Home » coruna » Currently Reading:

As propostas de investimento dos Orzamentos Participativos reciben máis de 10.500 apoios da veciñanza

junio 11, 2017 coruna No Comments

A fase de apoios dos Orzamentos Participativos entra na súa recta final. Até o próximo mércores, 14 de xuño, e até as 23.59 horas, calquera persoa con 16 anos cumpridos e empadroada na Coruña poderá apoiar e dar prioridade a aquelas propostas de investimento que máis lle convenzan, entre as 423 rexistradas e viables inicialmente nesta edición do programa, dentro da plataforma dixital que dá soporte ao proceso, aportaaberta.coruna.es. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, vén de anunciar que este portal rexistrou, ata o día de onte, 10.575 apoios ás propostas da veciñanza, dos cales 6.801 son para iniciativas en relación con actuacións para o conxunto da cidade. O proceso dos Orzamentos Participativos da Coruña, que este ano conta con 3 millóns de euros, atópase “nun momento clave”, segundo cualificou Delso, antes de que os servizos municipais avalíen a viabilidade das propostas achegadas pola veciñanza. Nesta fase, as propostas rexistradas precisan contar con apoio para poder chegar ao final do proceso. “Até o de agora o programa está a ter moi boa acollida por parte da cidadanía, e agardamos que, nestes últimos días, aquelas persoas que aínda non apoiaron ou deron prioridade as propostas que consideren máis acaídas poidan facelo, tanto en aquelas achegas que son para a cidade como para as do seu distrito”, sinalou a concelleira, quen destacou que o Distrito 8 é o que rexistrou maior número de apoios, cun total de 738, “o que referenda a alta participación que se está a dar nesta segunda edición”.

Ata este xoves, 8 de xuño, algunhas das propostas máis apoiadas no ámbito de actuacións globais para o municipio refírense á implantación do carril bici por toda a cidade, á creación dun gran bosque de Galicia e novas reforestacións, á posta en marcha dunha aplicación informática para recargar a tarxeta Millennium, á instalación patios cubertos para os centros escolares ou de WC públicos en parques e zonas turísticas, ou á peonalización da rúa San Andrés.

En canto aos dez distritos nos que se organiza A Coruña, partindo do Mapa de Distritos presentado polo Goberno local, contabilizan máis apoios propostas como a creación dunha senda peonil e ciclable ata o linde do concello de Arteixo, a dun viario que una a parte final de Visma coa rotonda da terceira ronda, a colocación de bancos para o encontro e descanso da veciñanza na Silva e Cances-Penamoa, a iluminación das pistas de terra no parque Novo Mesoiro, o arranxo das pistas deportivas das rúas Milán e Nápoles na Zapateira, a apertura da piscina do Castrillón, a ampliación das pistas de tenis municipal Rafael Alberti, a construción dun patio cuberto para o CEIP San Francisco Javier, a transformación da praza Salvador de Madariaga en parque inclusivo e dinámico ou a creación dun carril bici entre a fonte dos surfistas e a Casa dos Peixes.

Apoio persoal nas prazas e nos barrios

Hoxe, venres 9, o equipo dos Orzamentos Participativos continuará dando soporte e informando de xeito presencial a quen queira achegarse aos espazos de encontro e puntos informativos ou ao bus itinerante habilitado para tal efecto. Entre as 12 e as 14 horas, este punto itinerante situarase na rúa Alexander Von Humboldt, no centro cívico municipal de Eirís de 17 a 18.30 horas e fronte ao CCM de Palavea de 19 a 20.30 horas. Tamén o día anterior ao peche da fase de apoios, o martes 13, o autobús estacionará co equipo técnico entre as 11.30 e as 13.30 horas na Avenida de Montoto, no polideportivo de San Diego entre as 17 e as 18.30 horas e no CCM Monelos de 19 a 20.30 horas.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...