Home » Uncategorised » Currently Reading:

As Xornadas do Bacallau pechan en novembro as actividades do Ano Picadillo coa reinterpretación de receitas do exalcalde e gastrónomo por parte de 15 restaurantes da cidade

octubre 31, 2018 Uncategorised No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou as Xornadas Gastronómicas do Bacallau, o evento que pecha as actividades de homenaxe a Manuel María Puga y Parga, Picadillo, no centenario do seu pasamento e nas que participarán, entre o 1 e o 18 de novembro, 15 restaurantes da cidade que ofrecerán un menú baseado en receitas do exalcalde. O tamén presidente do Consorcio de Turismo presentou tamén a guía titulada ​Picadillo: Descubre o auténtico sabor dunha cidade única. Seis Rutas para coñecer A Coruña,​ que recolle as diferentes facetas de Manuel María Puga y Parga como alcalde, gastrónomo e escritor “para relacionar a A Coruña actual coa de hai 100 anos, a de Picadillo”. Esta publicación, que está editada en galego, castelán e inglés, formará parte do material promocional sobre a cidade do Consorcio de Turismo.

“Picadillo baseaba os seus libros na cociña tradicional e nos produtos populares e hai un século, e aínda hoxe, un deles era o bacallau, un prato que merece ser tratado e recuperado polos nosos cociñeiros e cociñeiras tanto nas fórmulas tradicionais como nunha cociña de vangarda”, explicou Lema, que lembrou o valor estratéxico que ten a gastronomía dentro do impulso ao turismo na cidade, que acolle eventos xa consolidados como o Boucatise ou o propio concurso de tapas Picadillo e que este ano se ampliou coa celebración do Festival SAL. Con motivo do centenario do exalcalde, Turismo reforzou tamén as actividades gastronómicas relacionadas coa súa figura. A xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, indicou que a XV edición do Concurso de Tapas Picadillo veu acompañada por toda unha serie de actividades adicionais para lembrar ao exalcalde, gastrónomo e escritor, como un premio especial no concurso de tapas, un ciclo de cine e gastronomía ou o concurso realizado a través de redes sociais ​A miña mellor receita galega de culler.​ “Desde Turismo estamos orgullosos de levar a cabo esta homenaxe a Picadillo por ser unha figura que en todas as súas facetas merecía unha posta en valor e máis cando estamos a facer unha aposta forte polo segmento de turismo gastronómico autóctono”, apuntou. Neste sentido, Calatayud defendeu que “Picadillo foi un pioneiro na posta en valor da gastronomía de calidade e da cociña autóctona polo que esperamos ter contribuído non só a homenaxear a súa figura e o seu legado senón tamén a difundir a súa figura entre os visitantes xa que é unha parte fundamental da cultura gastronómica coruñesa”.

As Xornadas Gastronómicas do Bacallau inspíranse no libro de Picadillo ​36 maneras de guisar el bacalao publicado en 1901 e presentan como reto aos restaurantes participantes o de reinterpretar receitas con este peixe como protagonista. Os menús divídense en dúas categorías tradición e vangarda e están compostos por un primeiro, un prato principal no que o ingrediente principal debe ser o bacallau, unha sobremesa e bebida. O seu prezo irá dos 10 aos 30 euros. Tal e como explicou a xerenta do Consorcio de Turismo, tamén se ofertará un medio menú, cun prato e bebida, por un prezo que oscilará entre os 7 e os 15 euros. Os restaurantes que participan nas xornadas son: ​Restaurante Bido, Casa Bieito, O Celeiro, La Taberna del Arriero, Boca Negra, La Consentida Food & Soul, Entre Bateas, Eclectic, Mesón Hervés, Peculiar, Noray Restaurante, A Taberna de Cunqueiro, O’ Sampaio, Mesón El Serrano e La Campana. ​​A información sobre os diferentes menús pode atoparse na web ​www.centenariopicadillo.coruna.es

Calatayud avanzou tamén que durante os sábados das xornadas do bacallau –3, 8 e 18 de novembro– haberá tamén visitas caracterizadas nas que Picadillo guiará ás persoas participantes pola cidade para rematar no mercado de San Agustín cun showcooking baseado neste peixe e unha degustación. A participación é de balde, pero require inscrición previa xa que as prazas están limitadas a 10 persoas. Pode reservarse no correo ​centenariopicadillo@gmail.com ou nos teléfonos 675 680 025 ou 637 080 527.

Comment on this Article: