Home » Uncategorised » Currently Reading:

A Deputación da Coruña recoñece o impulso ao galego por parte de entidades e persoas co Premio Rosalía de Castro

marzo 11, 2018 Uncategorised No Comments

Recoñecer o traballo de persoas e entidades que contribúen ao proceso de normalización lingüística do galego é o obxectivo do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña que chega xa a súa novena edición.

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da IX edición do Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua galega, unha convocatoria á que poderán concorrer, ata o vinderio 30 de xuño, aquelas persoas e entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico

Destinado a todas as persoas, asociacións, entidades ou colectivos do ámbito galego en xeral o certamen ten por obxecto premiar a aquelas que destaquen pola súa traxectoria na promoción en galego ou que salienten por actividades que impliquen o espallamento da lingua durante o ano 2018.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, destacou que “o Premio Rosalía de Castro pretende recoñecer o esforzo daquelas persoas e entidades que co seu traballo contribúen a dar pasos adiante no proceso de normalización da lingua galega” un labor, engadiu “co que ademais de renderlle homenaxe a Rosalía de Castro tamén se lle dá continuidade ao traballo que ela iniciou” na defensa do galego”.

Do mesmo xeito que na pasada edición, o Premio Rosalía de Castro contempla dúas categorías que estarán dotadas cun premio de 3.000 euros cada unha delas.A primeira das modalidades atenderá a criterios xerais como poden ser: actuacións desenvolvidas durante o presente ano a favor da dignificación social da lingua galega, o uso habitual do idioma galego en camapañas de información e publicidade, ou a contribución significativa á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.

Así mesmo, a segunda das categorías tamén prestará atención a estes valores mais, centrará especificamente as súas valoracións naqueles participantes que realicen traballos especificamente destinados aos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade. Como poden ser aqueles proxectos e actuacións que incidan na promoción da lingua desde a perspectiva xeracional.

O Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega está destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer no ámbito da provincia, quer a nivel galego. Sendo especialmente significativo o traballo vencellado con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.

O pasado ano foron a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e o proxecto “Apego” que ten á Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) os gañadores da VIII edición Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña

Poden consultar as bases na seguinte ligazón:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2018/03/09/2018_0000001777.pdf

Comment on this Article:







*