Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación da Coruña financia a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido

noviembre 9, 2017 coruna No Comments

Nun dos enclaves máis espectaculares da ruta, o faro vello do Cabo Vilán, o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende, asinaron o convenio que financiará o plan de actuación necesarias para a homologación da ruta como senda de Gran Percorrido. Ao acto asistiron alcaldes e representantes municipais de concellos que atravesa o Camiño dos Faros.

A área de Turismo da Deputación e a Asociación o Camiño dos Faros escolleron o Cabo Vilán e a hora do solpor para rubricar un acordo que suporá o impulso definitivo á ruta que atravesa nove concellos da Coruña nun escenario dunha beleza única. A Deputación da Coruña achega, segundo o convenio, un total de 78.152,00 € -o 80% do total do orzamento que ascende a 97.686, 00€- para financiar o plan de actuacións necesarias para a homologación como Senda de Gran Percorrido (GR) do Camiño dos Faros.

Ao acto asistiron, ademais do deputado Xosé Regueira e o presidente e membros da Asociaciación o Camiño dos Faros, alcaldes e cargos institucionais dos concellos como o alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, o de Vimianzo, Manuel Antelo, o de Mazaricos, Juan José Blanco, o de Ponteceso, Lois García Carballido, o de Malpica, Eduardo Parga e o de Fisterra, José Marcote.

O deputado Xosé Regueira, lembra que desde a área de Turismo da Deputación da Coruña da que é responsábel, “confiouse desde o primeiro momento na fortaleza deste proxecto a nivel turístico e tanto é así que o pasado ano decidiu presentalo en Fitur, un dos máis importantes escaparates do sector, e a partir de aí comezou un periplo administrativo que remata agora coa formalización deste convenio que é fundamental para a súa consolidación, protección e promoción”. Agarda agora Xosé Regueira que “outras administraciónns que van ter que ditaminar sobre a homologación demostren o mesmo grao de compromiso cunha ruta de gran valor turístico, económico e patrimonial”.

Para o deputado de Turismo, o “Camiño dos Faros é agora mesmo un dos produtos máis recoñecíbeis de Galiza nos mercados tanto estatais como internacionais entre o público que busca o contacto co medio natural e o camiñar como forma de facer turismo”. Ademais, Xosé Regueira, recoñece a ruta como un “aliciente económico para unha comarca como a da Costa da Morte que ten potencial mais que precisa insistir na profesionalización do sector e na capatación de recursos foráneos ao territorio”.

“O convenio significa que un proxecto que naceu hai cinco anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos nove concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro”, sinalan desde a Asociación o Camiño dos Faros. O obxectivo da entidade é que o “camiño exista formalmente e que o recorra moita xente mais co máximo respecto pola natureza. Nestes anos conseguiuse deseñar un camiño que non existía, promocionalo e que viñera xente de toda Europa en base a traballo social e moito voluntariado”, explican dunha ruta que non dubidan en definir como “espectacular, con moitísima variedade, como asegura a xente que percorre moitos camiños definidos, no Camiño dos Faros hai historia, arte patrimonio, acantilados únicos, natureza singular e unha paisaxe sobrecolledora”. Consideran así que a homologación converterá o Camiño en eixo vertebrador do turismo da comarca.

No proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento.

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra polo borde do mar. Atravesa un total de nove concellos da provincia da Coruña: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. O Camiño dos Faros constitúe un patrimonio natural e cultural de gran valor, tanto como recurso turístico como na súa condición e elemento de dinamización socioeconómico.

A actividade que financia o proxecto pretende converter a Ruta en Senda de Gran Percorrido (GR), o que mellorará o trazado e seguridade, a difusión mediática e o coñecemento por un maior número de persoas, permitindo unha valorización dun recurso natural do que participan nove concellos da Coruña.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...