Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación destina 300.000 euros para axudas a protectoras de animais e proxectos de medio ambiente

junio 3, 2018 coruna No Comments

A Xunta de Goberno da Deputación da Coruña aprobou destinar 300.000 euros a dous novos programas de subvencións para o cofinanciamento de proxectos e actividades no ámbito do medio ambiente e para asociacións protectoras de animais domésticos durante o ano 2018.

Cada unha destas liñas está dotada cun orzamento de 150.000 euros e as subvencións van desde os 3.000 aos 15.000 euros, en función dos criterios de baremación de cada programa.

Por unha banda, as axudas a asociacións protectoras de animais domésticos, que se convocará en réxime de concorrencia competitiva, irán destinadas a financiar os gastos relacionados coa protección de animais domésticos (cans e gatos) que se realicen no 2018 por parte de asociacións privadas sen ánimo de lucro, de protección e defensa de animais domésticos, legalmente constituídas.

Coas axudas provinciais, as protectoras poderán financiar cuestións como soldos, salarios e gastos de Seguridade Social, servizos veterinarios ou chips, medicamentos e gastos de alimentación dos animais.

Para recibir estas axudas, as asociacións privadas sen ánimo de lucro deberán estar inscritas no ‘Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía’, creadas cunha antigüidade mínima de dous anos anteriores á data de finalización do prazo de solicitude.

Ademais, deberán ter domicilio social ou oficina permanente na provincia da Coruña. Non poderán participar na convocatoria as entidades que sexan beneficiarias de subvencións nominativas no 2018 ou que vaian recibir neste exercicio orzamentario calquera outro tipo de achega da Deputación.

 

Subvencións no ámbito do medio ambiente

Por outra banda, o programa de axudas para o cofinanciamento de proxectos e actividades no ámbito do medio ambiente, irá destinado a campañas de sensibilización, estudos, programas educativos, itinerarios pedagóxicos, promoción difusión e defensa dos valores ambientais e outras actividades para protexer o medio ambiente que se realicen por entidades privadas sen ánimo de lucro, inscritas no ‘Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia’, ou que teñan entre os seus obxectivos estatutarios a defensa do medio ambiente.

Entre actividades subvencionables neste apartado figuran, entre outras, campañas de voluntariado ambiental dedicadas á conservación do ecosistema, accións de conservación de espazos naturais protexidos, mellora de calidade ambiental no ámbito urbano, ou actividades conservación de variedades e especies vexetais autóctonas.

Tamén se buscará a difusión e sensibilización ambiental, cofinanciando  accións de promoción do coñecemento do medio ambiente na provincia da Coruña. En concreto, todas aquelas accións que teñan que ver coa sensibilización sobre cambio climático, as boas prácticas ambientais, o uso da auga e da enerxía ou o consumo responsable, entre outras cuestións.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...