Home » coruna » Currently Reading:

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás insta o Goberno central a que axilice o proceso de recuperación do inmoble como ben público

julio 12, 2018 coruna No Comments

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás acordou na reunión que tivo lugar este mércores na Deputación da Coruña instar ao goberno central a que inicie o proceso xudicial de recuperación do Pazo de Meirás e considere o tema como unha “prioridade política”. Solicítalle ao executivo presidido por Pedro Sánchez que imprima no proceso a mesma celeridade que a que nestes momentos se traslada sobre o Valle de los Caídos.

Solicitar formalmente que o Goberno central active o proceso de recuperación do Pazo de Meirás para ben público é un dos acordos que a Xunta pro Devolución tomou na xuntanza que se desenvolveu hoxe na Deputación da Coruña. Na reunión aprobouse por unanimidade ratificar a liña aberta polo informe xurídico e solicitar ao goberno presidido por Pedro Sánchez unha posición activa para iniciar o proceso xudicial que devolva o Pazo de Meirás ao patrimonio público.

Na xuntanza, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, deu conta dos pasos dados desde que se presentaron os informes histórico e xurídico dirixidos por Emilio Grandío, profesor da Facultade de Historia da USC, e por Xabier Ferreira, profesor da Facultade de Dereito da USC, e das respostas obtidas nas distintas xestións.

Como fora acordado na anterior convocatoria, a Deputación da Coruña remitiu carta ao presidente do Consello de Administración do Patrimonio Nacional e á vicepresidenta e ministra da Presidencia do goberno de Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, que rexeitaron iniciar o proceso xudicial alegando non ter competencia para facelo.

Co cambio de goberno, a Deputación da Coruña dirixiuse tamén á vicepresidenta do goberno e ministra da Presidencia, Carmen Calvo e ao ministro de Cultura, José Guirao, para remitirlles de novo os informes e sinalarlles que a vía que abren implica á Patrimonio Nacional como a instancia máis acaída para iniciar o proceso xudicial.

Despois da xuntanza de hoxe, a Xunta pro Devolución lémbralle ao goberno central a necesidade de “que a recuperación do Pazo forme parte da axenda política máis urxente e tome a mesma celeridade que se está a promover noutros asuntos de importancia no ámbito da recuperación da memoria histórica como é o Valle de los Caídos”.

Na reunión aprobouse tamén a organización de distintos actos de difusión da situación actual en que se encontra o Pazo de Meirás e da visibilización do espolio que a familia Franco cometeu coa propiedade inmobiliaria.

Aprobouse que, antes do remate do ano, a Deputación da Coruña, en colaboración coa Xunta pro Devolución do Pazo, impulsará e organizará un grande acto no Teatro Colón encamiñado a sumar un amplo apoio social a esta reivindicación central na recuperación da memoria histórica.

Comment on this Article: