Home » coruna » Currently Reading:

A Mesa de alcaldes e alcaldesa analizará este venres o resultado do proceso participativo para a constitución da Área Metropolitana, así como as reivindicacións a Fomento en materia de infraestruturas básicas e accesos

enero 31, 2018 coruna No Comments

O Pazo de María Pita acollerá este venres, 2 de febreiro, ás 18.00 horas, unha nova reunión da Mesa de alcaldes e alcaldesa, así como o acto público de clausura do proceso participativo iniciado a finais do ano pasado e que tiña como obxectivo “implicar de xeito directo á cidadanía na constitución dunha verdadeira Área Metropolitana”. Neste momento, e ademais do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, está xa confirmada a presenza da rexedora de Bergondo (Alejandra Pérez) e dos seus homólogos en Oleiros (Ángel García Seoane), Sada (Benito Portela), Culleredo (José Ramón Riobóo) e Cambre (Óscar García Patiño). De entre os restantes mandatarios locais que conforman a mesa metropolitana, o de Betanzos, Ramón García, xa adiantou que non poderá participar no evento por motivos de axenda.

Á marxe das cuestións relativas á constitución dunha auténtica Área Metropolitana, a Mesa tamén analizará as necesidades conxuntas dos concellos en materia de accesos e infraestruturas e explorará a posibilidade de artellar unha fronte unida –en forma de declaración institucional– entre os distintos gobernos locais para esixir ao Ministerio de Fomento que “dea resposta ás débedas históricas que a institución central ten coas insfraestruturas da área da Coruña”, entre as que se atopan proxectos tales como a renovación e mellora da avenida de Lavedra, a situación da ponte da Pasaxe ou a peaxe de Arteixo.

Balance do proceso participativo

Sobre a constitución formal da Área Metropolitana, a reunións dos e da alcaldesa servirá para para avaliar tamén o resultado do proceso participativo desenvolvido nos últimos meses cos concellos da comarca e que consistiu na organización de distintas accións como foron a celebración encontros presenciais coa veciñanza, mesas temáticas sobre economía, ciclo da auga, tratamento de residuos e mobilidade, a realización dunha consulta pública a través da web municipal e a posibilidade de adherirse á carta de apoio ao proxecto.

O proceso participativo -que busca implicar de xeito directo á veciñanza na creación dunha Área Metropolitana real que estea regulada mediante unha normativa que sexa aprobada no Parlamento de Galicia – arrincou en outubro de 2017. Dende entón, realizáronse nove reunións de planificación entre os concellos de Sada, Bergondo, Oleiros, Cambre, Culleredo, Abegondo, Betanzos e Oleiros –despois de que os municipios de Arteixo e Carral declinaran o convite para participar no proceso– para definir e preparar as reunións coa veciñanza. Entre os meses de novembro e decembro tiveron lugar oito encontros cos veciños e coas veciñas dos concellos, ademais de catro mesas temáticas e unha consulta pública. En total, participaron más de 400 persoas. Entre os temas máis recurrentes nas reunións destaca a necesidade de revisar a mobilidade entre os municipios –que se concretou na demanda da recuperación do tren de proximidade e a mellora das liñas, frecuencias e paradas do autobús– e as oportunidades laborais que abre a Área Metropolitana en relación á mellora do emprego e prestación de servizos. Por outra banda, a veciñanza destes concellos agradeceu a iniciativa e a colaboración entre os municipios ao tempo que mostrou inquietude pola organización das competencias e tomas de decisión da área, así como a súa relación con outras institucións.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...