Home » Exposición » Currently Reading:

A Deputación da Coruña defende que “A Cultura é un Dereito” cun novo programa de debate e acción

abril 6, 2018 Exposición No Comments

“Cultura e sociedade en Galiza: iniciativas e experiencias”, “Mulleres e Igualdade” e “A escena galega no palco do Colón” son as tres xornadas coas que arrinca o programa “A Cultura é un Dereito” coa que a Deputación da Coruña quede destacar o carácter transformador da cultura. A responsábel da área e vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei e as persoas coordinadoras das xornadas, Alberto García, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Arantxa Estévez e Cristina Domínguez presentaron os obxectivos e contido do novo programa.

Máis de cen persoas do ámbito da cultura participan nas tres xornadas coas que bota a andar o programa “A Cultura é un Dereito” que inicia a súa andaina o vindeiro 25 de abril no Pazo de Mariñán co programa “Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias”, coordinado desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. O Teatro Colón da Coruña será o escenario das outras dúas xornadas que xirarán arredor das “Mulleres e Música” o 19 de maio con coordinación de Arantxa Estévez, xornalista cultural e responsábel de comunicación de festivais musicais, e a produtora Rosa Salgado e “A Escena galega no palco do Colón. Os procesos de creación nas artes escénicas na Galiza do século XXI” que, coa coordinación da directora Cristina Domínguez terá lugar o vindeiro día 9 de xuño.

“A cultura debe ser un alimento, algo necesario e imprescindible, participación, traballo diario cun mundo diverso e heteroxéneo e con máis liberdade”, comezou Goretti Sanmartín nunha intervención en que presentou o ambicioso programa que responde á afirmación “A Cultura é un Dereito”, convertido en lema da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Adiantou así os obxectivos dunhas xornadas que “teñen un formato orixinal e multidisciplinar e vontade de transcender, porque acreditamos en que, ás veces,  é necesario que algo se mova para que se produza efecto dominó e a mudanza sexa grande”.  Ademais de destacar a necesidade de “analizar de maneira crítica a situación cultural”, Goretti Sanmartín destacou que o programa afondará tamén nunha das preocupacións da área como é “a igualdade de xénero, a transversalidade, que se cumpra o que é de xustiza, que as mulleres teñamos presenza nos eventos culturais e en todos os ámbitos”, dixo.  Anunciou tamén que xa se están a preparar novas iniciativas como unha xornada sobre o audiovisual.

A responsábel de Cultura da Deputación da Coruña fixo un chamamento á participación nun programa que defende que “a cultura é un dereito de toda a sociedade e un motor de transformación”.

Arredor da primeira das xornadas, o presidente da AGPXC, Alberto García, destacou que responde á consideración de “que toda a cidadanía ten dereito a acceder á cultura”. “Somos un país que o demostrou ao longo de toda a súa historia, cunha capacidade autoorganizativa que estará presente nesta xornada que considerará  todo o movemento de cultura cidadá e asociativa. Queremos recoñecer todo o moito e bo que fai este país tanto de cultura cidadá como pública”, dixo Alberto García na súa intervención en que considerou a xornada unha boa ocasión para facer balance e conmemorar o décimo aniversario da AGPXC.

A xornalista cultura, responsábel de comunicación de numerosos eventos musicais, Arantxa Estévez fixo fincapé en que a xornada “Mulleres e Música”, que coordina canda a produtora Rosa Salgado, afondará no “diverso papel que as mulleres desenvolven no mundo da música co obxectivo de dar visibilidade as diversas funcións como produtoras, distribuidoras ou artistas e tamén mostrar o seu traballo con tres concertos nunha xornada que conta cun programa moi diverso, formato de formatos”. A coordinadora da xornada sinalou tamén un segundo obxectivo da iniciativa que consistirá en “crear un espazo de encontro e de propostas , un conxunto de medidas que palien a fenda de xénero coa participación dos axentes implicados”.

Finalmente, a directora Cristina Domínguez anunciou que a xornada dedicada á escena galega se converterá nun “espazo de reflexión e encontro”. O obxectivo que se marca é xuntar “profesionais da escena e falar de nós como creadores e creadoras buscando a interdisciplinaridade e incorporando distintas xeracións que ás veces non nos vemos as caras”. Anunciou tamén que varias compañías están a preparar pequenos espectáculos para espazos non convencionais do Teatro Colón, nunha xornada que, como as outras, xuntará reflexión e creación cultural.

O programa das xornadas e a ficha de inscrición están dispoñíbeis na web: http://aculturaeundereito.gal/

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...