Home » coruna » Currently Reading:

A praza de María Pita acollerá este domingo un acto aberto á veciñanza para celebrar, con actividades lúdicas, o Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial

noviembre 29, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participou na presentación do acto promovido polas entidades do tecido social local e da área metropolitana que terá lugar o vindeiro domingo, 3 de decembro, con gallo do Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial. A iniciativa, nomeada Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade, terá lugar ás 12.00 horas na praza de María Pita e que contará coa participación do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. O acto permitirá visibilizar, dun xeito lúdico, o traballo conxunto levado a cabo por 28 entidades sociais “baixo unha ‘paraguada’ da diversidade”, segundo expresou Fraga. “Desde o Concello queremos apoiar e arroupar unha acción tan simbólica posta en marcha pola cidadanía non só coa presenza institución, senón tamén a través da combinación da mesma con actividades”, sinalou a edil, quen lembrou que este ano o acto se enmarca tamén na programación do FESTI=, Festival de Artes pola Inclusión Cultural, promovido polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, e que dá a coñecer, neste último trimestre do ano, as actividades que formaron parte da primeira edición da convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva. Así, despois da acción conxunta, haberá ás 12.30 horas un concerto “sorpresa, polo tipo de presentación”, segundo indicou Fraga, de Guadi Galego e, de seguido, contra ás 13.00 horas, terá lugar a actuación de María Fumaça, o proxecto da cantante Uxía en relación coas diversidades.

A responsable municipal estivo acompañada na presentación por Eulogio López, presidente de ASPACE Coruña, quen destacou que o acto das 12.00 horas “permitirá á veciñanza meterse baixo o paraugas e ver a diversidade desde unha mesma óptica”. Na iniciativa participarán, de xeito activo, membros de Acem, Adaceco, Afaco, Aind, Apem, Artefíos, Asociación Pascual Veiga, Aspaber, Aspace Coruña, Aspadex, Aspadisol, Aspanaes, Aspaym, Asperga, Aspesor, Aspronaga, Dismacor, Down Coruña, Feafes, Fegerec, Fundación Adcor, Grumico, Onde, Pai Menni, Parkinson Coruña, Predif, Red de Fibromialxia e a Unidade de Parapléxicos da Coruña. “A proposta é do mundo da discapacidade e da sociedade civil organizada arredor destas persoas e as súas familias. O acto quere destacar a forza do movemento e tecido asociativo, pois dentro das diferencias, somos capaces de unirnos en torno á diversidade, e temos un valor engadido: creamos emprego, damos servizo ás persoas vulnerables, compartimos coñecemento e somos capaces de poñernos dacordo en cuestións fundamentais”, expresou López.

Actividades do FESTI=

O FESTI= está a levar a diferentes espazos da cidade, desde o pasado 2 de novembro, un amplo abano de disciplinas artísticas abertas, participativas, inclusivas, libres de barreiras e aptas para todos os públicos. Ata o momento tiveron lugar un Ciclo de Lírica Inclusiva da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, unha exposición da Sociedade Filatélica, e a Cerebro–Artes–Acción de Experimentadanza, da asociación Diversos; pero dúas das iniciativas do programa abrirán mañá a semana grande do FESTI= .

Así, a Asociación para o Desenvolvemento da Cultura Musical na Infancia para Colectivos Desfavorecidos e en Risco de Exclusión Cultural, Demusicade, organiza mañá mércores, día 29, unha mesa redonda sobre as músicas participativas e inclusivas na Fundación María José Jove. Neste encontro participarán o músico e presidente de Demusicade, Rogelio Groba; a psicóloga Reyes Bernal, a terapeuta no Centro de Atención de Día de Aspanaes; María Jesús Vila; e a padroa da Fundación Abrente, Eva Maceiras. O debate, aberto ao público, comezará ás 18.30 horas. Tamén mesmo mércores iníciase unha actividade proposta por La Quinta del Arte. O equipo do centro artístico organiza un obradoiro formativo que terá lugar o mércores no Salón de Actos do Centro Cívico Os Rosales, e o xoves 30 e o venres 1 de decembro no Centro Ágora. As persoas participantes ensaiarán unha montaxe que se presentará o domingo 3, na xornada central do Festival, ás 18.00 horas no Centro Ágora.

O groso da programación terá lugar, pois, este domingo, 3 de decembro, coincidindo co Día Internacional da Diversidade Funcional e Sensorial. Despois do acto protagonizado polas entidades sociais vinculadas ás diversidades da cidade e da área metropolitana, a actividade do FESTI= trasladarase ao mediodía, a partires das 14.00 horas, ao centro Ágora, no que se celebrarán numerosos concertos, actuacións e proxeccións, ademais dun xantar conxunto. A última parada do festival terá lugar o 14 de decembro, cando La Quinta del Arte estree a montaxe La gran boda . Será no Teatro Rosalía de Castro ás 18.30 horas. A programación completa da iniciativa pódese consultar na páxina web municipal w ww.coruna.gal/igualdade/festigual .

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...