Home » coruna » Currently Reading:

A programación do Entroido 2018 levará “actividades a todos os barrios e centrarase no público infantil e na recuperación da tradición cultural dunha festa marcada polo humor”

enero 30, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a programación municipal para Entroido 2018, con actividades que se desenvolverán dende este venres, 2 de febreiro, até o 14. Nunha rolda de prensa, acompañado de representantes do Carnaval coruñés –integrantes das comparsas, choqueiras e artistas–, o edil salientou que “o Concello plantexou esta festa dunha forma descentralizada, tratando de levar actividades a todos os barrios, con actuacións especialmente centradas no público infantil e, tamén, cunha vocación ilustrada, tratando de recuperar e poñer en valor a histórica tradición cultural vinculada a unha festa irreverente”.

As actividades relacionadas co Entroido 2018 comezarán xa o vindeiro venres, 2 de febreiro, coa tradicional Festa da Orella, para dar paso, o domingo, ao Concurso de Comparsas, na súa modalidade de música e letra, que terá lugar no Pazo da Ópera, o mesmo escenario que o día 9 acollerá a Festa da Filloa. Esa será a xornada na que se inicie a programación máis forte do Carnaval, coa entronización do Deus Momo (ás 21.00 horas, no Cantón Grande) e o velorio da sardiña, que terá lugar entre as 23.30 e as 01.30 horas no Art Café (Rúa Santo Tomás, 28, baixo) e se repetirá todos os días até o 13 de febreiro.

O titular de Culturas salientou a xornada do sábado 10 de febreiro na que terá lugar o concurso de carrozas e comparsas na modalidade de vestiario e coreografía, que se celebrará co Desfile de Entroido, que se alongará este ano ao longo de case 2 quilómetros dende a avenida da Habana a María Pita, coa intención de “levar a festa a distintas ubicacións da cidade”. Dentro desa aposta pola descentralización, 14 centros cívicos da cidade contarán con festexos e obradoiros específicos dende o día 7 e até o 11 de febreiro, con actividades para nenos e nenas menores de 12 anos que comezarán ás 17.00 horas e rematarán as 19.00 horas. Como recordou o edil, a aposta pola programación para todos os públicos tamén leva á praza de María Pita o Pequeno Circo de Entroido, que entre os días 10 e 12 de febreiro contará con actuacións de cabaret, obradoiros de canto popular caracterización choqueira, cantos de taberna e letriñas da compañía de Nelson Quinteiro, entre outras. Por outro lado, e segundo quixo poñer en valor Sande, os premios para o público infantil que se darán nos distintos certames serán sempre libros, de forma que “non só se relaciona o ocio e a festividade co coñecemento e a lectura, senón que tamén, de novo, se promocionan ás librerías da cidade”.

Homenaxe aos e ás choqueiras

Sande salientou tamén a programación do martes 13 de febreiro, festivo na cidade, que contará coas tradicionais ofrendas aos e ás históricas protagonistas do Entroido coruñés. A partir das 17.00 horas terá lugar o Concurso Infantil de Disfraces no Campo da Leña, e desde as 19.00 comezarán as actividades na rúa da Torre, co Concurso de Choqueiros e o concerto de Los Mecánicos. O edil manifestou, ademais, en relación das placas na honra dos e das choqueiras da cidade que “por fin podemos colocar, de novo, as mesmas, á altura do número dous da rúa San José, moi preto da ubicación na que xa se atopaban, dunha forma regulada, e logo dun traballo conxunto entre o propio Concello e a veciñanza da zona”. “Este ano, ademais, como é tradición, sumarase unha nova placa, en honor, esta vez, da choqueira Pilar Varela”, dixo, á vez que agradeceu á implicación da festa do Carnaval desta veciña, presente na rolda de prensa, ao igual que Romualdo Irijoa, histórico representante da orquesta Os Maracos.

As actividades festivas propias do Entroido coruñés rematarán o mércores 14 de febreiro co enterro da sardiña e a desentronización do Deus Momo, na contorna do Campo da Leña. A comitiva fúnebre rematará na praia de San Amaro contra as 21.30 horas ( axuntamos programación ).

A cultura do Carnaval

O concelleiro de Culturas tamén incidiu, durante a comparecencia, na singularidade cultural do Entroido, así como a compoñente de expresión artística que o goberno local pretende fomentar. “Como nos dous últimos anos, o Concello escolleu a unha artista local para a elaboración dos carteis de carnaval. Esta vez, e logo das obras de David Pintor e Alberto Guitián, tocoulle o turno a María Álvarez Hortas, Yupiyeyo , quen realizou catro cartaces distintos, que recollen a pluralidade desta festa e que van dirixidos a distintos públicos”, salientou. O Concello editará 10.000 programas e 2.000 carteis para a promoción desta festa.

Ademais, e tamén na liña dos últimos anos, o Entroido coruñés terá unha vertente literaria, coa presentación dun libro relacionado, específicamente, con esta festividade. Será a obra Choqueiros. Breve Crónica Histórica do Carnaval na Coruña (até 1882) , de Xosé Alfeirán, que se presentará no Círculo de Artesáns, “lugar senlleiro do Entroido da Coruña”. O Concello editará 1.500 exemplares desta obra.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...