Home » coruna » Currently Reading:

A Torre de Hércules recibiu máis de 132.160 visitas no 2017, o mellor rexistro dos últimos cinco anos, “o que referenda a aposta do goberno local pola proxección do patrimonio cultural e natural”

enero 2, 2018 coruna No Comments

A Torre de Hércules vén de rexistrar, no pasado 2017, a mellor cifra de visitantes dos últimos cinco anos. En total, o monumento recibiu, desde o 1 de xaneiro e até o 23 de decembro, a visita de 132.164 persoas, o que supera en máis de 4.300 a cifra total de visitantes do ano pasado, 127.847 persoas. “Aínda que son datos parciais, xa que habería que sumar os datos do período de Nadal, os rexistros confirman a aposta do goberno local pola proxección da Coruña, a través do seu patrimonio cultural e natural, como destino turístico de calidade”, sinala o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e responsable municipal de Turismo. Os datos, cualificados como “moi positivos” polo edil, superan as cifras dos exercicios de 2015 (117.427), 2014 (113.849) e 2013 (116.946). “A tendencia ascendente en relación ao turismo que estamos a observar nestes últimos anos na Coruña, e que se pode observar en relación ao incremento do nivel de ocupación hoteleira, é evidente na circunstancia dun elemento como a Torre de Hércules. É clarificador que o momumento, sen dúbida un dos símbolos patrimoniais da nosa cidade, experimente, por tercer ano consecutivo, un aumento exponencial de visitas”, sentencia Lema, quen destaca especialmente a alta afluencia de visitas no verán. Entre os meses de xullo e setembro, 63.042 persoas coñeceron o faro coruñés, que celebrou o VIII aniversario da súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial. Ante a afluencia de visitantes neste período, o Concello puxo en marcha no mes de agosto un novo sistema de cara a facilitar o acceso ao monumento, mediante o cal as persoas que se achegaron ao mesmo recibiron unha tarxeta que especificaba o tramo horario no que debían acudir para poder acceder á Torre. A medida, tal e como destaca Alberto Lema, “permitiu reducir os tempos de espera para visitar o faro en máis de 45 minutos”.

As cifras do verán tamén supoñen unha notable mellora dos rexistros respecto a pasados exercicios, nos que a Torre recibiu 61.364 visitas no de 2016, ou 58.012 no de 2015. “O atractivo do faro e da súa contorna é indiscutible”, sinala o edil, que destaca a aposta que o goberno local está a realizar a prol da potenciación do turismo patrimonial na Coruña. Neste sentido, o responsable de Turismo lembra que o executivo municipal impulsou, da man da Universidade de Coruña, a celebración dunhas xornadas sobre os desafíos da sustentabilidade do turismo patriomonial e cultural o pasado mes de setembro, e que a cidade acollerá este ano o XII Encontro de Xestores de Patrimonio Mundial. Será a primeira vez que A Coruña acolla este foro, no que cada ano participan un cento de responsables da xestión de espazos inscritos na Lista de Patrimonio Mundial do Estado. “O labor que se está a realizar en relación a protección e mellora da contorna da Torre de Hércules, así como a aposta e promoción do Camiño Inglés, foron cuestións fundamentais á hora de escoller o municipio como sede do Encontro”, asevera Lema.

Procedencia das visitas

En relación á procedencia das e dos visitantes, o faro recibiu, entre os meses de xaneiro e novembro, un 71,7% de visitas doutras cidades e zonas do Estado. Galicia foi a comunidade autónoma que aportou o maior número de visitas (27,1%), seguida de Madrid (15,2%), Andalucía (9,78%) e Cataluña (9,24%). No plano internacional, Europa (18%) e América (8,05%) foron os continentes dos que chegaron o maior número de turistas do estranxeiro, mentres que a cifra de visitantes de África, Asia e Oceanía se achega ao 1,52% do total. Os países europeos que rexistraron parte das visitas foron Francia (15,8%), Italia (14%), Alemania (13,4%), Reino Unido (13,2%) e Portugal (12,7%). No caso americano, a meirande parte das e dos turistas procederon dos Estados Unidos (28%), Arxentina (23,6%), Brasil (9,25%) e México (8,05%).

Prezos públicos

De cara ao ano 2018, e coa entrada en vigor a 1 de xaneiro da nova ordenanza reguladora de prezos públicos, en relación á prestación de servizos nos museos e instalacións culturais do Concello da Coruña, o goberno local amplía os supostos para a aplicación da tarifa reducida na entrada da Torre de Hércules (1,50 euros). Así, a partir de mañá, o estudantado, as persoas desempregadas e as familias numerosas que visiten o faro, entre outros colectivos, veranse beneficiados polos novos criterios. Até o momento, a bonificación aplicábase en función da ideade, nos supostos das persoas maiores de 65 anos, menores de 14 anos e usuarias de Carné Xove –ademais dos grupos de máis de 20 persoas en visita concertada–. A partir do martes, 2 de xaneiro, poderán optar á tarifa reducida todas as persoas en situación de desemprego e membros de familias numersoas –a través da previa acreditación co carné identificativo– así como as e os titulares do Carné Internacional de Estudante ou Profesorado –ISIS e ITIC–.

Por outra banda, a cota cero ou entrada de balde estenderase tamén ás e os acompañantes de persoas con diversidade, sempre que a compañía sexa impresincible para o correcto desenvolvemento da visita, así como para as e os membros da Asociación Estatal de Museólogos, xornalistas e persoal docente afectado pola LO de Educación 2/2006. A entrada gratuíta seguirá sendo gratuíta para as persoas con diversidade, membros do ICOM, da Federación Estatal de Amigos dos Museos, Asociación Estatal de Amigos do Arqueolóxico, os grupos educativos do ámbito municipal, profesorado responsables de grupo ou guías oficiais no desenvolvemento do seu traballo, entre outros. Tamén o acceso será libre o terceiro sábado de cada mes entre outubro e xuño, ademais dos luns –agás hoxe, 1 de xaneiro– do ano.

Comment on this Article:







*