Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación da Coruña diríxese á Dirección Xeral de Memoria Histórica para que anime o goberno a iniciar accións xudiciais para recuperar o Pazo de Meirás

agosto 8, 2018 coruna No Comments

A Deputación da Coruña, a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, urxe ao goberno central a iniciar o proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás. Nunha comunicación dirixida a Patrimonio Nacional e á nova Dirección Xeral de Memoria Histórica comprométese a colaborar na documentación que avalan o informe xurídico que abre a vía para reclamar o inmóbel pola vía xudicial.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dirixiu unha nova comunicación a Patrimonio Nacional para instar a que “inicie de maneira urxente o proceso xurídico para recuperar o Pazo de Meirás como ben público”. Na súa carta, a vicepresidenta da Deputación, apunta a despois da morte da filla do ditador hai serios indicios de que a  familia Franco quere vender o inmóbel e, antes de que aconteza, é preciso activar a vía xurídica para recuperar o Pazo sen custe algún para o erario público.

 

Na nova comunicación, lembra a que a Deputación da Coruña ten no seu poder, despois de ser solicitado pola Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, un informe xurídico que abre a posibilidade da vía xudicial de recuperación do inmóbel desde Patrimonio Nacional ao demostrar que pasou a mans de Francisco Franco a través dun acto de compra-venda ficticio. “Estamos en disposición de argumentar documentalmente este feito para darlle consistencia á reclamación xudicial e mesmo hai nova información que avala a argumentación de que o Pazo de Meirás funcionaba como residencia de verán do Xefe do Estado”, explica Goretti Sanmartín  que anota que o informe elaborado pola comisión creada desde o Parlamento Galego vén confirmar a viabilidade desta liña de traballo encamiñada a recuperar o Pazo.

“Instamos a que inicien, de inmediato, o procedemento xudicial dun inmóbel que está demostrado que era a vivenda de verán do Xefe do Estado e que, non só polo seu valor material senón tamén simbólico, ten que ser propiedade pública, para facer xustiza e recuperar a nosa memoria”, apuntou Goretti Sanmartín ao tempo que lembrou que hai abondosa documentación que demostra que a compra foi simulada e mesmo o desvío de fondos desde Patrimonio Nacional para o Pazo de Meirás, para o mantemento do inmoble como para subministrar alimentos e outros enseres para a familia do ditador nas súas estadías veraniegas,. Na documentación que se pode achegar ao expediente constátase tamén a existencia dunha partida orzamentaria destinada ao Pazo de Meirás que demostra que funcionaba como residencia de verán do ditador.

 

Nova Dirección da Memoria

A Deputación da Coruña remitiu tamén os informes xurídico e histórico á nova Dirección Xeral da Memoria Histórica que dirixe Fernando Martínez López co fin de “urxir a que inclúa o Pazo de Meirás na axenda inmediata do novo organismo, pola demanda social e política que existe sobre a súa recuperación”. Ademais dos informes, a vicepresidenta da Deputación da Coruña remitiu un exemplar do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio de Carlos Babío e Manuel Pérez, un volume que dá conta da profunda investigación sobre a apropiación das propiedades situadas no concello de Sada por parte de Francisco Franco e a súa familia.

Ademais, Goretti Sanmartín explica en carta dirixida a Fernando Martínez López que a proposta de activar mecanismos para a recuperación do Pazo de Meirás contou coa unanimidade das organizacións políticas con representación no pleno da Deputación da Coruña e do Parlamento de Galicia.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...