Home » Ayuntamiento » Recent Articles:

Ferreiro salienta que “todos e todas as coruñesas serán traballadoras de Alcoa ata que o conflito estea solucionado”

octubre 20, 2018 Ayuntamiento Comentarios desactivados en Ferreiro salienta que “todos e todas as coruñesas serán traballadoras de Alcoa ata que o conflito estea solucionado”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na manifestación convocada polo cadro de persoal da planta de Alcoa na cidade e na que reafirmou o compromiso do Concello na defensa dos seus postos de traballo e contra o peche da fábrica. “A Coruña sempre demostrou que está coa súa xente e desde o día de hoxe ata que o conflito estea solucionado todos os coruñeses e coruñesas imos ser traballadores de Alcoa”, afirmou. O rexedor quixo transmitir ao persoal da planta que conta co respaldo do Goberno local e de toda a corporación, que aprobou onte unha declaración institucional unánime neste sentido. “Toda a corporación municipal, toda a cidade, vai a estar unida, non vai haber faccións ou división, e nos comprometemos a pelexar xuntos cos traballadores e coas traballadoras ata que isto se solucione. O persoal non está só, ten toda unha cidade detrás ata que isto se solucione”, recalcou.

Ferreiro considerou que é preciso negociar esta actuación “unilateral da empresa” porque “non se pode permitir que unha decisión que se toma en algún lugar distante afecte deste xeito a tantos centos de familias en Avilés e na Coruña”. E mais, incidiu, cando “non está xustificada economicamente, que é unilateral e inxusta, porque a planta de Alcoa ten viabilidade económica, produce con criterios de viabilidade recoñecidos no mercado global e cremos que ten futuro”. Neste sentido, o rexedor afirmou que o primeiro paso preciso “é retirar o ERE de enriba da mesa porque non ten sentido abrir ningún proceso cun despedimento colectivo plantexado”. “Despois, xunto co Goberno de España e xunto coa Xunta de Galicia hai que avaliar alternativas. Calquera alternativa que pase pola viabilidade da planta e dos postos de traballo é unha alternativa positiva”, concluíu. O alcalde sumouse ás 6.000 persoas que percorreron a distancia entre a praza da Palloza e a Delegación do Goberno, onde o presidente do comité de empresa de Alcoa, Juan Carlos López Corbacho, reclamou o apoio das administracións e Ferreiro pechou o acto reafirmando o respaldo do Concello para crear unha fronte común contra o peche da empresa.

O alcalde e a edil de Medio Ambiente percorren coa veciñanza o futuro Bosque de Breogán, que axudará a articular unha maior conectividade verde e peonil na zona

octubre 12, 2018 Ayuntamiento Comentarios desactivados en O alcalde e a edil de Medio Ambiente percorren coa veciñanza o futuro Bosque de Breogán, que axudará a articular unha maior conectividade verde e peonil na zona

​​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, participaron nun roteiro aberto á veciñanza para presentar e coñecer sobre o terreo o futuro Bosque de Breogán, o segundo dos proxectos da iniciativa Bosques da Coruña, e que, ademais de abrir unha nova área verde na cidade para o lecer da cidadanía e recuperar un espazo degradado, suporá “un paso máis na estratexia de recuperación da conectividade na zona, tanto peonil como natural, na que o Goberno local ten avanzado xa con actuacións en camiños tradicionais e que continuará coa restauración ambiental do río Mesoiro ao seu paso por Feáns”. “Este espazo que visitamos hoxe vaise converter nun bosque que articule dunha maneira natural e fermosa o barrio. Deixará de ser unha zona de transición sen valor ambiental, deixará de ser un espazo verde desconectado entre diversas infraestruturas. Albergará máis vida, máis biodiversidade, máis usos e actividades”, explicou o rexedor. Entre as accións para incrementar e recuperar as antigas rutas entre os núcleos, Ferreiro lembrou o Goberno local xa actuou no ​​Camiño de Campos, atendendo a unha reclamación da asociación veciñal, que une o núcleo tradicional de Feáns coa zona do Castro de Elviña e que tamén serviu para resolver as necesidades de conexión das leiras da zona, e está a traballar na recuperación do Camiño de O Casal, que permite camiñar dende Novo Mesoiro ao cemiterio de Feáns.

O roteiro, guiado por Ferreiro e García, percorreu parte das 8,3 hectáreas que terá o núcleo inicial do Bosque de Breogán, no que están proxectadas catro áreas diferenciadas, con diferentes niveis de intervención e usos, e que estarán atravesadas por unha rede de camiños, tanto principais como secundarios, na que se potenciarán os sendeiros tradicionais. A proposta de recuperación do Concello prevé respectar ao máximo o estado natural do terreo, para, coa mínima intervención posible, fomentar a biodiversidade natural e autóctona e recuperar as zonas que están máis degradadas. ​“​A área que visitamos hoxe é un conxunto de terreos sen gran valor ambiental, no que abundan as especies alóctonas e pirófitas e no que se levou a cabo unha xestión de rutina, de mantemento, pero que non lle aportou valor. Este proxecto vai dar exemplo tamén de como unha administración debe xestionar os seus terreos forestais. E vaise iniciar este ano coa eliminación de especies invasoras e a mellora no mantemento​”, avanzou Ferreiro.

A liña de recuperación ambiental na área complétase co proxecto de recuperación de beiras fluviais co que está previsto actuar no río Mesoiro ao seu paso por Feáns, xa que “os tramos non soterrados deste curso son un dos puntos de maior biodiversidade do Concello xunto co entorno da Torre de Hércules”. Así, o rexedor indicou que a concellería está xa a traballar na súa restauración e tamén na creación dun paseo fluvial que chegue ata o cemiterio para o goce da veciñanza. “Con esta actuación estamos a intervir dun maneira global nas áreas naturais do distrito, para incidir nesa perspectiva conxunta, dentro das políticas do Concello de buscar unha Coruña viva e natural”, concluíu.

Xiao Varela lamenta que a Xunta siga a facer oposición á cidade da Coruña e prive á veciñanza de cinco millóns de euros destinados a actuacións de rehabilitación integral

octubre 3, 2018 Ayuntamiento Comentarios desactivados en Xiao Varela lamenta que a Xunta siga a facer oposición á cidade da Coruña e prive á veciñanza de cinco millóns de euros destinados a actuacións de rehabilitación integral

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, lamentou esta xornada que o PP, a través da Xunta de Galicia, “siga a facer oposición á cidade da Coruña” e prive á veciñanza de cinco millóns de euros destinados a actuacións de rehabilitación integral. Así se manifestou logo de coñecer a decisión da Consellería de Medio Ambiente do goberno galego de asignar tan só dous millóns de euros, dos case sete millóns solicitados polo executivo municipal dentro da convocatoria de axudas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. “Menos dun terzo do solicitado”, sinalou. A proxección realizada polo Concello da Coruña indicaba que esta cantidade (da cal a Xunta aportaría 1,5 millóns de euros e o Estado algo máis de cinco millóns), unida aos 3.612.000 euros que poría o Concello, servirían, xunto coas achegas das persoas propietarias dos inmobles, para acumular un montante de 12,5 millóns de euros cos que sería posible levar a cabo 521 actuacións de rehabilitación integral, as denominadas ARI, en Cidade Vella-Pescaría, o grupo de vivendas de María Pita, en Labañou, e as denominadas Casas de Franco-Katanga, no ámbito da rolda de Outeiro. “Nós non imos deixar a veciñanza atrás. Imos a facer todo o que estea na nosa man para poder realizar esas actuacións, con ou sen axuda do resto de administracións pero, dende logo, os responsables locais do PP, incluída a ex-conselleira de Medio Ambiente, deberían explicarlle á cidadanía da Coruña por que decidiron privala duns fondos que na súa gran maioría nin tan sequera proveñen da administración autonómica”, reflexionou. De feito, segundo a comunicación realizada pola Consellería de Medio Ambiente ao Concello, dos dous millóns asignados pola Xunta á cidade, esta só poría 544.000 euros, mentres que o Ministerio de Fomento achega case 1,5 millóns.

Ao fío, Varela recordou que se ben a Xunta de Galicia é a entidade que tramita estas axudas á rehabilitación integral, a súa achega, segundo as porcentaxes de reparto estipuladas, tan só representa un 10% do total, sendo un 40% a cantidade que achega o estado e un 30% a dos concellos.

A documentación presentada pola Concellería de Rexeneración Urbana ante a Xunta de Galicia indicaba a intención de, cos 7 millóns de euros solicitados, ademais das aportacións municipais e a da veciñanza propietaria, acometer un total de 521 actuacións de rehabilitación nas tres zonas referidas, “áreas que necesitan desas axudas porque durante anos foron abandonadas polos distintos gobernos”. A proposta municipal recollía a necesidade de acometer 175 actuacións no ámbito da Cidade Vella-Pescaría (por un montante estimado de 4,1 millóns), 174 no grupo de vivendas María Pita (4,2 millóns) e outras 172 en Katanga, que ascendería de forma global a outros 4,1 millóns de euros. “Unhas actuacións que temos a firme intención de levar adiante e que darán continuidade ao traballo realizado ao longo deste mandato polo goberno local en Palavea, Mariñeiros, Sagrada Familia e San Vicente de Elviña”, advertiu o concelleiro de Rexeneración Urbana, quen recordou que, á marxe destas intervencións, o Concello tamén levou a cabo outras moitas en materia de rehabilitación e vivenda sufragadas de forma íntegra pola administración local e nas que se investiron 7 millóns de euros.

“É curioso que a Xunta, á hora de repartir uns fondos que nin sequera son dela, argumente a suposta baixa execución do Concello da Coruña cando ela leva minguando as axudas á rehabilitación durante todos os anos de crise, tanto en Galicia como en Madrid”, comentou Varela, que manifestou que, só no ámbito estatal, as axudas á rehabilitación pasaron de 1.000 millóns en 2007 a 300 millóns o ano pasado”, apuntou.

O Concello amosa a súa satisfacción por que o TSXG acepte a proposta municipal de empregar a mediación xudicial como camiño para consensuar entre as partes a execución da sentenza do edificio Conde de Fenosa

octubre 3, 2018 Ayuntamiento Comentarios desactivados en O Concello amosa a súa satisfacción por que o TSXG acepte a proposta municipal de empregar a mediación xudicial como camiño para consensuar entre as partes a execución da sentenza do edificio Conde de Fenosa

O goberno local da Coruña saúda a disposición do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para abrir unha vía de mediación intraxudicial que achegue unha resolución consensual entre as partes sobre a sentenza que obriga ao derrubo do edificio Conde de Fenosa. O tribunal acepta así a solicitude do Concello para iniciar un proceso baseado no diálogo e no que as partes dispoñan dun espazo tutelado por unha terceira parte neutral no que acadar unha fórmula aceptada por todas os axentes implicados para a execución da sentenza.

O Goberno local trasladou no seu último escrito dirixido ao tribunal a petición da apertura deste novo mecanismo de diálogo dado o grao de conflitividade dun procedemento xudicial que leva máis de dúas décadas activo. Neste sentido, a petición reflicte a vontade do Concello de levar a cabo as actuacións pendentes nun marco de diálogo e acordo que permita ter en conta tanto a adecuada ponderación dos intereses en conflito como a preservación do interese xeral.

O concelleiro Alberto Lema amosa a súa satisfacción por este recoñecemento público ao Consorcio e pola xestión do ente turístico na difusión do Camiño Inglés

septiembre 26, 2018 Ayuntamiento Comentarios desactivados en O concelleiro Alberto Lema amosa a súa satisfacción por este recoñecemento público ao Consorcio e pola xestión do ente turístico na difusión do Camiño Inglés

O Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña foi galardoado co primeiro Premio Camiño de Santiago 2018. O ente turístico obtén o premio convocado pola Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia ao proxecto de mellora, promoción e divulgación do Camiño inglés a Santiago favorecendo a responsabilidade e a internacionalización deste itinerario.

O Consorcio, que recibirá un premio de 15.000 euros, impúxose na mesma categoría ao Concello do Grove, e foi recoñecido pola súa tarefa creativa de difusión dos valores do Camiño de Santiago e a súa promoción interna e externa dende cidade herculina. O concelleiro de Economía e Emprego Social, e presidente do Consorcio, Alberto Lema amosou, neste sentido, a súa satisfacción polo que cualifica dun “recoñecemento público á xestión levada a cabo polo Consorcio de Turismo nos últimos anos na difusión e promoción do Camiño Inglés como verdadeira ruta cultural que conecta desde antigo a nosa cidade por mar co resto do mundo”. Lema transmitiu os seus parabéns á xerenta do Consorcio de Turismo Lanzada Calatayud, polo traballo feito na homologación do Camiño Inglés co resto das rutas xacobeas.  … Leer más