Home » Trafico » Currently Reading:

A Xunta de Goberno local prorrogará por dous anos a actual concesión do transporte urbano á Compañía de Tranvías, cuxo contrato expira en virtude da normativa europea

Noviembre 29, 2016 Trafico No Comments

A Xunta de Goberno local dará mañá o visto e prace á prórroga, durante un período de dous anos máis, da actual concesión do transporte colectivo urbano á Compañía de Tranvías de La Coruña SA, ao expirar precisamente mañá a vixencia do seu contrato en virtude dunha normativa europea. En concreto, os distintos informes elaborados pola Asesoría Xurídica do Concello remítense ao Regulamento número 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, que derrogou regulamentos anteriores. Segundo as consideracións xurídicas do propio Concello da Coruña, esta normativa é aplicable ao transporte colectivo urbano, como referenda tanto a institución europea como o Ministerio de Fomento, que se pronunciou sobre a citada normativa no ano 2008. Non obstante, e no compromiso do Concello de “garantir en todo momento a correcta execución deste servizo, así como o feito de que a aplicación desta normativa non xere ningún prexuízo á cidadanía usuaria”, e sempre amparado nos informes xurídicos municipais, o departamento de Mobilidade Sostible proporá mañá á Xunta de Goberno a prórroga da actual concesión de servizo. “Estamos abocados a este procedemento por unha cuestión legal, pero non queremos que ninguén se preocupe, porque o servizo de transporte público vai seguir funcionamento normalmente”, indicou hoxe ante a prensa o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen explicou que o Executivo municipal “leva semanas traballando coa propia concesionaria para que esta situación non afecte a ningún servizo”.

unnamed

En concreto, o artigo 8.3 do regulamento europeo pauta que os contratos adxudicados antes do 26 de xullo do ano 2000 (o convenio de unificación de liñas coa Compañía de Tranvías data de 1986), en virtude dun procedemento distinto ao de licitación equitativa (foi outorgada sen concorrencia competitiva en sesión do 1 de decembro de 1986) poderán continuar vixentes até a súa expiración, “pero non por un período superior a 30 anos”. Non obstante, o artigo 5.5 do Regulamento europeo tamén establece distintos mecanismos que “permiten garantir a prestación do servizo de transporte urbano durante o período transitorio desde a data de extinción legal da concesión e a adxudicación do novo contrato”. Entre eles, atópase unha adxudicación directa (prórroga) ao actual contratista por un prazo non superior a dous anos. “Por iso é polo que procede declarar formalmente esa continuidade na prestación, sen prexuízo doutros acordos que poidan adoptarse para garantir a máxima protección dos intereses públicos municipais”, argumentan dende o departamento de Mobilidade Sostible.

A aplicación da vixente normativa europea afecta por tanto ao período da concesión adxudicada á Compañía de Tranvías en 1986, que estipulaba que a adxudicación da explotación do servizo se prolongaría até 2024. Os distintos informes elaborados ao respecto polo servizo municipal da Asesoría Xurídica indican que ao respecto “non poden invocarse consecuencias xurídicas indebidas”, xa que a extinción anticipada do contrato se leva a cabo precisamente en base ao cumprimento dunha normativa. Do mesmo xeito, sinalan que o Concello “non é responsable das consecuencias económicas derivadas da alteración das condicións dunha concesión que veñen impostas pola lei”.

Non obstante, e de acordo coa propia Compañía de Tranvías –que en todo momento foi coñecedora dos informes municipais elaborados ao respecto do período da súa concesión e puido presentar as súas alegacións–, a Xunta de Goberno Local tamén aprobará mañá, a petición da Concellería de Mobilidade Sostible, elevar unha consulta á Comisión Europea “a efectos de coñecer a posición da propia Comisión respecto á situación que se presenta”. O alcalde insistiu hoxe en que as conversas coa Compañía de Tranvías “estanse levando cunha absoluta cordialidade”. “Cremos que é preciso levar a cabo os pasos necesarios de forma conxunta, xa que a intención de todos e todas é que o servizo non sufra ningún tipo de incidente en todos estes meses”, comentou Ferreiro, quen explicou que ademais, este período de tempo é especialmente destacable “xa que tamén falaremos da reordenación de liñas, así como do tema relativo ás tarifas para os próximos anos”. “Na medida na que continúe a concesión falaremos de revisar a fórmula polinómica que determina esas tarifas especiais”, comentou.

Presentación da nova frota de buses

Así se manifestou o alcalde coruñés no acto público de presentación dos novos vehículos que formarán parte da actual frota do servizo de transporte público colectivo da Coruña, no que estivo acompañado do concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e do presidente da Compañía de Tranvías, José Prada. “Un ano máis, estamos orgullosos e orgullosas de asistir á presentación dos novos buses que veñen renovar a frota, dentro dun investimento que fai a Compañía de Tranvías”, destacou Ferreiro, quen puxo en valor o feito de que as oito novas unidades que operarán en distintas liñas da cidade “son vehículos totalmente adaptados e que, ademais, teñen moi baixas emisións, algo que contribúe a modernizar o parque de autobuses urbanos, así como a dar un mellor servizo á cidadanía”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...