Home » coruna » Currently Reading:

A Xunta de goberno local dará luz verde á adxudicación do tramo de carril-bici entre A Palloza e Matogrande

junio 15, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña dá un novo paso na ampliación da rede de carril-bici da cidade coa adxudicación da obra do tramo comprendido entre A Palloza e Matogrande por 304.000 euros. De feito, está previsto que a Xunta de goberno local dea luz verde este venres á resolución do procedemento de licitación aberto e no que se estima o tempo de execución da actuación en nove meses.

Cun itinerario de 2,11 quilómetros, o carril-bici entre A Palloza e Matogrande transcorrerá dende A Casa do Mar até Matogrande, pasando por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga. O tramo caracterizarase pola segregación dos carrís –separando deste modo as bicicletas do tráfico rodado de vehículos e respectando as beirarrúas para peóns–, a seguridade para as e os usuarios –tanto ciclistas coma peóns– e a súa execución sobre a calzada. Cada carril será de circulación unidireccional e aproveitará os dous sentidos da calzada. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, indicou que a adxudicación desta actuación “é a confirmación de que A Coruña está a actuar de forma decidida a favor doutro tipo de mobilidade”. “A ampliación exponencial dos quilómetros de carril bici neste mandato, así como o proceso que derivará na reordenación das liñas de bus e a adecuación de tarifas, tendo en conta especialmente ás persoas mozas e maiores, dá mostra de que é posible acometer un cambio de modelo na mobilidade urbana máis accesible, que prime ao peón e que axude a desconxestionar a cidade”, manifestou.

O titular de Mobilidade Sostible recordou que, neste momento, o Concello tamén está a acometer os traballos previos á implantación do carril-bici metropolitano que, cun investimento de 915.000 euros, articulará un percorrido dende a avenida da Mariña á delegación do goberno (que pasará polo Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da delegación de goberno ao parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerán pola praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do parque de San Diego) e San Diego a Ponte Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e AC-12 até a Pasaxe).

Por outro lado, o titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, apuntou á inminente finalización das obras de carril-bici que se están a acometer na avenida de Salgado Torres, nun tramo que garante a conexión con Castro Camiños e que se completa co itinerario xa executado polo goberno local en Pablo Picasso. “Os traballos que están xa a piques de rematar se desenvolven no túnel entre Ramón y Cajal e a glorieta de Xeral Rubín. A actuación que acometemos, cun orzamento de 315.000 euros, comprende a execución de itinerarios específicos peonís e ciclistas, de forma que o túnel teña carril bici en ambos sentidos, ademais de novas beirarrúas e unha modernización da rede semafórica e de pluviais”, comentou o concelleiro, que recordou que esta obra se compatibilizou, ademais, coa renovación e mellora da eficiencia do alumeado no túnel.

Comment on this Article: