Home » coruna » Currently Reading:

Afundación inaugura con Mordem, que presenta o seu primeiro disco, o programa de concertos do proxecto Acreativa

noviembre 2, 2017 coruna No Comments

Afundación iniciará o vindeiro sábado 4 de novembro o primeiro concerto do proxecto Acreativa con Mordem, a nova proposta artística da cantautora coruñesa Elba Fernández que inicia tras a súa etapa anterior como Jane Joyd. Acreativa nace como un novo programa de Afundación que ten como obxectivo presentar as novas tendencias e vangardas culturais. A iniciativa inclúe actividades dos máis diversos ámbitos: arte, música, deseño, sector audiovisual, gastronomía ou divulgación, e dará un especial protagonismo aos novos creadores, fomentando a conexión e interacción entre distintas disciplinas.

A primeira cita musical deste proxecto será na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) a partir das 21.00 h. Elba Fernández presentará a súa nova etapa artística baixo a denominación de Mordem, nome que se extrae dun poema de Rosalía de Castro, e o primeiro disco deste novo proxecto musical, «Fragments to Dominate the Silence». Neste traballo, publicado o pasado 29 de setembro, a cantante coruñesa achégase a novos sons próximos ao trip hop, ao novo R&B, o ambient, o pop ou o dream pop, camiñando cara a un estilo máis nórdico e menos americano. A temática transversal aos dez temas que compoñen o álbum, con letras escritas pola propia Elba, é todo aquilo que calamos e que en consecuencia conduce á soidade, ao individualismo e á destrución. Así, as letras abordan temas tabús como a morte, a tolemia e a perda, ou problemas universais como a identidade ou a contaminación co obxectivo de enfrontar ao ser humano coa súa propia fraxilidade.

«Fragments to Dominate the Silence» foi gravado con músicos como Xavi Font ao piano, David Unison na produción e na batería e Manuel Cabezalí á guitarra. A banda en directo está formada por Elba Fernández na guitarra e como voz, David Unison á batería e Adrián Solla nos teclados.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.

PROGRAMACIÓN ACREATIVA

A programación musical de Acreativa está formada por seis mulleres referentes das novas tendencias e vangardas musicais. Continuará o próximo 16 de novembro cun concerto a cargo de Joana Serrat. A cantautora presenta, en primicia para o proxecto Acreativa, o seu novo disco «Dripping Springs», o cuarto da súa carreira. No escenario da Sede Afundación estará tamén a madrileña MOW.

O 23 de novembro Acreativa acollerá a actuación de María Arnal i Marcel Bagés, considerados a gran revelación de 2016. Na Coruña estrearán o seu novo disco, «45 cerebros y 1 corazón», onde falan sobre o que lembramos e nos queren facer esquecer.

Os concertos de Acreativa finalizarán, nesta primeira edición, coa actuación o próximo 2 de decembro de María Rodés, que presenta tamén novo disco. Con ela actuará a coruñesa Carmen Picado.

Ademais, dentro das propostas de Acreativa, o 24 e 25 de novembro programouse un microfestival dedicado á creación gráfica nas súas distintas vertentes, «Magosto gráfico», promovido polos colectivos Miñoco, Ánimas Anónimas, AGPI e Autobán.

 

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...