Home » Uncategorised » Currently Reading:

A terceira edición das xornadas Lacónicas amplía a participación a 35 restaurantes, para afondar na posta en valor da gastronomía “como un dos principais atractivos da cidade”

enero 27, 2018 Uncategorised No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social e tamén responsable do Consorcio de Turismo de A Coruña, Alberto Lema, deu a coñecer esta mañá o programa de Lacónicas, III Xornadas gastronómicas do lacón con grelos que se celebrarán entre os días 5 e 18 de febreiro e nas que participan 35 restaurantes da cidade. Ademais, están programadas unha serie de actividades paralelas nos mercados da praza de Lugo e de San Agustín para os sábados 10 e 17 de febreiro. “Lacónicas pretende poñer en valor un dos principais atractivos da cidade, como é a oferta gastronómica, neste caso centrándonos nun producto de tempada como as laconadas, vinculadas ao Entroido”, explicou Lema.

Os estabelecementos teñen a opción de ofrecer un menú de Entroido tradicional composto por un primeiro plato de sopa ou similar e un principal de lacón con grelos ou máis creativo. O menú, que terá un precio comprendido entre os 18 e os 30 euros, complétase cunha sobremesa tradicional de filloas ou orella e bebidas -auga, refrescos e con bodega de denominación de orixe galega-. Os restaurantes que participan nesta edición, tres máis que o pasado ano, son: A’atalaia Bar, Abarrote, A Peixería – Cociña Coruñesa, A Portela, A Taberna de Cunqueiro, Adega O Canizo, Calma Chicha, Casa Martín, Casa Matilde, Central Park, El Local 20, Galiur, Gastroteca, La Bodeguilla de Padre Feijoo, La Taberna del Arriero, Lola & Cía, Mahara Taberna, Mesón Bieito, Mesón Manolito, Mesón O’Bo, Morriña, O’Calexo, Oído Cocina!, Otrosi Gastrobar, Restaurante A la brasa, Restaurante Boavista, Restaurante Comer y Picar, La Marola – Hotel Zenit, Restaurante Manolito, Restaurante Noray, O Fieital, Roots Urban Food, Sidrería Lelín, Taberna O’Trotamundos e Vinum.

No 2017, os restaurantes que participararon serviron 9.000 racións de lacón con grelos. “Entendemos que a edición foi un éxito. Amosa que é un produto moi aceptado e un formato introducido e agardado, que completa o circuíto de eventos gastronómicos da cidade”, indicou Lema. A Coruña celebra ao longo do ano tres xornadas de difusión da súa cociña, o Concurso de Tapas Picadillo , de longo percorrido, o Festival do Bocadillo Gourmet Boucatisse e Lacónicas, iniciadas polo actual goberno local. Neste sentido, o responsable do Consorcio de Turismo avanzou que o novo evento gastronómico na cidade, o primeiro festival das cociñas atlánticas que se presentou en Fitur hai unhas semanas “como referente gastronómico do noroeste” , se celebrará antes de San Xoán.

Actividades paralelas

Mentres estes 35 estabelecementos ofrecen un menú tradicional das festas de Entroido, dous dos mercados da cidade acollerán tamén actividades paralelas. “Os mercados municipais son o quilómetro cero, onde os produtos da nosa horta poden ser comprados sen intermediarios. Por iso é moi importante para nós vincular a cociña co produto”, explicou o concelleiro.

O sábado 10 de febreiro no mercado da praza de Lugo haberá obradoiros infantís e degustación gratuíta de filloas e orellas que culminarán cunha comparsa popular a cargo de Monte Alto a 100 ás 12.00 horas. Os talleres están dirixidos a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos e dedicados a algúns dos produtos estrella da gastronomía da época, en sintonía co Lacónica. Así, unha parte do obradoiro estará dedicado a explicar os ingredientes das laconadas para que os rapaces e rapazas poidan velos, tocalos, cheiralos e probalos antes de preparalos de diversas maneiras. Os talleres, aos que será preciso acudir disfrazado, teñen horario de 10.30 a 12.00 horas e entre as 12.30 e as 14.00 horas. Para participar neles é imprescindible inscribirse previamente no teléfono 636 447 574 ou a través do correo xornadaslaconicas@gmail.com , xa que hai dispoñibles 15 prazas en cada un. A degustación de sobremesas de Entroido contará cun showcooking a cargo do cociñeiro Gorka Rodríguez, da Pulpeira de Melide. Comeza ás 11.30 horas e está previsto que dure dúas horas.

A seguinte fin de semana, o sábado 17 de febreiro, será o turno do mercado da praza de San Agustín, que acollerá, de 12.00 a 13.30 horas, un showcooking con degustación denominado Lacónicas Norte e Sur a cargo de Javi Freijeiro e Moncho Bargo, membros de Coruña Cociña. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a persoas adultas e para a que é obrigatoria a inscrición. Pode facerse no teléfono 636 447 574 ou a través do correo xornadaslaconicas@gmail.com a partir do venres 10 de febreiro.

A imaxe gráfica das xornadas gastronómicas, realizada por Luis Sendón, afonda na aposta do goberno municipal polo cartel de autor, co obxectivo de favorecer a difusión do traballo das e dos artistas locais do ámbito da ilustración, animación e banda deseñada, e que se recolle na promoción vinculada á idea da Coruña Gráfica .

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: