Home » Ayuntamiento » Recent Articles:

O Concello amplía o novo servizo municipal de canguraxe, “un programa imprescindible para acadar a igualdade efectiva​ ​e​ntre a veciñanza”

abril 11, 2018 Ayuntamiento No Comments

​O Concello da Coruña e a Deputación provincial veñen de referendar, un ano máis, a súa aposta pola conciliación da veciñanza e a aposta pola igualdade efectiva entre mulleres e homes. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, asinaron o convenio que establece o marco de colaboración entre as dúas administracións para financiar o desenvolvemento das actividades incluídas no program​a Concilia os teus tempos 2017, o servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal do ano pasado. Trátase dunha iniciativa dirixida a unidades familiares con menores a cargo que teñen necesidades de conciliación nos ámbitos da vida persoal, familiar e laboral. Coa sinatura desta mañá, o ente provincial comprométese a financiar con 80.000 euros unha parte do programa municipal, o que representa o 34,15% do orzamento total da proposta muncipal presentada, que ascende a 234.317,70 euros.

Pola súa banda, o executivo coruñés asume o restante investimento do programa que, tal e como apunta Rocío Fraga, este ano se renovará a través de dous novos contratos “que xa contan coa adxudicación provisional, e entrarán en marcha canto antes”. Os novos contratos, que cubren respectivamente as modalidades de ​canguraxe a domicilio e ​canguraxe nos espazos de atención á infancia e ludotecas municipais no concello coruñés​, suman un importe total anual adxudicado de 255.449 euros, e terán unha duración de dous anos prorrogables por outros dous máis. Fronte aos contratos anteriores, tal e como apuntou Fraga, os novos supoñen “unha maior dotación económica para atender un maior número de horas –7.886 en total– nos espazos existentes cunha ampliación de horario nos centros”. Así, ofreceranse ata 3.600 horas ao ano para a modalidade a domicilio; ​aumentarase a súa presenza no número de equipamentos –incorpórase un novo espazo no centro cívico de Palavea-; renovarase a totalidade de xogos e materiais– cunha dotación anual de 9.000 euros ao ano–; inclúense 200 horas por ano para necesidades de conciliación da veciñanza para a asistencia a actos e eventos culturais, deportivos e similares organizados polo Concello; e súmanse 400 horas por ano para a atención de necesidades de conciliación específicas que precisen as mulleres vítimas de violencia de xénero ou outras persoas en situacións de risco ou exclusión social, cunha atención máis persoalizada.

… Leer más

O Concello adxudica por catro anos o servizo de teleasistencia municipal cun contrato “que fomenta a calidade no emprego e a inserción laboral de colectivos vulnerables”

abril 8, 2018 Ayuntamiento No Comments

​A Xunta do Goberno local aprobou a adxudicación do servizo de teleasistencia municipal a Cruz Vermella, que o xestionará por catro anos cunha posibilidade de prórroga por dous máis. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destaca que as cláusulas do contrato “fomentan a calidade no emprego e a inserción no mercado laboral de persoas con dificultades particulares”. Neste sentido, a edil apunta que a entidade “aplicará o convenio colectivo estatal de servicios de atención ás persoas dependentes e dedicará un 10% das prazas de nova contratación” a persoas en situación de exclusión social ou en grave risco de estalo, desempregadas e teñan dificultades para integrarse no mercado laboral ou que pertenzan a colectivos con diversidade física, psíquica ou sensorial, persoas paradas de longa duración e maiores de 45 anos, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que proveñan de institucións de protección de menores, mulleres vítimas de violencia machista ou persoas que reciban a Risga ou a Renta Social Municipal. O programa, que conta cun investimento anual de 265.000 euros, prestará servizo a unhas 1.200 persoas usuarias.

O servizo de teleasistencia municipal atende as 24 horas durante todos os días do ano emerxencias que poidan ter as persoas usuarias, que só precisan pulsar un botón para entrar en contacto cunha central de chamadas na que son atendidas por personal especializado. Instálase nos domicilios un terminal telefónico cun radio-enlace que ao ser activado conecta automaticamente, o que permite que non só dar unha resposta rápida e mobilizar os recursos necesarios en calquera momento do día ou da noite, se non tamén manter ás persoas no seu medio habitual e servir como sistema de acompañamento personalizado, a través de chamadas periódicas á persoa usuaria, especialmente cando a súa situación se asocian factores de inseguridade, soidade e illamento. O servizo está orientado para atender a persoas con patoloxías ou limitacións, como os graos de dependencia recoñecidos ou diversidade funcional, que se atopen en situacións de especial fraxilidade ou vulnerabilidade, con preferencia para aquelas que vivan soas, pasen a maior parte do día soas ou convivan con familiares de similares características.

O concelleiro de Mobilidade recórdalle a Xunta que “o éxito do plan de accesibilidade do transporte interurbano radicou na penetración escalonada e estudada dos autobuses”

abril 7, 2018 Ayuntamiento No Comments

​O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, recordou que “o éxito que está a ter o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao centro da cidade radica, en boa medida, en que o Concello da Coruña apostou, dende o principio, por unha penetración escalonada, pausada e estudada”. Así se manifestou este venres, en alusión á proposta feita pública esta semana dende a Consellería de Infraestruturas de unificar as dúas seguintes fases de penetración previstas. O responsable municipal indicou que “o goberno local estudará a proposta, non obstante, iso será unha vez se lle comunique de feito oficial, non mediante titulares de prensa, e no órgano competente”. Neste sentido, referiuse á xuntanza que terá lugar a vindeira semana da comisión bilateral entre Concello e Xunta por este motivo. “Hai que ter en conta que, nun principio, a Xunta quería levar a cabo un plan de penetración que podía derivar nun caos circulatorio, ao ser definido de xeito practicamente unilateral e sen ter en conta a necesidade de escalonar as entradas. Hai aproximadamente un ano, por estas datas, congratulabamonos de que finalmente a administración autonómica aceptaba os nosos requirimentos, elaborados en base ao amplo traballo efectuado polo persoal municipal”, recordou. “Querer introducir novos cambios tan só 12 meses despois, cando o proceso está a funcionar de xeito correcto, non nos parece que sexa de recibo; non obstante, estudaremos todas as opcións que se nos propoñan, como sempre facemos”, indicou o edil.

Díaz Grandío fixo estas consideracións no marco da Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metrolitano da Coruña, xuntanza convocada pola Xunta de Galicia e que tiña por obxecto renovar o convenio de transporte metropolitano que deriva, entre outras cuestións, na interoperabilidade de pago cunha mesma tarxeta das viaxes urbanas e interurbanas. Ao fío, o titular de Mobilidade Sostible incidiu na “necesidade de que o novo Plan de Transporte Público de Galicia que prepara a Xunta teña en conta a vontade e os plantexamentos dos concellos da área metropolitana da Coruña”. Así, recordou a vontade da posta en marcha dunha rede de transporte metropolitano que sexa xestionada por unha autoridade única, tal e como demandan os concellos da contorna.

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Mobilidade Sostible tamén reclamou á Xunta de Galicia a necesidade de mellorar o servizo de transporte público entre a cidade e o aeroporto de Alvedro. “Esa liña é de competencia exclusiva do goberno autonómico. Hoxe, expresamos a nosa intención de reclamar que se mellore esa conectividade, especialmente para dar servizo aos e as viaxeiras das primeiras e as últimas horas da xornada”, dixo.

O Concello pechará durante toda a fin de semana o acceso a praias ante a alerta vermella activada no litoral

marzo 23, 2018 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña despregará desde hoxe, venres, pola tarde un dispositivo especial de seguridade ante a previsión meteorolóxica desta fin de semana, cando está prevista a chegada dunha borrasca, denominada Hugo, que activa a alerta vermella no litoral por ventos moi fortes, ondas de ata nove metros e precipitacións xeneralizadas. Así, o acceso ás praias da cidade estará pechado dende as 16.00 horas do venres e até a mañá do próximo domingo día 25.

O goberno local prega á cidadanía que extreme as medidas de precaución dende mañá pola tarde, e en especial durante a noite do sábado. Ante as previsións do temporal, a área de seguridade municipal indica que hai moitas posibilidades de que sexa preciso pechar ao tránsito peonil a zona do Paseo Marítimo e, previsiblemente, realizar cortes de tráfico dependendo da forza do mar. Por isto, o Concello solicita á poboación que evite achegarse a zonas cercanas a costa, para evitar hipotéticos golpes de mar e situacións de risco innecesarias, e lembra a importancia de seguir as recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencia municipais.

O centro veciñal de Nostián acollerá este sábado un novo encontro ‘Dillo ti’ do goberno local coa veciñanza

marzo 16, 2018 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña celebrará este sábado, 17 de marzo, un novo encontro Dillo ti. Conversas co alcalde e o goberno municipal, o programa de xuntanzas abertas entre a veciñanza e o executivo local que se celebran nos distintos barrios da Coruña. Esta canle de participación directa ten como obxectivo crear espazos nos que a cidadanía poida conversar, de xeito directo, co goberno local para trasladarlle as súas demandas e inquedanzas e recibir unha resposta inmediata dos responsables municipais.

A nova xuntanza do Dillo ti celebrarase este sábado, a partir das 12.00 horas, no centro veciñal de Nostián (Lugar de Nostián, 30). O encontro, que terá dunha duración aproximada de 90 minutos, contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos e outro de conciliación con obradoiros infantís co obxectivo de facilitar que ás persoas con nenas ou nenos ao cargo poidan asistir. Todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este taller, poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo non será necesario inscribirse, senón unicamente acudir ao centro veciñal no horario de celebración do encontro.

Toda a información destas xuntanzas está dispoñible na web municipal, no enlace www.coruna.es/conversascoalcalde , así como nos vídeo resumos de cada unha delas, que se poden ver na canle oficial do Concello na plataforma Vimeo www.vimeo.com/concellocoruna .

 

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...