Home » Ayuntamiento » Recent Articles:

O Concello condena o crime perpetrado esta madrugada no barrio de Monte Alto e solicita que o caso sexa abordado como un delito de violencia de xénero

agosto 21, 2017 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña quere expresar a súa máis enérxica condena ante o crime perpetrado esta madrugada no barrio de Monte Alto, onde unha veciña foi asasinada nun caso que, segundo os primeiros indicios, parece apuntar a unha situación relacionada coa violencia machista. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, indica que, á espera de coñecerse todos os detalles que envolven este feminicidio, “cremos que o caso debe ter a consideración de violencia de xénero”. Por outro lado, a responsable municipal manifestou “a total disposición do Concello e os seus corpos de seguridade” a colaborar para o esclarecementodestecrime,sebenoasuntoestáasertratadopoloCorpoNacionaldePolicía.

O Goberno local convida a todos e todas as traballadoras municipais así como á veciñanza a sumarse ao minuto de silencio convocado pola Corporación local para mañá, martes, ás 12.00 horas, ás portas do Pazo de María Pita, para expresar a súa condena ante este crime, ademais de trasladar o seu apoio e solidariedade á familia e as persoas achegadas á vítima. Do mesmo xeito, o Concello ponse a disposición da familia da mesma, especialmente da súa filla –nai da menor que se viu implicada no suceso– e ofrecerá á afectada asistencia xurídica e psicolóxica, seguindo o protocolo establecido para os casos vinculados ás violencias machistas.

“As violencias machistas exprésanse de xeitos moi diversos, non só co asasinato de mulleres que é a súa expresión máis horrenda, senón tamén coa utilización dos e das menores que son transformadas en meros obxectos de vinganza, cos que seguir afondado no terror contra ás mulleres”, recordou a titular de Igualdade, quen manifestou a preocupación do goberno municipal polo feito de que o crime de Monte Alto estea relacionado cun suceso destas características. “Por isto, precisamente, consideramos necesario, á espera do avance da investigación, que se lle dea un tratamento de violencia de xénero”, engadiu a concelleira.

O Concello, seguindo o acordo da moción plenaria aprobada en outubro de 2015, convida tamén á cidadanía a participar na concentración contra as violencias machistas que será convocada polo movemento feminista un día despois da publicación en prensa escrita do asasinato.

O Goberno local abre unha enquisa á cidadanía “para acadar a maior diversidade posible de achegas ao Plan de Turismo da Coruña”

abril 12, 2017 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña, a través do Consocio de Turismo, no marco da redacción do Proxecto Estratéxico de Turismo (PET), abre unha enquisa para coñecer a visión da veciñanza, así como de aquelas persoas que visitan a cidade, en relación ao desenvolvemento turístico da mesma. O edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, sinala que esta medida ten como finalidade “enriquecer a estratexia e propostas turísticas para A Coruña”, ao tempo que “fai partícipe” á cidadanía “dun proceso que definirá o modelo de turismo que terá o municipio nos próximos anos”. “Para este Goberno é fundamental que este PET, que se atopa na súa fase final de redacción, conte tamén coa opinión tanto da veciñanza como das persoas que visitan A Coruña, co fin de acadar a maior diversidade posible de visións e achegas sobre a nosa localidade, e que permitan construír un modelo turístico de destino urbano máis plural posible ”, explica Lema.

O Concello da Coruña puxo en marcha o pasado mes de xaneiro o desenvolvemento do novo PET, que conta cunha Comisión de Seguimento formada por axentes do sector público e privado da cidade, coa finalidade de involucrar no desenvolvemento deste Plan aos diferentes actores do sector turístico. Despois de realizar numerosos encontros con outros axentes locais do ámbito cultura, deportivo e social ou social do municipio, así como da Escola de Turismo da Coruña, o proxecto ábrese á veciñanza. Nesta enquisa, á que se poder acceder desde a web do Consorcio de Turismo http://www.turismocoruna.com/web/ , a cidadanía pode mostrar a súa percepción sobre a promoción e o fomento da actividade turística, así como o acollemento, por parte da veciñanza, das e dos visitantes.

As preguntas dispoñibles en https://es.surveymonkey.com/r/EnquisaPlanTurismoCoruna ou en castelán na dirección https://es.surveymonkey.com/r/EncuestaTurismoCoruna –, poderán contestarse desde hoxe e ata final de mes.

O Concello manterá pechados os accesos aos areais de Riazor e Orzán, ademais da zona da Esclavas, ante a alerta laranxa no mar

noviembre 19, 2016 Ayuntamiento No Comments

Os servizos municipais de seguridade do Concello manterán durante, a lo menos, toda esta xornada pechados os accesos ás praias de Riazor e Orzán, así como a zona das Esclavas, debido á alerta laranxa por temporal no mar decretada pola Xunta de Galicia até última hora de hoxe. Durante a tarde, as ondas poderían chegar aos 4 e 5 metros, ademais de rexistrase ventos no mar que poderían acadar a forza 8. Os e as integrantes do dispositivo especial de seguridade municipal recordan á veciñanza a importancia de manter a precaución e non achegarse a zonas próximas ao litoral para evitar hipotéticos golpes de mar.

Non obstante, e polo momento, ao terse rebaixado a alerta de nivel laranxa a amarelo por refachos de vento no interior, os accesos a parques e xardíns manteranse abertos ao público, se ben os dispositivos de seguridade –tanto Policía Local como Bombeiros e Protección Civil–mantéñense en alerta ante posibles intervencións.

 

Xulio Ferreiro e o resto de alcaldes e alcaldesas da comarca acordan “impulsar e levar ao Parlamento en 2017 unha Lei da Área Metropolitana da Coruña”

octubre 18, 2016 Ayuntamiento No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acordou este luns co resto de rexedores e rexedora da contorna a súa proposta para dar comezo, decontado, “o proceso de construción da Área Metropolitana da Coruña”. O mandatario coruñés mantivo ao longo desta mañá unha reunión coa e cos primeiros edís de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes; Arteixo, Carlos Calvelo; Bergondo, Alejandra Pérez; Cambre, Óscar García Patiño; Carral, José Luis Fernández Mouriño; Culleredo, Julio Sacristán; Oleiros, Ángel García Seoane e Sada, Benito Portela, así como un representante do Concello de Betanzos. Na mesma, expuso a necesidade de que todos os distintos gobernos municipais –que dende o pasado mes de xaneiro están a levar a cabo diversas actuacións conxuntas para construír unha estratexia metropolitana articulada sobre políticas públicas– traballen co obxectivo de que, no horizonte de 2017, o Parlamento de Galicia dea luz verde á Lei da Área Metropolitana da Coruña. “A nosa intención é que todos os Concellos da Comarca nos comprometamos, por medio dunha declaración institucional que asinaremos este xoves, a iniciar xa o noso proxecto de Área Metropolitana, para o que tamén será necesario instar tanto á Xunta como ao Parlamento de Galicia e aos seus grupos –así como á cidadanía en xeral– e activar tanto a formulación como a posterior tramitación desta normativa, fórmula necesaria para facer realidade, legalmente, este espazo de integración política e administrativa e de desenvolvemento urbano”, comentou Ferreiro. “O proxecto que finalmente acuda á Cámara autonómica deberá estar previamente consensuado con todos os concellos, en base a un proceso que estará presidido polos principios do diálogo e a cooperación institucional”, destacou, á vez que recordou, e puxo como exemplo, o traballo conxunto desenvolvido tanto polo concello coruñes, como polo resto de municipios da contorna, “a pesar da diversidade de cores políticas”.

unnamed

“Cando o pasado mes de xaneiro os alcaldes e alcaldesas da área coruñesa iniciamos unha serie de encontros de traballo tiñamos como obxectivo de impulsar a construción dunha estratexia común de actuación para abordar os retos máis relevantes da Coruña metropolitana sobre a base da articulación de políticas públicas”, recordou Ferreiro. “En definitiva, o noso obxectivo foi sempre o de traballar a prol da reactivación dunha verdadeira área metropolitana coa que conseguir mellorar a calidade de vida da cidadanía, promover o desenvolvemento dunha área urbana sostible, construír unha economía local competitiva, equilibrada e redistributiva e establecer unha base tecnolóxica conxunta, para poder avanzar e competir”, expuxo o alcalde coruñés. “Poñer en marcha unha estratexia común para chegar a estes obxectivos demanda tamén de concreción a nivel xurídico, polo que é necesario impulsar a aprobación dunha Lei da Área Metropolitana da Coruña que sirva para definir a estrutura da área en si mesma, a súa composición e as súas competencias”, dixo Ferreiro, quen agradeceu a colaboración amosada polo resto de rexedores da área.

O Concello abordará a innovación nas políticas locais de emprego a través dunhas xornadas abertas á cidadanía os días 3 e 4 de novembro

octubre 18, 2016 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña organizará, os próximos 3 e 4 de novembro, as xornadas A innovación nas políticas locais de Emprego. O seminario, que terá lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña, impartirase en horario de mañá e incluirá parladoiros en relación coa situación de emprego na comarca da Coruña, ou ferramentas de apoio ao emprendemento. Na xornada inaugural do día 3 participarán, entre outros, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, ademais do persoal técnico dos municipios galegos da Coruña, Ferrol, Vigo, Santiago e Lugo, que valorarán as políticas locais na promoción económica, así como os distintos programas propios e doutras administracións competentes neste sector. Os colectivos representantes das persoas traballadoras tamén ofrecerán a súa análise sobre o acceso ao mercado laboral e o estado do mesmo, ao igual que representantes doutras entidades públicas, como o Observatorio Ocupacional da UDC, e privadas.

Xa na mañá do venres 4 abordaranse os programas e ferramentas de apoio ao emprendemento, e a estratexia de promoción económica e de grandes urbes como Madrid ou Barcelona. A inscrición destas xornadas é gratuita, e pode formalizarse a través do formulario web https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdaVgpkKjhMc_RlqxUdbJfPeN-G-PgzDRaWFRoN5Sg 0ArytQw/viewform?c=0&w=1, dispoñible na páxina web municipal www.coruna.gal/emprego.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...