Home » Trafico » Currently Reading:

A Deputación e o Concello de Cambre investirán 200.000 euros na mellora da seguridade viaria nas parroquias de Cambre e o Temple

junio 22, 2018 Trafico No Comments

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade de todas as forzas políticas, un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns. Destes fondos, algo máis de 4,36 millóns de euros destinaranse a financiar numerosos investimentos financieiramente sustentables nos concellos da provincia.

Entre eles, destaca unha subvención nominativa de 159.996,39 euros para a execución de diversas actuacións de mellora da seguridade viaria nas parroquias de Cambre e O Temple. A achega da Deputación supón o 80% do custo total do proxecto, fixado en 199.995,49 euros. O concello cambrés achegará o 20% restante.

No referente á reforma e adecuación da beirarrúa da rúa Antón Fraguas, así coma as melloras de accesibilidade e seguridade vial na mesma e en puntos do seu entorno, realizaranse actuacións na propia rúa Antón Fraguas, na praza José Luis Caso Cortines e na rúa travesía da Igrexa. O orzamento total para esta intervención será de 29.845,15 euros.

Na rúa Antón Fraguas procederase á reforma e adecuación da beirarrúa da marxe esquerda, actualmente afundida e co pavimento existente en mal estado. Por outro lado, a praza José Luis Caso Cortines conta cun espazo libre dividido en dúas zonas a diferentes alturas e conectadas mediante rampas e escaleiras. O proxecto centrarase na zona inferior e nos puntos de acceso dende unha parte á outra. Por último, na rúa travesía da Igrexa procederase á demolición dunha construción  que invade a beirarrúa e provoca un obstáculo aos peóns.

 

Melloras no parque Igrexa de Cambre

As actuacións previstas no parque Igrexa pasan pola modificación de trazado do muro existente e o acondicionamento do parque, con reutilización de material e co fin principal de ampliar o espazo público do entorno da Rectoral de Cambre.

O novo muro construirase reutilizando as pezas de mampostería do muro actual, con menor altura e rematado por un enreixado de aceiro, de características similares ás do orixinal. O proxecto complétase co establecemento dun percorrido peonil que permitirá o establecemento dunha conexión para os peóns entre a estrada da estación e o parque existente creando así un novo espazo verde para a vila de Cambre. A inversión total nesta obra será de 37.867,64 euros.

 

Obras nas rúas Polígono e Francisco Añón e no parque de A Barcala

De cara á correcta reordenación do entorno das rúas Polígono e Francisco Añón, así como para as melloras de accesibilidade e seguridade vial nas mesmas, entre as actuacións previstas ampliarase a rúa Polígono hasta un ancho total de 23 metros, de xeito que permita aumentar as beirarrúas a ambos lados, deixando aparcamento en batería a cada lado e dous carrís. Na rúa Francisco Añón crearase unha nova beirarrúa. O orzamento previsto para estas melloras é de 73.876,57 euros.

No referente ás obras do parque infantil este de A Barcala, o obxectivo do proxecto é dotar dun parque de calidade e adaptado á normativa europea polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís tendo en conta os materiais que forman os xogos, o chan e as colocacións, coas medidas e as distancias de seguridade.

Entre as actuacións de mellora previstas, restauraranse todos os elementos de xogo e mobiliario e cambiarase o chan mediante pavimento de caucho de diferentes debuxos e cores en toda a súa extensión. Cambiarase tamén a zona de area, dándolle un tratamento con verniz tipo lasur ou similar, e o cartel existente por un novo que deberá incluír o nome do parque e os oito puntos que esixe a normativa autonómica pola que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís. Para as citadas obras destinaranse 22.380,52 euros.

 

Remodelación da Praza Europa en Cambre

Por último, levarase a cabo a primeira fase da remodelación da Praza Europa en Cambre, cun investimento de 36.025,61 euros, co fin de mellorar a mobilidade dos peóns, garantir a accesibilidade universal e iniciar a posta en valor da contorna da Igrexa de Santa María de Cambre e do cruceiro.

As obras desenvolveranse sobre unha superficie de 564,58 metros cadrados mediante un tratamento de superficie que permita un espazo plano na contorna inmediata do cruceiro, así coma unha plataforma única que comunique este espazo co Campo da Feira mediante un paso non inferior a 2,5 metros.

Comment on this Article: