirección de Pilar Sánchez Cid contemplou unha reforma integral das dúas plantas do inmoble, que data de 1925, para adaptalo ao seu novo cometido pero preservando as características arquitectónicas do inmoble, catalogado como elemento de interese histórico, artístico e arquitectónico. O inmoble é tamén completamente accesible, pois a totalidade dos espazos deseñáronse para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.

A Deputación da Coruña agarda que a Rede Provincial de Espazos de Traballo funcione como catalizador dun cambio na forma de actuación en materia de fomento do emprendemento, promovendo as condicións para o xurdimento de talentos individuais e colectivos, que contribuirá á innovación e dinamización do tecido empresarial nas diferentes comarcas da provincia.

Segundo explicaron os técnicos da área de Emprego, as previsións son que os primeiros proxectos empresariais podan comezar a instalarse en Arenaza a partir de outubro de 2018, co inicio do novo curso.

Comment on this Article: