Home » coruna » Currently Reading:

As propostas dos Orzamentos Participativos reciben 24.075 apoios, o que supón un incremento do 83% respecto da pasada edición

junio 30, 2018 coruna No Comments

A fase de apoios ás propostas dos Orzamentos Participativos rematou cun incremento do 83% no número de respaldos, que ascenderon a 24.075 este ano fronte aos 13.113 do anterior. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, resaltou este venres que “ao longo de todas as fases do proceso se están mellorando este ano os resultados das edicións anteriores, tanto en número de propostas como de rexistros na plataforma, de persoas usuarias e participantes”. En total, foron 2.283 veciños e veciñas os que repartiron os seus apoios –foron 1.421 no pasado ano–, cunha media de 10,5 por persoa, entre as 696 propostas que foron consideradas viables inicialmente. As que recibiron máis de 80 apoios en toda a cidade e as 15 máis respaldadas de cada distrito comezaron o día 22 de xuño unha nova fase de avaliación técnica nos servizos municipais correspondentes, que determinarán a súa viabilidade, legalidade e custe económico. Esta fase rematará a mediados do mes de agosto, cando comezará a votación final.

Tal e como explicou Delso, os apoios tenderon a concentrarse en propostas que fan referencia a infraestruturas (14.148), que acaparan o 60%, e ás que seguen as de medio ambiente (8.162), urbanismo (2.186), deportes (1.777) e cultura (1.396). O proceso dos Orzamentos Participativos serve para que a cidadanía poida decidir o destino de tres millóns de euros de investimento, dos que un valerá para financiar propostas para toda a cidade e dous millóns se reparten, equitativamente, entre os dez distritos da cidade, “xa que se trata dunha ferramenta redistributiva”. As propostas de cidade que recibiron máis apoios nesta fase son a instalación de contedores de reciclaxe por incentivos, a creación dun gran bosque da Coruña e a posta en marcha dunha compañía pública de enerxía renovable. Entre as que acadaron máis respaldo nos distritos están, por exemplo, a instalación dunha cuberta para o patio central do CEIP María Pita, no distrito 7, a creación dun parque no Ventorrillo e Agra do Orzán ou a reurbanización da rúa Panadeiras. Toda a información pode consultarse dentro da plataforma dixital que dá soporte ao proceso,aportaaberta.coruna.es​. Os servizos técnicos municipais avaliarán un total de 183 propostas, das que 44 corresponde ao ámbito da cidade e 139 aos 10 distritos. Unha vez finalizado este proceso faranse públicas as propostas, tanto as aprobadas como as rexeitadas, xunto cos informes pertinentes.

Delso apuntou tamén o perfil das persoas que participaron do proceso nesta nova fase, no que o grupo máis numeroso son os veciños e veciñas de entre 30 e 49 anos e no que a división entre mulleres e homes, tanto nos participantes e nos apoios, está equilibrada. Por distritos, os que recolleron máis apoios foron o 9, con 2.552, e o 6, con 2.115. Delso destacou que case todas as áreas aumentan a participación, en especial, dixo, no distrito 2, que se sextuplicou.

Con esta, os Orzamentos Participativos suman tres edicións, das que xurdiron proxectos cidadáns que xa están en marcha na cidade. Esta mesma semana abriuse ao público a área canina do parque de Eirís, onde tamén se atopan algunhas das hortas urbanas que foron propostas e aprobadas mediante este sistema de innovación democrática, e o próximo mes estará tamén dispoñible a área de esparcemento para cans situada no parque de Bens, que tamén procede dun proceso participativo anterior. Delso animou á cidadanía a asistir entre os días 4 e 6 de xullo, A Coruña acollerá o Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos, “onde se escoitaran diferentes experiencias para estes procesos, como pode ser a que o Goberno portugués puxo en marcha a nivel estatal e moitas outras, das que esperamos recoller tamén iniciativas que poidamos aplicar na cidade”.

Comment on this Article: