Home » coruna » Currently Reading:

A Deputación publica un informe en que se detalla a percepción da mocidade sobre a violencia de xénero

junio 21, 2018 coruna No Comments

A área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña publica os resultados do programa de prevención e sensibilización da violencia de xénero entre a mocidade “Suprime o Control”, que nesta edición contou coa participación de máis de 1.000 alumnas e alumnos de 14 centros educativos da provincia. Entre outros datos, o informe mostra que case a metade consideran que os ciumes son síntoma de afecto. A deputada Ánxela Franco defende que o informe deixa claro “que a educación é a mellor ferramenta contra a violencia machista”.

O alumnado dos institutos de ensino secundario das comarcas do Eume, Betanzos, Terras de Melide e A Coruña, vén de participar no proxecto socioeducativo que a Deputación da Coruña desenvolve dende o ano 2015 co ánimo de analizar cal é a percepción que ten a mocidade sobre os roles sexistas, as condutas de acoso e control, as relacións tóxicas ou as actitudes previas ao maltrato.

A deputada e responsábel da área de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, sinalou que os datos que achegaron as rapazas e rapaces neste informe “son dunha grande valía na procura de atopar unha solución a un problema que afecta ao conxunto da sociedade”, e engadiu que “nestas idades a educación resulta unha ferramenta fundamental para atallar e previr posibles comportamentos violentos e sexistas entre a poboación máis nova”.

A Deputación da Coruña elaborou unha serie de cuestionarios especialmente deseñados para os mozas e mozos de 3º e 4º da ESO dos concellos de menos de 20.000 habitantes, ao fin de elaborar un informe que de xeito detallado recollese e analizara as crenzas, as opinións, as actitudes e as condutas do alumnado en relación coa violencia de xénero.

Baixo o título “Datos e contas-Date de conta”,o informe elaborado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña presenta un conxunto de datos que deixan ao descuberto a percepción das mozas e mozas adolescentes respecto da violencia machista. Así, da investigación despréndese que case a metade da mocidade – o 48% dos rapaces e o 41% das rapazas- consideran que os ciumes son un síntoma de afecto cara a parella; ou que, estar namorado ou namorada, implica compracer en todo á parella. “Desde a Deputación da Coruña temos clara a importancia da educación e de informar á mocidade, de nos implicar para cambiar as cousas, por riba das urxencias de medidas puntuais”, anota Ánxela Franco.

Ademais, e no contexto das novas tecnoloxías, é salientable o dato de que o 58% dos rapaces non perciben como algo negativo o feito de difundir imaxes, vídeos ou conversas da parella –sen consentimento- ao través da internet ou das aplicacións de mensaxería, e tampouco consideran  como algo nocivo – o 27% dos rapaces e o 19% das rapazas- o empurrar á parella no transcurso dunha lea.

O programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero “Suprime o Control” da Deputación da Coruña ten por obxecto ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado, ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou produtos audiovisuais.

Pode consultar o informe de xeito integro na web do programa socioeducativo:  http://suprimeocontrol.com/

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...