Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación da Coruña remata o proceso de diagnose das políticas de Igualdade nas comarcas

julio 11, 2018 coruna No Comments

Cos foros de Ordes, Bergantiños e Terra de Soneira, a Deputación da Coruña finaliza unha rolda de foros que se están celebrando en cada unha das cabeceiras de comarca coa finalidade presentar os datos da diagnose sobre a situación da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes realizada de cada unha comarcas, o que vén a ser, unha devolución da información analizada durante a fase de diagnose do proxecto. Nestes foros, analízanse as debilidades e as fortalezas detectadas en materia de igualdade.

O día 11 en Ordes e o día 13 en Bergantiños e Terra de Soneira desenvolveranse os foros que poñen fin a esta primeira rolda de 18 foros comarcais. A seguir, iniciarase outra xeira dirixida especificamente ao persoal político das administracións locais e ao tecido asociativo que se celebrarán en diversas localidades, un total de 32, buscando con isto que a diagnose das políticas de igualdade conte coa participación do maior número posible de axentes do territorio e se avalíe o estudo elaborado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

A deputada Ánxela Franco, que dirixe a área de Igualdade da Deputación da Coruña, destaca que con esta fase de xuntanzas búscase “que a diagnose sexa o máis completa posíbel e que implique a todos os axentes que están a participar nas políticas de igualdade para dotalos dunha ferramenta que amplíe os seus resultados de cara acadar unha sociedade máis igualitaria”.

O proxecto Compartimos Plan ten así como obxectivo  realizar unha diagnose de cara a desenvolver de maneira máis eficaz as políticas de igualdade.

Ate o momento, nestes foros comarcais participaron máis de cen persoas, entre elas, persoal técnico das administracións locais, persoal político, profesorado dos centros educativos, tecido asociativo e entidades, e persoas a título individual. Para dinamizar estas xuntanzas, empréganse diversas dinámicas grupais que serven poñer en común os resultados e validalos.

Co desenvolvemento dos foros, desde a área de Igualdade búscase validar os traballos do proxecto Compartimos Plan, Diagnose e Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero e Loita contra a Violencia na Coruña.

Persoal técnico e político das administracións locais, máis tecido asociativo e outros axentes chave do territorio están a ser convocados a esta fase de encontro para avaliar os principais resultados acadados en cada unha das comarcas no estudo de diagnose realizado nos últimos meses.

“Con esta fase de elaboración da diagnose cotéxanse os resultados obtidos e danse a coñecer as primeiras avaliacións dos datos obtidos. Queremos que “Compartimos plan” sexa unha ferramenta para todas as administracións ademais de empresas e colectivos para coñecer a fondo a realidade social e os medios para actuar de maneira máis eficaz no traballo para a igualdade”, sinala a deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, responsábel do proxecto.

Nestes encontros, que está a organizar Deloga, empresa que gañou o concurso para o desenvolvemento técnico do proxecto, achegaranse os principais resultados da diagnose en cada comarca de referencia, obtidos a través de diferentes instrumentos, como entrevistas, cuestionarios, etc., e tamén tras a revisión de fontes estatísticas secundarias. Deste xeito, ofrecerase unha fotografía das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas de cada territorio, co fin de poder validar unha matriz DAFO mediante unha ferramenta interactiva. Este traballo culminará cunha dinámica grupal a partir da cal poderanse deseñar as estratexias de actuación no referido ás políticas de igualdade.

Para a difusión e organización destes encontros cóntase coa colaboración dos 93 concellos da provincia, logrando así facer extensible o convite ao maior número de axentes chave, así como a todas aquelas persoas que a título individual desexen asistir, pola súa vinculación persoal ou profesional coas políticas de igualdade entre mulleres e homes.

Comment on this Article:

A %d blogueros les gusta esto: