Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación distribúe 6.000 libros entre os seus concellos coa campaña Libros para sermos libres

abril 5, 2018 coruna No Comments

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión informativa co persoal responsable das áreas de Cultura e bibliotecas municipais dos 30 concellos seleccionados para participar na segunda edición da campaña “Libros para sermos libres”, pola que se distribúen 6.000 libros arredor do Día Internacional do Libro.

Nesta segunda edición do programa, serán os concellos de os concellos de A Capela, A Laracha, Abegondo, As Pontes, Boimorto, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Carnota, Cee, Cerdido, Irixoa, Lousame, Miño, Moeche, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Oroso, Ortigueira, Rianxo, Rois, Teo, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño e Zas, os que participen nunha iniciativa pola que cada un deles recibirá da Deputación da Coruña 200 exemplares para agasallar en actos de solta en espazos públicos.

A xuntanza, na que tamén participaron a xefa do servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat, e o asesor cultural, Xavier Campos, serviu para trasladar ás persoas responsables municipais as principais características dunha iniciativa que este ano cumpre xa a súa segunda edición, e que ten por obxecto facer chegar á veciñanza libros que a Deputación da Coruña garda nos seus arquivos

Sobre a campaña “Libros para sermos libres”, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín,  sinalou que “é lóxico que os libros sexan para gozar a veciñanza e non para ficar amoreados nos almacéns”, algo, ao seu ver, “sen sentido se temos en conta a grande calidade que posúen estas obras”.

Entre os libros cos que a Deputación  da Coruña agasallará á poboación dos seus municipios, atópanse exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura, banda deseñada ou literatura infantil. Así,  moitos deles resultaron premiados nos diferentes certames que organiza a Deputación da Coruña. No conxunto de volumes que se distribuirán nesta campaña tamén se atopan algunhas das últimas novidades editadas pola institución.

Na segunda das tres anualidades que integran o proxecto “Libros para sernos libre”, escolmáronse un compendio de obras “pensadas para chegar a todo tipo de públicos, alén das súas preferencias literarias ou da súa franxa de idade” pois, subliñou Goretti Sanmartín “a cultura é un dereito” en alusión ao lema que está a promover a área que dirixe.

A solta de libros simultánea realizarase nas xornadas próximas ao día 23 de abril, en que se celebra o Día Internacional do Libro, a través de diferentes actos que os concellos organizarán co obxecto de obsequiar ás persoas que participen na actividade achegándose aos distintos puntos de reparto.

Tras a boa recepción desta iniciativa que se desenvolveu o pasado ano noutros trinta concellos, a área de Cultura da Deputación da Coruña acordou darlle continuidade a un programa que na presente edición incrementou o número de exemplares a distribuír, pasando dos 5.000 libros entregados no ano 2017, aos 6.000 volumes  que se repatirán na presente edición.

Comment on this Article:







*